29.5.18

PERCORRENDO AS ILLAS ATLÁNTICAS

Que ben o pasamos na excursión a Ons e a Sálvora! Ons xa repetiamos pero a maioría de nós fomos á illa de Sálvora por primeira vez e con visita guiada. Encantounos!. Agora xa coñecemos mellor o noso marabilloso parque natural das illas Atlánticas!





 

25.5.18

ATRÉVETE A POÑER O GALEGO DE GALA

A nosa lingua púxose de gala para despedir ao alumnado de Bacharelato e ciclos. Foi a lingua dos e das presentadoras e dos discursos do alumnado e do director do centro. 







Tamén foi a lingua dunha montaxe audiovisual realizada polo alumnado de "Cine e literatura".

O inglés segue a mandar na música pero este curso o alumnado atreveuse coa bossa nova, interpretando en portugués "A garota de Ipanema" de Joao Gilberto. E, como despedida informal, invitaron ao público a acompañalos cun tema en galego de Heredeiros da Crus. E xa, de forma solemne, o Himno galego puxo o broche final ao acto.




 

24.5.18

ATRÉVETE A DEFENDER O ENTORNO NATURAL

Paseino moi ben onte na excursión ao monte Ermelo. Aprendemos moitos tipos de plantas, árbores, arbustos, flores  e fauna propios de Galicia que aínda conservamos en Cangas grazas a esta gran Carballeira que chega ata Coiro.
Acompañáronnos catro comuneiros (son persoas que forman parte da comunidade de montes e dedícanse a xestionalo) moi amables, que sabían moito sobre plantas e animais. Explicáronnos o que era a comunidade de montes, e respondíannos a preguntas que lles faciamos. Iso último estivo moi ben, porque eu pensaba que só ían falar eles e que tiñamos que copiar e escoitar, pero lles podíamos preguntar dúbidas e completabamos curiosidades que nos interesaban, non só as obrigatorias.
Outras cousas que me gustaron foron que poder tocar as plantas das que nos falaban, así podíamos ver as súas características; poder beber a auga do nacemento do río Bouzós; e tamén a historia que nos contaron antes de dividirnos en grupos e comezar a a camiñar. Antes, cando as persoas casaban, dábaselle ao novo matrimonio un anaquiño de monte, para que puidesen criar algunha vaca, cabra ou ovella ou para plantar algunha verdura ou hortaliza. Agora isto xa non se fai. O monte é de todos e xa non hai tantos animais coma antes.
En resumo, esta excursión foi moi divertida á vez que interesante.







18.5.18

ATRÉVETE A SENTIRTE GALEG@



O Himno do antigo Reino de Galicia abriu a nosa celebración do Día das Letras Galegas que este ano lembra  á escritora Mª Victoria Moreno. Non hai mellor exemplo para o noso lema deste ano: ATRÉVETE porque MªVictoria Moreno foi de verdade unha atrevida, unha muller valente que non aceptou poñerse escusas a si mesma: se comprendía que algo debía ser así poñíase mans á obra de inmediato, sen importarlle críticas nin represalias.

Mª Victoria Moreno naceu en Estremadura, estudou o Bacharelato en Barcelona e a carreira de Filoloxía Románica en Madrid. Chega a Galicia con 24 anos en pleno franquismo, cando se dicía que o galego era lingua de ignorantes e moitos galegos e galegas sentían vergoña de falalo, e ela, unha muller culta, coñecedora de varias linguas, comprende cal é a situación que vive a nosa lingua e ATRÉVESE a facer do galego a súa lingua habitual. E aínda se ATREVERÍA a máis. Nesa época que lle tocou vivir, co galego prohibido nas escolas, ela, que era profesora de instituto de lingua castelá, desafía as leis franquistas e comeza a dar galego nas súas clases dos venres. E a impartir cursos de galego para persoas adultas que lle trouxeron problemas coas autoridades.

Por fin morreu o ditador e o galego puido entrar nas aulas. Pero non había lecturas en galego axeitadas para nenos e nenas e xente nova. E xa tedes a Mª Victoria Moreno, apaixonada da literatura, ATREVÉNDOSE  a escribir e publicar ela mesma e a colaborar activamente na creación dunha literatura infantil e xuvenil en galego, chegando a dirixir a Colección Árbore da Editorial Galaxia.

Neste ano 2018, un ano histórico para a loita feminista pola igualdade, felicitámonos de que a Real Academia Galega escollese por fin, tras dez anos de espera, unha muller. María Victoria Moreno é a cuarta muller homenaxeada no Día das Letras –despois de Rosalía de Castro, Francisca Herrera e María Mariño- fronte a máis de cincuenta homes. Un pequeno paso nun longo camiño por andar para o recoñecemento do destacado papel das mulleres galegas na vida cultural e profesional.

María Victoria Moreno é unha galega de adopción que nos leva a preguntarnos sobre o que significa realmente sentirse galegos e galegas. Ela definía a súa relación co galego como unha historia de amor. Nada existe se non somos quen de darlle nome. A lingua galega deu forma real ao pensamento do noso pobo que permanece nas palabras. Se somos capaces de amalas, de falalas de escribilas, de lelas… nunca deixaremos de ser quen somos. Por iso invitamos a toda a comunidade educativa a sumarse á construción dun manifesto colectivo no que buscamos definir a nosa identidade como galegos e galegas a través das palabras da nosa lingua. Porque os fíos que atan as palabras a nós son ese legado que nos une, que chegou a nós e que queremos que siga unindo a cantos vivimos nesta terra e aos que veñan despois de nós.

1º ESO A: Sentirse galego, sentirse galega é atreverse a sentir as fondas raíces que nos unen a unha TERRA verde e pronunciar unha e mil veces as palabras creadas para darlle formas: OUTEIRO, MARIÑA, FRAGA, ILLA, BEIRAMAR,  NÉBOA, TREBOADA, LUME, TEBRA...



1º ESO B: Sentirse galego, sentirse galega é atreverse a protexer todo canto medra nesta terra e pronunciar unha e mil veces as palabras que a fan verde: CARBALLO, TEIXO, LARANXEIRA, CERDEIRA, XESTA,TOXO, FENTO, ACIVRO, ACIÑEIRA, CARBALLEIRA, SILVEIRA, ESTRUGA, MOREIRA, GRELOS, REPOLO, CHÍCHARO, MARGARIDA...

 

1ºESO C:  Sentirse galego, sentirse galega é atreverse a defender todo canto habita esta terra verde e pronunciar unha e mil veces as palabras que dan nome ás nosas especies: BOLBORETA, ESCORNABOIS, PÍNTEGA, PITIÑOS, DONICELA, CAN...


2º ESO A: Sentirse galego, sentirse galega é atreverse a ser MAR e defender toda a riqueza das súas augas profundas: OLLOMOL, XOUBIÑA, SARDIÑA, RINCHA, ARROÁS, BOQUEIRÓN, MARAGOTA, RAPANTE, QUENLLA, POLBO...
 


2º ESO B: Sentirse galego, sentirse galega é atreverse a sentirse parte dun pobo que navegou os mares: DORNA, GHAMELA, TRAINEIRA, CHALANA, PERCEBEIRO, MARISCADORA, MARIÑEIRO, XEITO...


2º ESO C: Sentirse galego, sentirse galega é atreverse a atoparnos a nós mesmos mirando o mar: RODEIRA, CABO HOME, COSTA DA VELA, LIMÉNS, A CONGORZA, AREAMILLA, MENDUÍÑA, ARNELES


3º ESO A: Sentirse galego, sentirse galega é atreverse a gozar arredor do que compartimos coa familia e cos amigos, é sentar arredor da mesa e compartir risos e conversas; e comezar a comer a unha da tarde e rematar ás seis e despois xogar ao chinchón… É comer filloas no verán e facer boas paparotas...


3º ESO B: Sentirse galego, sentirse galega é atreverse a non perder as tradicións e o patrimonio: AMORIÑA, BREOGÁN, CASAS DE PATÍN, DONÓN, ENTROIDO, FURANCHO, GAITAS, HÍO, LOUREIRO, MAIOS, MUIÑEIRA, NÉCORA, ORBALLO, PANDEREITEIRAS, RETRANCA, SAMAÍN…

 

 3º ESO C: Sentirse galego, sentirse galega é atreverse a non deixar de sentir nunca: LEDICIA, AMIZADE, CARRAXE,  LIBERDADE, CÓXEGAS, BICOS, APERTAS, ALOUMIÑOS, AFOUTEZA, SONECA, NOXO, IGUALDADE
 
 
3ºc from lingualiza on Vimeo.

 3º ESO PEMAR: Sentirse galego, sentirse galega é entender o mundo á nosa maneira e non poder prescindir de palabras como RESESO, COLO, CHOLLAR, FUCHICAR, CHOSCO, ESVARAR, ROSMAR, PARVO...


 4º ESO e Bacharelato: Sentirse galega, sentirse galego, non é só saber de onde vimos senón tamén cara a onde queremos camiñar. Atrevernos a continuar na loita por un futuro noso: contra a emigración forzosa, TRABALLO NA TERRA; contra a burbulla inmobiliaria INVESTIGACIÓN E TECNOLOXÍA; contra a sobreexplotación, REPOBOACIÓN; contra eucaliptos, CARBALLOS; contra os incendios, EXPLOTACIÓN RACIONAL DO MONTE; contra a contaminación, RECICLAXE; contra a corrupción, CONCIENCIA CÍVICA e XUSTIZA; contra o acoso ao diferente, A DIVERSIDADE COMO RIQUEZA; contra o machismo, IGUALDADE; contra a privatización, ENSINO E SANIDADE PÚBLICAS E GRATUÍTAS; contra os abusos, DEREITOS HUMANOS; contra as ideas únicas, TOLERANCIA; contra a incomunicación, FALADOIROS; contra a censura, LIBERDADE; contra o racismo, RESPECTO; contra o desprestixio da lingua, REIVINDICACIÓN; contra a perda de identidade, ORGULLO...



E as Letras Galegas convertéronse en galletas para agasallar a todos e todas os que quixeron participar. Moitas grazas a todas as voluntarias que  as prepararon para a festa.















O himno galego puxo fin ao acto.


E entrelazamos os carteis nos fíos.






E despois, xogos populares.







 





17.5.18

EN CELANOVA



Onte o alumnado de 2º ESO fomos de visita a Celanova e Vilanova das Infantas. Marchamos a primeira hora da mañá e volvemos pola tarde, sobre as sete. Cando chegamos a Celanova, despois dunha viaxe de hora e media, deixáronnos un tempo de descanso antes de comezar a visita ao Mosteiro de San Salvador de Celanova.
Unha vez dentro, unha guía chamada Paula explicounos cal ía ser o noso itinerario durante todo o día e contounos a historia do edificio. A continuación dirixímonos por unhas espectaculares escaleiras de pedra á zona do coro alto. Alí, agardábanos unha profesora de órgano do conservatorio de Ourense, que nos explicou para que servía a zona do coro na que estabamos e que era o que facían os monxes nela. Logo falounos da orixe, a evolución e o funcionamento do órgano. Definiuno con tres palabras: teclas, tubos e aire. Máis tarde tocounos unhas pezas, unha de Johan Sebastian Bach e outra da película "Piratas del Caribe" e, a continuación, fíxonos o acompañamento mentres algúns de nós tocabamos coa frauta dúas pezas: "Zarabanda" e "O Fortuna".



Despois do concerto didáctico fomos visitar a Casa dos Poetas, que ocupa a que era a casa natal do poeta celanovés Curros Enríquez, pero antes de chegar a ela paramos un intre para vermos a fachada da antiga casa do tamén poeta de Celanova Celso Emilio Ferreiro, que agora é unha vivenda particular.
Na Casa dos Poetas faláronnos moito da vida e obra de Curros, de cando era neno, de como se deu a coñecer, dos problemas que tivo co seu pai... Vimos algúns obxectos que pertenceron ao insigne poeta, por exemplo as súas gafas, e tamén vimos un par de vídeos didácticos, un sobre a vila de Celanova, presentado por Celso Emilio Ferreiro, e outro sobre un poema de Curros.


Como xa era a hora de xantar deixáronnos un tempo libre para comer e poder tomar un xeado, pois seica alí se fan un dos seis mellores xeados de España, ademais dunha pizza riquísima e moi barata.
Pola tarde, despois do xantar, fixemos un roteiro literario polo antigo mosteiro, unha parte de cal está agora convertido nun instituto, e puidemos ver a biblioteca do mesmo, onde recitamos varios poemas, e pasear polo claustro do mosteiro. A carón do mosteiro visitamos a Capela de San Miguel, que é do século X e estilo mozárabe, e na cal dúas veces ao ano durante dous minutos, coincidindo cos solsticios, vese a luz a través das dúas ventas diminutas que están en paralelo na capela.
 

Finalmente fomos en bus ata Vilanova das Infantas, a tres quilómetros de Celanova, demos un percorrido pola vila medieval e subimos á torre, o único que queda do antigo castelo, onde nos falaron da guerra dos irmandiños e da lenda da Virxe de Cristal.

De alí xa volvemos para Cangas. En conxunto a saída gustounos moito, sobre todo o concerto de órgano e a visita á capela. Magoa que non puidésemos ver a cela do mosteiro onde estivo detido tres días Celso Emilio. Pero con todo foi unha visita xenial.


16.5.18

HOMENAXE A MARÍA SOLIÑO

Hoxe tivemos a sorte de facer novos amigos e amigas galego-falantes xa que recibimos en Rodeira a alumnado do IES Xesús Taboada Chivite de Verín (de 4º da ESO e 1º de Bacharelato) para facer xuntos unha ruta por Cangas e achegármonos á figura de María Soliño. 

Dividímonos en cinco grupos con 7 alumnas e alumnos de cada centro. Comezamos aprendendo os nomes e presentándonos.


A ruta comezou na praia de Rodeira, preto da punta, con vistas á ría de Vigo. Alí leron un texto sobre a INVASIÓN DOS TURCOS


A historia de María Soliño comenza en 1617, coa invasión do Morrazo polos piratas turco-berberiscos. O 7 de decembro, once dos seus navíos ancoraron nas illas Cíes. Primeiro atacaron Bouzas, onde mataron a unhas cen persoas e fixeron douscentos cativos. Ao día seguinte desembarcaron en San Pedro de Domaio, en Moaña. Os soldados e veciños que intentaron defender a vila tiveron que fuxir para salvarse. Na praia quedaron sete mortos. Dous deles eran os vellos pescadores Antonio Soliño e Pedro Barba, o irmán e o home de María. Ao seu sobriño, Pedro Martínez, levárono con eles.

A continuación, os corsarios intentaron tomar Vigo, esta vez sen conseguilo. A súa poboación era máis numerosa e conseguiu resistir. Como vinganza por esa derrota, decidiron invadir Cangas. O día 9, á primeira hora da mañá, ancoraron diante da praia de Rodeira. Mil piratas desembarcaron nela, dende este lugar e dende a banda contraria, Punta Balea. Quedaron en terra tres días, saqueando e destruíndo a vila. 



Avanzamos logo polo paseo ata chegar ao outro extremo da praia. Alí recitamos un poema popular que lembra este ataque. 

Un poema anónimo popular, descuberto no mosteiro de Celanova, explica que unha parte dos cangueses sobreviviu ao asalto escondéndose nos montes dos arredores. O texto expresa moi ben o seu sentimento de medo e indefensión. Está posto en boca dunha muller que agarda ansiosa a chegada do seu home, fuxido dunha batalla perdida de antemán.




A terceira parada foi na CAPELA DO HOSPITAL, xa no centro de Cangas.

O asalto dos piratas musulmáns destruíu Cangas. Incendiaron cento cincuenta casas, entre elas a de María Soliño. Fixeron o mesmo cos edificios representativos do cristianismo, como a Igrexa e o Hospital de Peregrinos, que estaba neste lugar. Cando marcharon, levaron escravos, reféns, provisións, animais e calquera obxecto de valor que atoparon ao seu paso.

As consecuencias da invasión non so foron materiais. Unha boa parte da población canguesa non sobreviviu. Ademais, moitas mulleres foron violadas, sen outro propósito que o sometemento e a humillación. Non debemos esquecer que este tipo de acto violento practicouse e segue a practicarse en todos os enfrontamentos bélicos da historia. É lamentable pensar que, agora mesmo, miles de mulleres de diferentes partes do mundo están sendo agredidas sexualmente en esas mesmas circunstancias. E este feito tampouco é algo alleo a nós, xa que acontenceu en Europa en datas recentes, na guerra dos Balcáns. A violación nas guerras é un comportamento inhumano que non respecta nin á infancia nin á ancianidade. É posible que María Soliño tamén a sufrira, aínda que na data da invasión turca xa tiña sesenta e seis anos. 


E logo na IGREXA DE SANTIAGO de Cangas.
No casco vello atópanse os únicos restos arquitectónicos da antiga vila de Cangas. O máis importante é a Igrexa de Santiago. Diante pode verse a estatua ecuestre do Apóstolo, que representa o longo enfrontamento dos cristiáns contra os musulmáns. No interior da igrexa consérvase unha réplica do Cristo da Pila, tamén coñecido como “O Cristo que non quixo arder”. Conta a lenda que os piratas turcos non puideron queimalo e que apareceu flotando milagrosamente nas augas da ría, despois da destrución da vila. Así, converteron a imaxe relixiosa nunha fonte de consolo para os que sobreviviron.


Na seguinte parada, adentrámonos no CASCO VELLO. Nas súas rúas encóntranse numerosas “casas de patín” e outros tipos de vivendas mariñeiras, como as “casas con sobrado”. As máis importantes son as localizadas na rúa Antonio Garelly e na rúa Pablo Iglesias, onde se atopan os enormes portalóns que servían pra gardar as embarcacións de pesca.  



Para pechar o acto todos os grupos nos reunimos na praza que Cangas dedicou a María Soliño e alí, xunto a súa estatua, escoitamos a súa triste historia, sostendo unha pancarta reivindicativa.

O proceso da Inquisición contra María Soliño comenzou en 1621, cando xa tiña setenta anos. Acusárona de exercer a bruxería durante toda a súa vida e doce dos seus veciños testificaron en contra dela. Encarcerárona e sometérona a torturas. Espírona en presenza dos inquisidores para buscar sinais no seu corpo dun pacto con Satán. Ao principio resistiuse e negou as falsas acusacións. Pero en pouco tempo viuse obrigada a confesar que renegara de Deus, que participara en aquelarres nos que mantivo relacións co diaño e que prexudicara aos veciños da vila cos seus feitizos. Como estaba soa e case na miseria, o Santo Oficio non considerou preciso condenala a morte. Quitáronlle os poucos bens que lle quedaban e obrigárona a levar o hábito penitencial chamado sambenito durante medio ano. Non se sabe se cumpriu toda a pena. Sospéitase que morreu axiña como consecuencia da violencia que sufriu. O seu final é un misterio, porque non se atopou a súa acta de defunción, ni se sabe onde está enterrada. Por iso, a imaxinación popular creou a lenda de que nunca morreu…

Por desgraza, o caso de María Soliño non foi único, nin no Morrazo, nin en Galicia, nin no resto do continente. As “cazas de bruxas” tiveron lugar en toda Europa dende o século XIV ata o XVII. Non existe a expresión de “cazas de bruxos” porque a bruxería era considerada un crime maioritariamente feminino, a diferenza da herexía. O 85% das persoas condenadas á fogueira ou á forca, despois de aturar toda clase de torturas, foron anciás, mulleres adultas e incluso nenas. Polo xeral, vivían soas, sen depender de ninguén, rexeitaban o matrimonio ou eran socialmente débiles. Moitas delas foron as primeiras comadroas, que sabían como facer nacer ou como evitalo. Outras sandaban aos enfermos empregando os seus coñecementos sobre os efectos de certas herbas, que transmitían de nais a fillas. É dicir, eran as pioneiras da medicina natural que se segue a practicar hoxe en día. Tamén se decidiu que eran bruxas ás beguinas, que non casaban e vivían en comunidades autosuficientes, como unha familia de irmás. Noutros casos castigábase ás mulleres por exercer roles masculinos. Foi o que lle sucedeu á famosa Xoana de Arco, que cometeu o pecado de vestir e loitar como un soldado, amosar grandes habilidades de estratega e discutir as decisións políticas do seu rei. Tendo en conta isto, é doado ver que as “cazas de bruxas” non foron so resultado da superstición. En realidade, tratábanse do medio que se empregou na Idade Media e na Moderna para controlar o perigo de cambio que representaban a independencia, a sabedoría e o poder das mulleres. Por iso queremos reivindicalas como precursoras da loita pola igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres. De aí que decidíramos homenaxear a figura de María Soliño, vítima da ambición dos poderosos e dunha ríxida sociedade patriarcal.

Logo depositamos un ramo de flores violeta ao pé da estatua e cantamos o poema que Celso Emilio dedicou a María Soliña.