30.1.17

O TEU COMPROMISO É A CHAVE

Sumando compromisos a favor da paz: así quixemos celebrar que hoxe, 30 de xaneiro, é o Día escolar pola Paz e a non violencia. E para iso nas horas de titoría dividímonos en pequenos grupos e fixemos propostas concretas para mellorar o clima de aula e aprender a resolver os conflitos de forma pacífica. Debatemos as achegas dos grupos e chegamos a un manifesto conxunto de aula que baixamos a ler publicamente á planta baixa, xunto ao quebracabezas de denuncia da guerra e da violencia. Así conseguimos as chaves que nos permitiron coller dúas pezas do puzzle dándolles a volta para deixar nelas as nosas pegadas de cores. A marca de cada un non parecía gran cousa pero sumando as pegadas de todos e todas fomos transformando a guerra e a violencia nun fermoso símbolo de paz, porque é sumando compromisos como atoparemos a chave da paz e a non violencia.

PAZ VIMEO from lingualiza1 on Vimeo.

25.1.17

NA BIBLIOTECA DA CASA DA CULTURA



Hoxe o alumnado de 2ºESO fixemos unha saída á Biblioteca Municipal de Cangas, tamén coñecida como a Casa da Cultura con Carmen, a nosa profesora de francés. Cando chegamos recibiunos Pilar Refojos, a bibliotecaria, que nos fixo unha visita guiada por moitas partes da biblioteca. Ao rematar o percorrido, convidounos ao auditorio do edificio para facer preguntas e resolver dúbidas.
Preguntámoslle cal era a súa rutina, dende que chega ata que remata o día na biblioteca. Explicounos que chega sobre as oito e media e ponse a colocar a prensa do día no seu sitio, recoloca os libros devoltos, fai carnés, etc. Indicounos quen é o persoal que traballa na biblioteca. Xunto con ela, hai dous conserxes: un que vai pola mañá e outro que vai pola tarde. Son o persoal de apoio.  Unha compañeira preguntoulle quen foi a primeira persoa que traballou na biblioteca. Curiosamente explicounos que foi ela mesma que comezou o 16 de maio de 1986. Explicounos que o seu obxectivo como bibliotecaria é que todo o mundo saiba buscar libros na biblioteca, pero se alguén quere un libro ela pode axudarlle a buscalo.
Un compañeiro preguntoulle quen decide que libros se mercan. Contestounos que o deciden os lectores deixando as súas peticións na caixa de suxestións, e se un libro é moi aclamado, mércano. Unha das preguntas máis interesantes foi se lles dan diñeiro para mercar fondos. Contounos que si, pero pola crise son escasos e soamente lles chegan para mercar a prensa, que é algo imprescindible. Tamén lle preguntamos sobre o préstamo de documentos: contounos que non todos os libros son prestados. Os de referencia e os antigos (para podelos conservar en bo estado como ata agora), non se poden levar.
Falamos dos ordenadores da biblioteca; cada persoa pode utilizalos 10 minutos, a non ser que necesite máis tempo. Hai tamén unha sala para levar aparellos electrónicos persoais e nesta sala pódese estar o tempo que se queira, ela é o que recomenda.
Comentámoslle que nós no noso centro temos un club de lectura, e preguntámoslle se eles teñen algunha actividade; díxonos que teñen un club de lectura gratuíto, no que len un libro en castelán e outro en galego, e cada mes reúnense para falar sobre o libro. Actualmente é os xoves pola mañá. Outra das preguntas resoltas foi cales son as normas da biblioteca; máis ou menos as mesmas que en todas as bibliotecas: falar baixo, devolver os libros no prazo establecido, devolver os libros en boas condicións, non comer nin beber, non fumar, non ter volume nos móbiles, etc. Interesámonos por que pasaría se un usuario perde un libro. Explicounos que quen o perdeu tería que mercar un libro igual, ou se non hai o mesmo un parecido, e doalo á biblioteca. Un libro perdido está perdido para todo o mundo. Tamén nos dixo como facernos un carné da biblioteca co que levar libros: simplemente hai que levar dúas fotos, o DNI e un número de teléfono.
Encantounos a biblioteca, e recomendamos visitala a toda a xente que poida porque de verdade que merece a pena e é un luxo tela. E por suposto, agradecémoslle a Pilar o seu tempo e a visita. Esperamos que se repita.






13.1.17

AS PALABRAS, CHAVE DA REFLEXIÓN SOBRE A GUERRA

Estreamos 2017 cun grande quebracabezas feito con caixas de cartón na planta baixa do instituto. Queremos invitar a toda a comunidade educativa a reflexionar sobre a violencia e a guerra. Axúdanos a facelo empregando a chave das palabras. Vén nos recreos e poñamos palabras ás causas das guerras, ás consecuencias do poder e da ambición, nomeemos os atentados contra os dereitos humanos no mundo e tamén as outras violencias soterradas que temos, ás veces, tan preto de nós. Para cambiar a realidade precisamos aprender a abrir os ollos e a denunciar as inxustizas.








9.1.17

O GALEGO CHAVE DA CULTURA

Como cada ano, os Equipos de Dinamización do Morrazo xuntámonos para elaborar uns trípticos coas novidades editorias do 2017 que repartimos nos centros e nos espazos públicos das diferentes vilas.  O noso agradecemento a Leandro Lamas que nos cedeu esta fermosa imaxe para ilustralos.