Ao Parlamento Xove, ó contrario que ó Parlamento “de verdade”,
vaise debater. Mais a debater, ó contrario que nas sobremesas dominicais,
mantendo unha orde e estrutura. Ten, de feito, case tanto de confrontación de
ideas como de coreografía, sendo polo tanto tan importante levar o tema moi ben
preparado como a forma de expor a túa postura.
O preludio do debate é o sorteo de posturas (a favor, a favor…), é
dicir, determinar que equipo se posicionará a favor e cal en contra do tema
proposto. O debate propiamente dito comeza coas introducións, con sendas
quendas de 5 minutos para cada equipo (mimá, aínda non levo 4 e xa só me falta
o peche!). Esta é a parte de maior contido dramático, xa que adoita comezarse
cun mito grego, unha pasaxe dalgún libro… ou incluso finxindo un accidente de
tráfico. Proséguese con dúas quendas de refutacións para cada equipo, un minuto
máis curta que a introdución cada unha, e na que se prima considerablemente que
se refute o exporto polo equipo rival (que foi o que dixo de esa lei? eu tiña
apuntado algo, onde está?). Nestas intervencións permítense preguntas por parte
do equipo rival, que poden ser moi concretas e “ir pillar”, ou ser tan xenéricas
e amplas que teñas espazo dabondo para perder o fío e o tempo (eu como son moi
galego respondereille con outra pregunta). Péchase o debate coas conclusións,
de 3 minutos, nas que se fai un balance do debate de tal xeito que pareza
evidente que o teu equipo é o gañador.
A actividade, malia o excesivamente pechado da súa estrutura, é
sumamente interesante e útil. Ata diría que necesaria. O exercicio de
confrontar ideas de xeito razoado, argumentando, é tan imprescindible como, por
desgraza, inusitado nos nosos institutos. Habituados á comunicación
unidireccional das nosas aulas, precisamos de máis actividades como o
Parlamento Xove para transformar o saber enciclopédico que se nos transmite en
ideas e argumentos útiles cunha aplicación práctica. Precisamos tamén de moitos
máis exercicios cos que traballar a nosa oratoria, unha ferramenta se cadra
algo esquecida no actual sistema educativo, mais imprescindible fóra del.
E se non fose suficiente con todo isto, é que é moi divertido! O
Parlamento Xove é unha actividade altamente entretida, pola relación con
adolescentes doutros centros da xeografía galega e polo feito de pasar a noite
fóra e demais aspectos alleos á propia actividade, polo funcionamento
intrínseco: unha competición agradable, na que te atopas con desafíos
constantes, cunha estimulación intelectual fortemente atraínte. Sen dúbida,
unha experiencia totalmente recomendable.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?