28.4.15

UNHA CLASE MOI ESPECIAL


 Estamos estudando Europa e onte tivemos unha clase moi especial.  O noso profe foi un compañeiro de 3º, Thomas, que é italiano e veu falarnos da súa terra de orixe. Naceu e viviu a súa infancia nun pequeno pobo do norte de Italia, rodeado de moitísimos campos que cultivan trigo que venden ás fábricas da famosa pasta italiana, a marcas como Barilla e outras menos coñecidas. É unha zona moi verde pero o cheiro é un pouco desagradable polo esterco co que se abona os campos. Guiounos con Google maps polos sitios onde viviu de neno, ata os 10 anos que veu vivir a Cangas coa súa nai. Preto da súa casa e do cole no que estudou hai un bosque cun castelo que é reserva natural moi rica en flora e fauna onde Thomas ía pasear coa súa avoa. Tamén nos falou do clima, moi frío no inverno, chegando a nevar, e moito calor no verán. Pero é un frío seco sen tanta humidade como a que temos en Galicia. Alí cando chove cae moi forte, mesmo sarabia, pero ao pouco xa pode facer sol. Nesta zona do interior como non hai praias, teñen moitos aquaparcs.

Unha das cidades importantes próximas á súa vila é Mantua, chamada en italiano normativo Mantova. Pero xa nos explicou Thomas que non hai un italiano senón moitos: cada zona ten o seu xeito de falar, con variantes propias, e a nosa tradución non está tirada do italiano normativo senón da fala de zona. Está preto do lago di Garda e ten un coidado centro histórico de rúas adoquinadas cheas de pazos, casa antigas e cúpulas enormes no que están prohibidos os coches polo que é moi agradable pasear e andar en bici. Falounos da famoso carreira “Gran Nuvolari” organizada en honor ao piloto Tazio Nuvolari, que xa vai pola súa 22 edición. Audaces pilotos montan co elegancia nos seus coches de época  que van desde 1923 hasta 1969, verdadeiras xoias dignas de museos que percorren os máis fermosos lugares do Norte de Italia.



Tamén viviu en Verona, a cidade na que Shakespeare ambientou a historia de Romeo e Xulieta. Unha das visitas obrigadas é un edificio, do século XIII, chamado Il Cappello, do que se conta que era o pazo dos Capuleto (a familia de Xulieta), que ten centos de mensaxes de amor escritos na súa entrada. O famoso balcón engadiuse en 1928. Tamén é posible visitar a súa tumba.
Mostrounos tamén onde estaba o Arena, un dos anfiteatros máis importantes da época romana, onde se celebran concertos e espectáculos no verán; a Piazza delle Erbe, antigo foro romano, con interesantes edificios, como a Torre Dei Lamberti de 84 metros de altura, e un alegre mercado polas mañás. É una cidade moi especial para celebrar o San Valentín.





 
 

No comments:

Post a Comment

e ti que dis?