8.12.20

AGASALLA LIBROS E MÚSICA EN GALEGO

Como xa é tradición cada mes de decembro saen á luz os trípticos de recomendacións de lecturas e música para infantil, primaria, secundaria e persoas adultas elaborados polos Equipos de Dinamización dos centros educativos do Morrazo e publicados pola Deputación de Pontevedra. Repartímolos nas aulas e en librarías, comercios, centros de saúde e bibliotecas do Morrazo.

7.12.20

TI ES A NOSA ESTRELA DE NADAL

Xa está aquí a nova campaña de Nadal de FECIMO no comercio do Morrazo que sortea 15.000 euros en premios para apoiar ao comercio local. TI ES A NOSA ESTRELA DE NADAL quere dar protagonismo á clientela que dá vida e luz ao comercio de proximidade.
A nosa lingua será a protagonista non só do fermoso cartel que lucirán os comercios senón tamén nunha serie de elementos decorativos para o embalaxe e paquetería dos produtos de regalo (bolsas, sobres de papel, pegatinas de nadal e etiquetas decorativas). Mirade que chulas!

1.12.20

TARXETA COMERCIO MORRAZO

Retomamos a nosa colaboración con FECIMO, Federación de Comerciantes do Morrazo, informándovos do seu novo proxecto: unha tarxeta coa que pasaredes a formar parte do CLUB de clientes do Comercio Local do Morrazo, recompensando o voso consumo no comercio ou na hostalería das tres vilas da comarca (Cangas, Moaña e Bueu). Esta atractiva ferramenta, que comeza a usarse a partir de hoxe 1 de decembro, vén coa intención de quedarse, sen data de caducidade, e permite que, por cada compra ou consumición que realicen os clientes naqueles negocios asociados a Fecimo, acumulen saldo na súa tarxeta e poidan gastalo cando queiran en forma de descontos nas seguintes compras ou consumicións que desexen (sempre dentro dos negocios adheridos). Avisa na túa casa! Pode adquirirse de forma virtual, rexistrándose mediante un formulario na web de www.comerciodomorrazo.com , ou de forma física solicitándoa directamente nun dos establecementos participantes ou mesmo na oficina de Fecimo.
E aínda hai máis. Se formas parte do Club, poderás adquirir TARXETAS REGALO do Comercio do Morrazo. Apúntate e apoia o comercio local!

26.11.20

13.11.20

MAGOSTO

3.11.20

TEATRO DO ATLÁNTICO

A conquista da Escola de Madhubai é o novo espectáculo de Teatro do Atlántico, o sábado 7 no Auditorio de Cangas. Sakundeba, bandida, perseguida pola policía e polo exército, acusada do asasinato de máis de trinta homes á que violaran tempo atrás e vítima de numerosos asaltos a man armada, preséntase na humilde morada de Pandala, unha sabia anciá que a criou cando era nena e que é a única persoa no mundo na que confía.

A ILLA DAS MENTIRAS

O Cine Club de Cangas proxecta no Auditorio A illa das mentiras o venres 6, ás 20:30. Contaremos ademais coa presenza da directora Paula Cons que presentará o coloquio posterior. Non o podedes perder. Aquí vos deixamos un adianto:

27.10.20

26.10.20

20.10.20

CASTELAO E OS IRMÁNS DA LIBERDADE

Nova cita da nosa cultura o próximo venres 23 nun acto en homenaxe do centenario da Xeración Nós no que poderemos ver esta obra multimedia de Xan Leira. Vémonos no Auditorio!

6.10.20

MARÍA SOLINHA NO AUDITORIO DE CANGAS

Se aínda non viches María Solinha, o novo filme de Ignacio Vilar, tes dúas novas oportunidades, este venres 9 e 0 sábado 17 deste mes de outubro. Vémonos no Auditorio!

2.10.20

30.9.20

INICIAMOS AS "QUEDADAS" NO AUDITORIO DE CANGAS

Iníciase un novo curso e recuperamos o noso vello costume de atoparnos para gozar da nosa cultura. A plataforma artística Incendiaria pon en escena Microspectiva dun marica millennial o sábado 3. A obra, que conta co apoio do Centro Dramático Galego, nace da memoria da infancia e da do propio Davide González no colectivo LGTB, o único actor sobre o escenario e coautor deste espectáculo multidisciplinar, aínda que detrás están a dirección de Vanesa Sotelo, a escenografía de Carlos Alonso e a iluminación de Laura Iturralde. Vémonos no Auditorio!

DESCUBRE A NOSA NOVA CANLE DE COMUNICACIÓN

8.6.20

DÍA MUNDIAL DOS OCÉANOS

Celebramos este día cunha recomendación: Plasticus maritimus, guía creada e publicada en portugués a partir do traballo da bióloga Ana Pêgo, con ilustracións de Bernardo P.Carvalho e texto de Isabel Minhós Martins, que vén de publicar Kalandraka traducido ao galego por Celia Recarey.

Trátase dun proxecto de uso sensato dos plásticos, que xa tivo moi boa acollida en Portugal no ano 2018, cando se editou alá por primeira vez, non só entre as crianzas, o público preferente ao que vai dirixido. A obra deu a posibilidade de facer chegar información sobre este tema, motivando as persoas a faceren mudanzas individuais e a crer na utilidade destes pequenos actos que, segundo reivindica a bióloga, teñen tamén o potencial de contaxiar máis alá das propias mans a familia e amizades.

O libro inclúe unha guía práctica para recoller plásticos na praia, desde botellas e bolsas a outros obxectos máis estraños, como lancetas de pesca ou puntas de parasol. Estas son mostras do que deu en chamar "plasticus maritimus, unha especie que presenta todas as características dunha invasora", explica, deixando abrollar a súa formación de bióloga mariña.




6.6.20

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

Para celebralo, sumámonos á campaña de SOGAMA contra o uso de plásticos e súa substitución por materiais de máis fácil reciclado e menos prexudiciais para o noso planeta.





29.5.20

PREMIOS YOUTUBEIR@S 2020

Os Premios Youtubeir@os, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña, abren este mércores o prazo de inscrición para a súa cuarta edición que inclúe cambios significativos nas súas bases e un incremento da dotación económica dos galardóns, que pasa dos 6.500 euros de 2019 a 7.500 euros para repartir nas doce categorías.

Estes galardóns buscan animar á creación de vídeos con temáticas e formatos diversos, desde vídeos de deportes, viaxes ou videoxogos ata vídeoblogs políticos ou vídeoconsellos de moda. Ao mesmo tempo, perseguen dar visibilidade tanto á produción en galego como á comunidade creadora e 'Expandir a Rede', como versa o lema deste ano.

O concurso está aberto a todas as persoas maiores de 14 anos con canles e/ou vídeos en galego, autoproducidos, subidos a Youtube e que estean publicados con data posterior ao 27 de setembro de 2019. No caso de presentar unha canle, esta debe conter polo menos cinco vídeos, en galego e realizados con posterioridade á mesma data.




PREMIO NORTEAR

Sexta convocatoria deste premio que derruba fronteiras convocando á mocidade escritora de Galiza e Portugal. Aberto o prazo ata o 30 de xuño.


28.5.20

LIBROS GALEGOS NA LISTA DE HONRA 2019 da OEPLI

A Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI) acaba de facer público o seu catálogo 2019. Esta selección dos 200 mellores títulos destinados a estes públicos editados ao longo do pasado ano recolle unha importante selección de obras galegas. Segundo apunta a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, estas "son obras que obedecen a criterios de calidade e idoneidade, o que as fai merecedoras de formar parte desta lista de honra por seren consideradas significativas dentro da gran produción existente". O blog Rede Lectura lista un total de 21 obras seleccionadas na nosa lingua, ás que se suman outras nove que, aínda que escolleitas para o catálogo noutros idiomas están tamén dispoñibles en galego.


0-6 anos
O país do gran furado. Xerardo Quintiá . Baía Edicións
O veleiro verde. María Fumaça. Editorial Galaxia
Ola! Son un bicho bóla! Elvira Ribeiro. Apiario
Ratos de viaxe. Oli. Kalandraka

A partir de 6 anos
A que cheiran as cores?A esperada guía para coñecer o cerebro. Juan Casto Rivadulla. Editorial Galaxia
Os nosos bosques. Diego García et alii. Miudiño S. Coop. Galega
A pequena compaña. Carlos Labraña. Edicións Embora
Bicos e non balas. Antonio García Teijeiro. Editorial Galaxia

A partir de 9 anos
Lúa en ningures . Beatriz Maceda Abeleira. Xerais
Noé e gato fan teatro. Gloria Sánchez. Oqueleo
Pioneiras 2.Galegas que abriron camiño. Anaír Rodríguez. Xerais
Somos os monstros. Paula Carballeira. Xerais

A partir de 12 anos
Conta nove estrelas .Andrea Maceiras. Xerais
Xelís, o guieiro das botellas do mar. Rosa Aneiros. Xerais

Xuvenil
Be water. Antía Yáñez. Cuarto de inverno
Memoria do silencio. Eva Mejuto. Xerais
O grupo. An Alfaya. Xerais
O home que mercou un libro. Paco Martín. Editorial Galaxia
Os corpos invisibles. Emma Pedreira. Xerais
Parece unha formiga. Pablo Otero. Kalandraka
Penumbra. Daniel Landesa. Xerais

Tamén hai libros que se poden ler no orixinal ou na tradución ao galego, aínda que fosen seleccionados noutra lingua:

0-6 anos
Distinta. Beto Valencia. Kalandraka
O pirata valente. Ricardo Alcántara. Kalandraka
Animais. Antonio Rubio. Kalandraka

A partir de 6 anos
Bechopoemas e outras bestas. Leire Bilbao. Kalandraka
O home que contaba estrelas . Arturo Abad. OQO
Versos e viceversos . Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos. Kalandraka

Xuvenil
Iridium . Francisco Castro. Editorial Galaxia
MedoCare Santos. Edebé

27.5.20

QUE QUERO SER DE MAIOR?

Nova guía en galego publicada polo Parque Tecnolóxico de Galicia para animar ás rapazas a cursar estudos vinculados ás ciencias e á tecnoloxía.

https://www.tecnopole.es/sites/default/files/pdf/QUE%20QUERO%20SER%20DE%20MAIOR.pdf


22.5.20

AI HO! GALEGO!


Carlos R. Calvente, membro do proxecto Convivencia de Educación Inantil Cholo e Nela,  acaba de presentar o seu último vídeoclip elaborado para amenizar esta fase 1 do descenso do confinamento para a rapazada galega titulado Ai ho! Galego!  co que tamén queren celebrar o Día das nosas Letras e “promover o agarimo e o valor da nosa lingua”.

INSTA EN GALEGO


A Iniciativa Instagram en galego, coñecida por Insta en galego e promovida polo activista dixital Carlos Vieito, naceu en 2018 co obxectivo firme de contribuír a galeguizar a rede social Instagram, comezando pola súa tradución ao galego e, tamén, promovendo o uso da lingua entre os seus usuarios e usuarias. Co devandito no punto de mira, lanzáronse campañas e lemas animando á xente a demandar que Instagram estea en galego.

Nestes tempos de pandemia é unha das principais fontes de actividade online contribuíndo á cultura e ao lecer con directos diarios a través da dita rede social, tirando partido dela para promover a cultura e o uso da lingua galega. Son directos “con risas e conversas amenas con persoas que nos contan como pasan o seu confinamento”, sinala Vieito, lembrando que entre as persoas que pasan polo programa atópanse Gonzo, Sabela Ramil, Sés, Touriñán, Vero Boquete, Blondie Muser, etc.

Co gallo das Letras Galegas a iniciativa preparou unha maratón de directos dende ás 10 da maña até ás 10 da noite con entrevistas a todo tipo de persoeiros e institucións que promoven a lingua no seu día a día. Na grella da maratón participaron A Mesa ou AGAL; artistas como Xabier Diaz e Carlos Blanco; traballadores/as da lingua como Nel Vidal, Carlos Callón e Pilar Ponte, ou empresas que promoven a lingua como Rei Zentolo ou a Escola Semente, entre outras.





19.5.20

EU SON A TÚA LINGUA. TI ES A MIÑA FALA

Fermosa iniciativa de profesionais do deseño internacional polo Día das Letras Galegas.

Podes falarme como queiras. Con asento, con gheada, con seseo… O importante é falarme. Como fixeron estas creadoras e creadores de arredor do mundo. Moitos era a primeira vez que me falaban. Espero que a súa ousadía che sirva de inspiración para falarme.

Estas son algunhas das creacións. Podes seguilos en istagram @falame.gal





REMATA O PRAZO DO ENREGUÉIFATE





17.5.20

ORGULLOSAS E ORGULLOSOS DA NOSA FALA

Cantamos os fermosos versos de Manuel María con Uxía, Tanxugueiras e Faia.

QUEDA NA CASA

ESPECIAL REINTEGRACIONISMO 3

16.5.20

CARBALLO CALERO NA VOZ DE UXÍA

ESPECIAL REINTEGRACIONISMO 2

A CURUXA DE PAPEL

Saudamos esta nova iniciativa de Xiana e Celtia Sar, creadoras duna nova canle de audiolibros en galego. Vén de estrearse co conto "O inglés" de Retrincos de Castelao e publicaron xa un par de capítulos de Vento ferido de Casares, outro par de Arredor de si, de Otero Pedrayo mais o poema de Rosalía "Miña casiña, meu lar", tirado de Follas Novas. Podédelas seguir en Istagram @acuruxadepapel para estardes ao tanto das novidades.

Aquí tendes a súa última achega. De novo Retrincos, esta vez "O inglés".

SOLPOR. UNHA EXPOSICIÓN VIRTUAL

PARA SABER UN POUQUIÑO MÁIS DE CARVALHO CALERO