31.10.17

SAMAÍN NA BIBLIOTECA

A Biblioteca uniuse á celebración do Samaín nunha sesión de historias e contos ao que estivo invitada toda a comunidade educativa.

HARRY POTTER ENFRÓNTASE A ARAGOG EN STOP MOTION

1ºESO C conseguimos un dos premio do concurso creativo realizando un fermoso mural como escenario dun fragmento de Harry Potter e a cámara dos segredos. Sobre el fomos desprazando os bonecos de Harry, Ron e o can Fang que seguen ás arañas ata a Fraga Prohibida. Alí son atacados por arañas xigantes que os levan xunto ao seu xefe Aragog. Cando están a piques de seren devorados, aparece o automóbil do señor Wesley no que foxen a toda velocidade. Fotografamos cada escena e montamos un divertido stop motion.


30.10.17

AS ARAÑAS ASASINAS

Outro dos escenarios premiados preséntanos unha vítima do veleno mortífero das arañas. Coa axuda das profes de Bioloxía buscamos información e fotos das arañas máis velenosas do mundo.



Tamén estudamos na aula as características das arañas. Chamounos especialmente a atención a cantidade de ollos que teñen. E tamén a resistencia dos fíos que tecen e os usos que se lle dan na actualidade en cirurxía e nos traxes blindados. Moitas características das arañas aparecen nos superherois da banda deseñada.




Tamén formaron parte da exposición as carátulas do cine protagonizado por arañas.



ELARAÑA NA PLANTA BAIXA

A araña que atacara a Frodo e a Sam en O señor dos aneis acaba de instalarse nunha tremenda arañeira na planta baixa do noso instituto. 


Só precisamos unhas bolsas de lixo, uns tubos de recubrir tuberías e un pouco de arame para dar vida a Elaraña que xa foi de caza e ten un prisioneiro a secar nas súas redes. 
Xunto a este escenario, o primeiro premio do concurso creativo, colocamos o fragmento da tradución ao galego desta obra e información sobre o seu autor.


Pero este non é o único texto literario que nos fala das arañas. Pescudamos e atopamos moitos fragmentos que encheron de literatura os taboleiros dos corredores.

AS ARAÑAS INVADEN O INSTITUTO DE RODEIRA

Somos unha raza con sorte vivindo en condicións case ideais. Non nos molestan hordas de animais salvaxes e sanguinarios. Aos animais que conviven con nós só lles falta unha calidade para facernos tremer co medo: o tamaño...
Imaxinemos por un momento que as arañas que habitan os xardíns do instituto de Rodeira sufrisen unha mutación que aumentase cincuenta veces o seu tamaño, vinte ou trinta metros de diámetro. Que suban polas paredes exteriores e invadan as aulas sorprendendo o alumnado e sementando o terror...
Cuns paraugas vellos e un pouco de imaxinación este foi o escenario que recreamos desde o EDLG para invitar a toda a comunidade educativa a celebrar o Samaín cun concurso creativo. 





24.10.17

ATRÉVETE A LER EN GALEGO

Hoxe celebramos o Día das Bibliotecas Escolares. Nós colaboramos coa proposta da Biblioteca, desde a campaña RECOMÉNDOCHO, animando a todos e a todas a ler en galego pintando as portadas dos nosos libros favoritos.





























 

23.10.17

VOLVEN AS GARDAS DE 8 a 10

Recuperamos co novo curso esta cita cun invitado de excepción, Xurxo Souto, que virá co seu acordeón para presentarnos o seu libro Contos da Coruña. Vémonos alí.



18.10.17

ATRÉVETE CO GALEGO NA ECONOMÍA

Preguntácheste algunha vez a que se destinan os impostos que pagamos ao Concello? Como se distribúen e se xestionan?  Esta semana podedes visitar na planta baixa do instituto As contas claras, unha exposición que quere facer visibles e comprensibles os datos do orzamento municipal. Os Departamentos de Xeografía e Historia, Economía e Administrativo colaboraron co Concello baixando co seu alumnado á exposición para que coñecese os datos e para abrir, a partir deles, un espazo de conversa e reflexión sobre os tipos de investimentos que se realizan.  
A exposición conta, ademais, cunha parte participativa na que, a través de fichas tituladas "HAI QUE", o alumnado puido non só facer propostas de gasto senón tamén decidir como financiaría a súa proposta, se o faría en base a novas partidas de ingreso ou recortando outras xa existentes.


 

16.10.17

CHEGA O SAMAÍN. ATRÉVETE A ENFRONTAR OS TEUS MEDOS.

Xa está convocado o concurso para celebrar o Samaín, esa noite especial na que se abren as portas que comunican o mundo dos vivos e dos mortos. Inspirádevos nos nosos medos máis ancestrais e sede creativos: escenarios decorados con todo tipo de traballos manuais e moitas historias escritas, contadas, dramatizadas e gravadas en vídeo... este ano coas arañas como personaxes protagonistas. Chega o Samaín e o galego é a lingua do terror.


13.10.17

ATRÉVETE CO GALEGO NA ECONOMÍA

Hoxe recibimos no instituto aos representantes do Consello de Participación veciñal, promotores da exposición As contas claras, que viñeron resolver as nosas dúbidas sobre a xestión do orzamento municipal e tamén a recoller as nosas propostas de novos investimentos. Foi unha actividade moi interesante, achegarnos á economía desde unha cuestión tan achegada a nós como saber de onde obtén o noso concello os seus recursos e como decide xestionalos. Agradecemos o seu esforzo de transparencia e a súa dispoñibilidade a escoitar as nosos suxestións.



 

9.10.17

ATRÉVETE COA POESÍA

Non hai mellor xeito de comezar o curso que rodeándonos de poesía. Por iso a poesía en galego saíu este mes dos andeis da biblioteca para achegarse as mans de todos e todas os que quixeran gozar dela. Aproveitamos tamén para render homenaxe a Xohana Torres e celebrar que o seu posto na Real Academia Galega se cubrise con outra marabillosa poeta: Chus Pato. Así nos inspiramos para escribir logo os nosos propios poemas. Poderedes ler unha selección deles na revista Abre os ollos.
































Tamén nalgunhas aulas se atreveron con videopoemas.