30.4.15

SON HANNAN E NACÍN EN AGADIR,


unha cidade do sur de Marrocos. De nena vivín en Francia , na cidade de Reims e logo vin para Cangas porque meu pai é mariñeiro e veu traballar aquí. Pero sempre volvo á miña terra nas vacacións.

En Agadir temos moi bo tempo, sempre vai calor. As nosas magníficas praias, as avenidas de palmeiras e os bares fronte ao mar son moi visitadas por turistas europeos e doutras partes do mundo.

A maioría de marroquís son de relixión musulmá. Pero xa non é como antes. Agora hai máis liberdade. As mulleres en Agadir podemos escoller se levar o velo ou non. Pero queda aínda moito que facer e segue a ser moi pouco frecuente que a muller estea presente nos gobernos e na política. Non se defenden os dereitos da muller tanto como aquí.

A lingua que falamos entre nós é o árabe marroquí aínda que na escola emprégase o árabe clásico que é a lingua da escrita e tamén o francés. Aínda que na miña familia non se fala, en Agadir hai moitos falantes de linguas bérberes (tarifit, tamazighte tachelhit) que, tras moito tempo ignoradas, agora comezan a ter presenza na escola.

As vodas en Marrocos son grandes festas que duran varios días. O noso vestido de festa típico é o caftán, unha túnica de algodón ou seda con mangas, que chega ata os nocelos. Tamén é costume pintar debuxos na pel, feitos con henna, un tinxido natural de cor avermellado que tamén se emprega para tinxir o pelo.
 
 
 

No comments:

Post a Comment

e ti que dis?