26.11.19

GUÍAS DE LECTURA


Achégase o Nadal e queremos que os libros e a música formen parte dos vosos agasallos. Para facilitarvos as mellores ideas, os EDLG dos coles e institutos do Morrazo deseñamos estas guías que repartimos entre o alumnado e nas librarías e centros da comarca. Agradecemos a Esteban Acuña de Tarabelos: títeres e contacontos a fermosa ilustración.













25.11.19

A MOCIDADE ACTIVA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

E chegou o 25 e botámonos á rúa para denunciar a violencia machista e dar voz ás 52 mulleres asasinadas este ano e para advertir que hai que estar vixiantes coas relacións e abandonalas de inmediato se se volven tóxicas, denunciando que o machismo aínda segue presente en moitos comportamentos sociais. O símbolo do noso compromiso, un lazo violeta que levamos atado no pulso e que, trala lectura do manifesto, atamos ao valado exterior do instituto formando un NON rotundo e decidido á violencia de xénero.





19.11.19

UNHA NOVA OLLADA AOS CLÁSICOS DA LITERATURA INFANTIL E XUVENIL

Hoxe recibimos no instituto a Miguel Vázquez Freire que veu falarnos de varias obras da literatura infantil e xuvenil galega, tanto de clásicos galegos como o señor Lamote como de clásicos universais traducidos ao galego como Alicia e Carapuchiña Vermella. Reflexionamos, a partir das historias sobre sentimentos e valores universais que fan que sigan tendo algo que dicir hoxe, lonxe de mensaxes moralizantes e miradas edulcoradas da sociedade na que vivimos.


17.11.19

IES de RODEIRA EN NEGRO

Achégase o 25 de novembro e o centro vístese de negro e de lila contra a violencia de xénero. A educación nas aulas é a nosa aposta para superar os estereotipos e os prexuízos que nos foron transmitidos e traballar pola igualdade.



As reflexións tomaron forma a través de conferencias, obras de teatro e exposicións dos traballos de aula.






13.11.19

CANTANDO E BAILANDO NO MAGOSTO

Este ano no magosto, quixemos derrubar os prexuízos que afastan as nenos e nenas e xente nova das nosas tradicións. E celebrámolo por todo o alto:

-comendo castañas asadas:



- bailando a global muiñeira que ensaiaron nas clases de educación física
 


- e cantando cantigas populares galegas e mesmo unha portuguesa, o malhao.



O premio para os e as que se atreveron: bebida de balde, iso si, en vasos feitos de cana de azucre, 100% reciclables.



4.11.19

DEIXA VOAR O GALEGO TAMÉN PARA A CIENCIA

O día 4 de novembro celebramos o Día da Ciencia en Galego. O principal obxectivo desta celebración é salientar a difusión do coñecemento científico no idioma galego e resaltar as achegas dos galegos á ciencia universal.

Este ano os departamentos de ciencias escolleron como símbolo as aves e bolboretas que ao igual que a ciencia e os científicos non fan caso de fronteiras nin de barreiras culturais e políticas e que do mesmo xeito que moitos científicos e científicas cando se ven obrigadas a saír fora na procura de alimento saben atopar o camiño de volta.


Nas aulas, con papiroflexia demos forma aos nosos símbolos de paxaros e bolboretas e escribimos neles fórmulas e teoremas para que o galego poida voar ben alto tamén no mundo da ciencia e da tecnoloxía sen facer caso os muros que nolo impiden.

En 1º da ESO, aprenderon as características das bolboretas monarca que pintaron e recortaron



En 2º da ESO, construíron bolboretas de cores de papiroflexia

En 3º da ESO, paxariños de cores de papiroflexia



En 4º da ESO, estas fermosas andoriñas


ciencia4º from lingualiza on Vimeo.

E o alumnado de bacharelato decorou a planta baixa cos seus traballos