29.5.15

APRENDENDO NA NATUREZA DAS ILLAS CIES



Moito se falou das Illas Cíes este ano. Dunha banda a procura de apoios á súa candidatura para Patrimonio da Humanidade; doutra, a consideración no diario británico The Guardian da illa de Rodas como a mellor praia do mundo , “perfecta medialúa suave e pálida, cuberta por pequenas dunas abrigadas por un tranquilo lago de auga limpa como o cristal”.  Por sorte hai xa anos que os galegos e galegas, conscientes do seu valor, reclamamos a súa protección. As Illas Cíes foron declaradas Parque natural en 1980 e están incluídas no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galiza  creado o 1 de xullo de  2002 xunto con Ons, Sálvora, Noro, Vionta, Cortegada e Malveiras. Ademais, polas importantes colonias de aves mariñas, as Illas Cíes contan coa declaración de Zona de Especial Protección para as Aves. Tamén son un lugar de importancia comunitaria e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.  Que mellor xeito de celebrar a chegada do bo tempo que percorrer este paraíso natural que temos tan preto de nós aprendendo a valoralo e conservalo? Os/as monitores aprendéronos moito sobre paisaxe, flora e fauna das illas e faláronnos tamén dos perigos dos que as tentan protexer como as especies invasoras. E regresamos con ganas de térmonos quedado máis tempo no seu camping e, por suposto, con todo o lixo de volta, para non emporcar este marabilloso espazo desde o que puidemos contemplar desde unha nova perspectiva, tan perto, a nosa costa da Vela e Cabo Home.






28.5.15

DESTAPA O GALEGO NA CULTURA: cine e literatura


O cine foi este curso un xeito interesante de achegármonos a literatura do programa o alumnado de 2º de Bacharelato. Traballamos O lapis do carpinteiro (Manuel Rivas), A lingua das bolboretas (Manuel Rivas), A mariñeira (Darío X.Cabana), Sinbad (Cunqueiro), O club da calceta (María Reimóndez), Trece badaladas (Suso de Toro), Romasanta (Alfredo Conde), realizándose encontros de debate nos recreos. E, por suposto, fomos ao cine ver a versión cinematográfica de A esmorga (Blanco Amor). Tamén en 4º da ESO tiveron un obradoiro de cine e literatura no que traballaron a novela de Manuel Rivas, O lapis do carpinteiro, e a versión cinematográfica de Antón Reixa. Tres alumnas realizaron un vídeo no que recollen a súa reflexión e que deu pé ao debate posterior.




 

27.5.15

APRENDENDO NA NATUREZA DO CARBALLAL DE COIRO


Chegou a primavera e con ela a nosa cita anual de encontro coa natureza orixinal de Cangas, o bosque caducifolio de carballos e castiñeiros, gardada aínda nese tesouro que temos tan preto do instituto e cada curso descubrimos en 1º da ESO: o Carballal de Coiro. Nós, que a descubrimos o curso pasado, somos agora guías do novo alumnado que chega a 1º, na preparación na aula de Ciencias Naturais, a través do blog, e logo na saída. Este ano a ruta foi diferente. Camiñamos máis e chegamos á Cruz de Hermelo. Volveu acompañarnos á xente da Comunidade de Montes de Coiro, a quen lle debemos a conservación deste lugar, que nos foi indicando os lugares e os nomes das plantas, das árbores e dos paxaros que se deixaban oír. Os estralotes estaban impresionantes, engalanando os campos de lila. Vimos a natureza en todo o seu esplendor, chea de fentos reais. Contáronnos que hai máis de 40 tipos de fentos. Incrible!





22.5.15

DESTAPA O GALEGO NO APOIO AO DEPORTE. Encontro con DAVID CAL


David Cal, o piragüista de Cangas e o deportista español máis veces olímpico, veu clausurar as Xornadas sobre os Xogos Olímpicos que desenvolvemos ao longo desta semana en Cangas. Xunto co alcalde de Cangas, debatemos sobre a necesidade de apoio aos deportistas para que poidan conseguir ese soño de participar nuns Xogos. E logo David Cal falounos da súa experiencia propia. Raquel Blanco e Iago Pastoriza foron os presentadores e moderadores. O himno galego interpretado por alumnado do instituto puxo o broche final a este interesante proxecto do alumnado de 1º de Bacharelato no que o galego se converteu na lingua do deporte.






21.5.15

DESTAPA O GALEGO CON DEPORTISTAS OLÍMPICOS



Hoxe visitaron o instituto dous grandes do deporte galego: Franco Cobas, remeiro olímpico en Roma en 1960 e Carlos Pérez Alonso, atleta olímpico en Roma (1960), México (1968) e Munich (1972) que compartiron con nós a experiencia da súa vida deportiva e, moi en especial, o que significa para un deportista participar nuns Xogos Olímpicos. Judith López e Adrián Pérez Cordeiro presentaron os invitados e moderaron o coloquio posterior.






20.5.15

DESTAPANDO O GALEGO con VOLUNTARIOS NOS XXOO



Onte, dentro das Xornadas sobre os Xogos Olímpicos que se están a realizar no instituto, puidemos presenciar unha exhibición de Ximnasia artística, do Club de Ximnasia de Pontevedra, modalidade deportiva que leva dado moitas satisfaccións ao deporte español nos Xogos Olímpicos. E a continuación conversamos con Jose Ángel Otero Lamas e Roberto Martínez Portela sobre a súa experiencia como voluntarios nos Xogos Olímpicos. Luis Carnero e Cristina Cáceres, de 1º Bach, presentaron os invitados e moderaron o debate. 






19.5.15

DESTAPA O GALEGO conversando sobre A MULLER NO DEPORTE.


Onte, tras a inauguración oficial das Xornadas a cargo do noso director, afondamos no tema  das diferenzas entre homes e mulleres no deporte para o que contamos coa presenza de Marta Souto González, ex directora xeral da Xunta de Galicia para o deporte, e Cristina Fernández Piñeiro, ex árbitra de balonmán a nivel internacional e tamén da Liga ASOBAL.

Tras unha breve introdución feita por Ana Gómez e Ana Vilanova, alumnas de 1ºBachD,  sobre a historia das mulleres dentro dos Xogos Olímpicos, Marta Souto explicounos detalladamente en que aspectos está patente que a muller segue a ter moitas dificultades dentro do mundo deportivo e contra que teñen que loitar non só as deportistas de vangarda, senón tamén as de categorías inferiores. Cristina Fernández, pola súa parte, falounos da súa propia experiencia como árbitra: de como día si e outro tamén tiña que escoitar comentarios machistas ou como se tivo que afrontar a que moitas veces a rexeitasen dentro das propias organizacións polo feito de ser muller.

Unha cousa nos quedou moi clara: aínda queda moito por facer en materia de igualdade, e máis en ámbitos deste tipo.






18.5.15

DESTAPANDO O GALEGO NO DEPORTE. XORNADAS SOBRE OS XOGOS OLÍMPICOS.



O alumnado de 1º de Bacharelato preparamos para todos vós unhas xornadas sobre os Xogos Olímpicos. Sergio Martínez Cancelas, Francisco Durán Casais e  Iris Costa Corrales realizaron unha rolda de prensa presentando as Xornadas que se desenvolverán entre o 18 e o 22 de Maio como despois veu reflectido na prensa. Xa podedes pasar a ver a exposición que homenaxea, na parte central- decorada cun podio, unha piragua de verdade e os aros característicos- os olímpicos do Morrazo, cun espazo destacado para os olímpicos de Cangas, David Cal, Teresa Portela e Carlos Pérez Rial “Perucho”. Nos corredores laterais percórrese a historia dos Xogos Olímpicos da Era Clásica nun lado e na Era Moderna do outro (orixes, competicións, vencedores, normas, o COI, carteis). Teremos tamén interesantes charlas que organizamos nós, contactando cos relatores. Encargarémonos ademais da presentación e da moderación do debate posterior. E, por suposto, todo en galego.






15.5.15

DESTAPANDO O GALEGO NA CELEBRACIÓN DAS LETRAS



Achegase o Día das Letras Galegas. Por iso hoxe, nas últimas horas, suspendéronse as clases e reunímonos no patio para celebrar que temos unha lingua e unha cultura propias, nacidas na nosa terra; unha lingua e unha cultura que nos fan especiais e coas que enriquecemos a diversidade creativa do mundo. Pero termos unha lingua propia é tamén unha responsabilidade porque agora depende de nós o seu futuro. Por iso hoxe DESTAPAMOS O GALEGO que levamos dentro e deixamos saír ao vento as palabras do noso pobo, as palabras que a nosa xente mantivo vivas coa familia e cos amigos naqueles tempos en que non nos deixaban falar libremente. E tamén as palabras que tivemos que reinventar despois de que nos fosen roubadas e que agora xa podemos aprender na escola. As palabras do campo e do mar, e tamén da fábrica e do comercio, da ciencia e da tecnoloxía e do tempo de lecer.



Para preparar este acto, encheramos un bote de palabras na aula. E hoxe entramos na botella pintada no chan do patio e berrámolas forte porque non queremos que se esquezan. Palabras da natureza para chamar os animais (1º ESO A), as plantas (1ºESO B) e a paisaxe(1ºESO C);  palabras para sentir (2ºESO A), para a tecnoloxía (2ºESOB) e para a cociña (2ºESOC); palabras para chamar as partes do corpo humano (3ºESO A), para a medicina (3ºESO B) e para o clima (3ºESO C); palabras que nos levan de viaxe (3ºESO D); palabras para as mates (4ºESO A); palabras fermosas para mocear (4ºESO B) e sentilas especias e moi nosas (4ºESO C). Palabras para o laboratorio (4ªESO D) e para a informática (FP Básica). Cada aula formou unha burbulla e nela fomos agasallados con galletas máxicas en forma de botella con poderes para axudarmos a botar fóra o galego que levamos dentro. 

Os profes do instituto tamén lembraron a súa responsabilidade na transmisión da lingua (que non saia un alumno nin unha alumna de Rodeira sen saber falar e escribir en galego con soltura) e berraron palabras en defensa do ensino en galego.

E rematamos o acto cantando o himno que nos define como galegos e galegas.








Rematado o acto, o patio encheuse de xogos populares.





12.5.15

CREA GALEGO: Correlingua 2015




Chegou o día da gran festa do galego para o noso EDLG e para todos os coles do Morrazo. E alá fomos, ataviados co noso pin: CREA GALEGO e cheas de ganas de defender o galego. Comezamos a cantar no autobús e xa non paramos en todo o camiño.








En Bueu, xuntámonos máis de 2000 alumnos e alumnas, sobre todo peques, e tamén maiores de tres institutos: o Xohan Carballeira de Bueu e o María Soliño e Rodeira de Cangas. O noso alumnado dividiuse: a metade axudou nos xogos para o alumnado de infantil. 







E a outra metade, co profe de música Aleixo, animamos a marcha en defensa do galego polas rúas de Cangas. 
 


 

Ao regreso xuntámonos todos e todas para escoitar a Xurxo Souto, cantante, acordeonista, escritor, actor, director e locutor,  que veu presentar e animar o acto.  Representantes dos tres institutos deron lectura ao manifesto gañador, escrito á xeito de conversa de whassap.  http://www.correlingua.org/sites/all/arquivos/bokaneirs.pdf. Luís e Ana deixaron ben alto, coma sempre, o pavillón de Rodeira. Tamén actuou o alumnado do CEIP Sagrada Familia que gañou o concurso de vídeo coa canción “O galego é de todos” http://www.correlingua.org/noticias/o-premio-do-concurso-de-video-vai-para-cangas-do-morrazo









E chegou logo o concerto máis esperado, as cancións ensaiadas nas aulas de música de todos os coles, que puideron cantar e bailar con Paco Nogueiras e o seu espectáculo Brinca vai. Mentres soaba a súa música, o alumnado dos institutos aproveitamos para conversar e coñecérmonos. E tamén para competir nos xogos populares.





 

DESTAPA O GALEGO COÑECENDO O NOSO PATRIMONIO. En Celanova



O alumnado de 2º da ESO visitamos Celanova e estivemos no Mosteiro de San Rosendo coa capela mozárabe de San Miguel e a Casa dos poetas, participando ademais nun concerto e na lectura de poemas de Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro.



 


6.5.15

DESTAPA O GALEGO PARA ACHEGÁRMONOS AO PORTUGUÉS: Em Guimarães


Os días 29 e 30 de abril o alumnado de bacharelato emprendemos unha viaxe, xa clásica no noso centro, a Guimarães grazas a cal puidemos desconectar da dura rutina dos bachareis.
Despois da viaxe en autobús chegamos ao noso primeiro destino: o Castelo de Guimaraes. Alí esperábanos a nosa guía Ana, tamén xa clásica nesta saída, quen nos falou todo o tempo en portugués. Tamén estaba, xa lista, a cámara de Tilves para tirarnos a primeira foto. Visitamos este castelo que é o berce do nacemento de Prortugal. De seguido visitamos tamén o Pazo dos duques de Bragança e a Capela de san Miguel onde supostamente fora bautizado Afonso Henriques. A continuación, fomos polo casco histórico da vila e xantamos. Xa de tarde visitamos o museo Martín Sarmiento, construído nun antigo convento. Alí albérganse obxectos castrexos atopados polo propio Sarmiento. Ao saíres de alí, un teleférico elevounos ata o monte da Pena onde había unhas vistas espléndidas e unha igrexa construída durante a ditadura de Salazar. Dende alí arriba puidemos observar toda a vila, e aproiveitando a ocasión,Tilves tomounos outra foto.
Xa para rematar este longo aínda que produtivo día, instalámonos na Pousada da Xuventude co obxectivo de “durmir” e “descansar”.

O segundo día tiña pinta de ser bastante duro, ninguén se excedía ao dicir que sería peor que unha clase de galego. As olleiras chegaban ao chan, e a cámara de Tilves rondaba para pillar as caras do seu alumnado.
Xa postos a saír, collemos o autobús ben cedo -algúns xa preferían pór destino a Cangas- e chegamos a Briteiros. Alí visitamos a Citania Castrexa que era enorme e con moitísimas hectáreas aínda sen desterrar. Esta fora mercada por Martín Sarmiento, e foi grazas a el que hoxe inda siga en pé. Dende alí dirixímonos ao Santuario do Bom Jesus, construído no alto de Braga e a continuación baixamos ao centro cidade. Alí todo eran igrexas ou edificios que algo tiñan de relixioso. Fíxosenos unha andanza moi dura por Braga. Chovia a chuzos e estabamos todos que non podiamos máis. Parecía que o momento de subir novamente ao bus non chegaba, pero aínda que se fixo de rogar, chegou. Todos subiamos ao bus con cara de felicidade, con ganas de durmir durante a viaxe e de estar tranquilos. Tampouco puido ser así, Tilves aproveitou as sonecas da xente para seguir tirando fotos, aínda que chegados a este punto, xa todo daba igual.

Finalmente chegamos a Cangas, a nosa vila, cunha chea de coñecementos sobre a historia de Portugal e quizáis tamén cunhas cantas fotos.


 

4.5.15

DESTAPA O GALEGO COMPARTINDO EXPERIENCIAS: En Londres.


Entre o 29 de abril e o 4 de maio, un grupo de alumnado de 1º de bacharelato puidemos deixar de lado a dura rutina estudantil de apuntamentos e subliñadores para botarnos a camiñar polo mundo adiante, como auténticos guiris, pau de selfie en man.  Co obxectivo de poñer en práctica o noso inglés e coñecer de preto a cultura angloxasoa, percorremos os lugares máis emblemáticos da cidade de Londres: o British Museum, a National Gallery, a Tate, Covent Garden, o parlamento británico, a abadía de Westminster, Buckingham, o London eye, Hyde Park, a catedral de Saint Paul, Greenwich, o río Támese, Picadilly Circus, a torre de Londres...

Despois deses seis días, ningún de nós quería volver a casa. A experiencia fora curta pero intensa: En cinco días puidemos apreciar a gran multiculturalidade que convive nas grandes cidades e o respecto que se ten polas culturas. Pódese considerar que a cúspide desta premisa é o feito de que a maior parte dos museos sexa gratuítos. Neles gozamos dos máis coñecidos símbolos das culturas antigas e achegámonos á arte clásica e á contemporánea; e tamén houbo espazo para a historia natural e a tecnoloxía. Ademais, viaxamos en barco polo Támese -e atravesámolo tamén baixo terra-, subimos chanzo a chanzo todas as escaleiras da Catedral de Saint Paul, pasámolo en grande co musical Mamma mia!, sentímonos como en Cumbres borrascosas ou nos libros de Jane Austen ao admirar a paisaxe máis campestre, tiramos a foto de rigor en Abbey Road (con intruso incluído) e no andén 9 3/4 ,  regateamos en Candem Town, percorremos as rúas polas que se movía Jack O destripador, atopámonos con outros galegos -como non podía ser doutro xeito-, aproveitamos para botarlle un Alfonso da herba en Hyde Park, coñecimos de preto a historia do lugar e crímonos dentro das máis coñecidas películas e series ao vernos arrodeados da tan característica estética de ladrillo vermello (ademais dos hiper-fotografados autobuses vermellos e cabinas telefónicas).

Trala accidentada volta a casa, custou afacerse á idea de volver á rutina (e a ter que cambiar o “perdón” polo “sorry”,que xa pronunciabamos á perfección despois de seis días movéndonos en metro). A experiencia foi insuperable e trouxemos moitas anécdotas connosco. Con este bo sabor de boca, de seguro que non ha ser a derradeira vez que saiamos coñecer mundo. Que ganas de explorar novos lugares!






UN CURSO EN CANADÁ


Marta Giráldez Villar é unha alumna de 2º de Bacharelato do IES Rodeira que tivo a oportunidade de estudar, o curso pasado, no instituto ‘’Mount Baker Secondary School’’, en Cranbrook, un pobo do sudeste de Canadá, situado na zona anglófona do país. A súa compañeira Raquel  Refojos entrevistouna para poder coñecer máis a fondo as súas sensacións, vivencias e recordos tras a súa aventura no estranxeiro.

Por que decidiches estudar no estranxeiro?
A verdade é que era algo que xa tiña en mente desde había bastante tempo. Sempre tiven a curiosidade de saber como era o mundo máis alá da nosa cultura e quería ter esa experiencia de vida na que aprendes a ser independente, a valerte por ti mesma e sobre todo a convivir e comprender o funcionamento da vida e da rutina nun entorno cultural totalmente distinto. 

 Cumpríronse as túas expectativas coa túa experiencia?
Sinceramente non tiña unas ‘’expectativas’’ ou obxectivos definidos, por así dicilo, senón que máis ben foi a propia experiencia a que me sorprendeu, brindándome oportunidades, vivencias e mesmo leccións vitais que nunca tivera en mente antes. Quero dicir, máis alá de aprender inglés, o feito de vivir un ano fóra da casa, da comodidade familiar e do círculo de amizades habitual, o feito de ter que comezar de cero obrígalle a un mesmo a madurar e tomar as rendas do seu propio camiño. Hai situacións nas que por primeira vez na túa vida te atopas ‘’só ante o perigo’’ e os teus pais e amigos non están contigo para solucionar os teus problemas, nin sequera están o cerca que precisas para darche o seu apoio, por isto é unha experiencia vital na que o máis importante, desde o meu punto de vista, é a independencia e madurez que acadas, así coma a oportunidade de coñecerte a ti mesmo, coas túas fortalezas e debilidades.

Que foi o que máis te chamou a atención da cultura canadense?
Hai moitas cousas diferentes con respecto á nosa cultura que chaman a atención e que todos coñecemos porque as temos visto xa nas películas, pero non é o mesmo contalo que vivilo. Para comezar, os horarios nos que se estrutura a súa rutina son totalmente distintos. Entre as 11.00h e 12.00h, cando en España estariamos tomando unha pequena merenda, para os canadenses é a hora do ‘’lunch’’, o equivalente á nosa comida do mediodía, coa diferenza de que eles se conforman cun bocadillo, un ‘’wrap’’ ou algo lixeiro e fácil de levar ao traballo, colexio, instituto, etc. Pola contra,a súa comida grande é a cea, que se toma entre as 17.00h e as 19.00h da tarde. A esta hora poderiamos dicir que para eles remata o día, mentres que para os españois a tarde acaba de comezar. Tamén me chamou a atención que alí se valoren certas actividades que aquí quizais se enfocan desde outra perspectiva, coma o feito de que sexa igual de válida a materia de cociña ou teatro que a de filosofía, química ou xeografía, cousas que nos nosos centros é difícil de atopar fóra do ámbito extraescolar. Como estas podería dicir moitas outras cousas que son diferentes respecto da nosa cultura, coma que os adolescentes, na maior parte dos casos, xa estean traballando desde os 15 anos ou que a os 16 estean sacando o carné de conducir, pero como dicía, son cousas que xa temos vistos todos nas películas, só que o feito de vivilas chama a atención.

 Algunha experiencia que nunca esquecerás?
Hai moitas experiencias, demasiadas quizais, que nunca borrarei da miña memoria. Entre elas podería destacar todas as actividades das que tiven a sorte de disfrutar co programa de ‘’International students’’ no que estaba rexistrada. Fixemos ‘’River rafting’’, visitamos o marabilloso Parque Nacional de Banff, onde fixemos sendeirismo, ‘’dogsledding’’ en Alberta, que consiste en ir nunha zorra tirada por cans, uns Huskies Siberianos preciosos por certo. Este día foi moi divertido, aínda tivemos un pequeno contratempo. Á miña amiga e a min, que dirixiamos a zorra, escapóusenos cunha terceira persoa dentro. Levamos un pequeno susto pero por sorte ninguén resultou ferido, foi unha experiencia para non esquecer nunca. Tamén fixemos actividades coma as ‘’xornadas multiculturais’’, nas cales os estudantes internacionais  iamos polos distintos colexios da zona, ensinándolles aos máis cativos como era a cultura do noso país, os nosos costumes, xogos, cancións... Aos nenos encantáballes. E como estas podería contarche moitas máis, partidos de Hockey, intentos (case todos falidos) de  aprender a patinar sobre xeo, esquí… Tamén tiven a sorte de gozar dunha viaxe a Vancouver nas vacacións de ‘’Spring Breaks’’ cunha das miñas amigas de México. Foi realmente divertido, unha cidade preciosa, ben coidada e con lugares envexables. Repetiría esa viaxe unha e mil veces se puidese!

 Por que Canadá e non outro lugar?
Hei dicir que nunca tiven Canadá en mente, o meu soño sempre fora ir a Estados Unidos, así que poderiamos dicir que non fun eu buscando Canadá senón que Canadá me atopou a min. Todo foi casualidade, unha amiga da miña nai mirou anunciado no xornal que Amancio Ortega sacara 100 becas para estudar en Canadá e díxome que probara a apuntarme. Eu non o tiña nada claro, ademais, sabía que era moi difícil, case imposible, saír entre os 100 elixidos, pero ao final apunteime no último momento e conseguín unha das becas. Apuntarme foi, sen dúbida, unha das mellores decisións da miña vida.

 Foi difícil adaptarse a vivir 24h nun idioma que non era a túa lingua materna?
Non é fácil, sobre todo ao principio. Lémbrome perfectamente de cando cheguei, totalmente asustada, e a miña familia de acollida comezou a falarme, abrazarme a darme indicacións, das cales entendín a cuarta parte, e xa me parece moito. Pero o tempo pasa e o oído se acostuma, pouco a pouco a túa mente asume como normais vocabulario, palabras, expresións que ao principio resultaban case initelixibles. O máis difícil para min foi, sen dúbida, conseguir entender aos nenos pequenos, os fillos dos meus pais de acollida, os cales falaban moito e moi rápido. O momento no que fun consciente de que os entendía perfectamente púxenme moi contenta, así coma cando comezaba a entender todas as películas, aos profesores e incluso cando tiven os meus primeiros soños en inglés. Son pequenos detalles que, para min, resultaban realmente reconfortantes. Eran coma os meus pequenos logros.

 Encontraches moitas dificultades ao principio?
A verdade é que o proceso de adaptación non é fácil. O máis difícil para min foi todo aquilo relacionado co idioma máis que a adaptación a novos costumes, xa que persoalmente non me resultou tan difícil o feito dos novos horarios de comidas nin nada polo estilo. Iso si, as primeiras semanas custoume moito orientarme, situarme e comprender algunhas cousas por falta de comprensión idiomática. O primeiro día de instituto estaba moi nerviosa e, por suposto, non entendín ningunha das indicacións que o director nos deu na presentación. Aínda me pregunto como conseguín chegar ás aulas correctas e sen perderme, porque o instituto era case un labirinto, con escaleiras por todas as esquinas e moitísimo alumnado, xa que era o único instituto do pobo. Respecto ao idioma, lembro algunhas situacións que agora me resultan graciosas pero que no seu día resultaron incómodas, sobre todo por erros de pronuncia. Unha vez, quería dicirlle á miña nai canadense que ía lavar os dentes, e dixen ‘tits’ en lugar de ‘teeth’. Por suposto, ela rompeu a rir. Desde aquel momento quedoume moi claro como se pronunciaba a palabra ‘dentes’.

Algún consello para aqueles que teñan en mente ir estudar fóra?

Diríalles que se teñen a oportunidade de estudar no estranxeiro non o dubiden nin un instante, nin teñan medo. Ao principio pásase mal, é certo, pero como todo nesta vida é cuestión de acostumarse. Cando un vive fóra, tan lonxe de casa, das comodidades do seu entorno e se abre paso cara un novo mundo, totalmente distinto a todos os niveis, faise consciente de moitas cousas, aprende a valorar e a ser independente. Descubre novos puntos de vista e formas distintas de facer as mesmas cousas. Como xa dixen antes, máis alá de aprender unha nova lingua, é unha experiencia vital, unha nova vida nun ano. A todos os que queiran marchar fóra ou estean indecisos diríalles que non o dubiden máis, adiante. É unha oportunidade única, da que me sinto realmente afortunada, que me brindou a posibilidade de coñecer novos lugares, vivir experiencias incribles, coñecer xente marabillosa e valorar, medrar e madurar. A todos os pequenos exploradores, sen medo, lanzádevos a coñecer mundo, porque é algo do que nunca vos ides arrepentir.