28.4.10

RIANXO EN CANGAS

Que galego tan auténtico teñen os rapaces e rapazas de Rianxo e con que naturalidade o falan. Sáelles da alma… Foi para o Equipo de Normalización de Rodeira un privilexio poder compartir un día con el@s, ensinándolle o centro de Cangas e o noso paraíso natural á beira do mar desde Donón a Melide. Xa nos tarda a visita a Rianxo.

PLANETA FURANCHO GRAVANO INSTI

Planeta Furancho é un programa de Radio Galega Música que pretende ser un altofalante para a música galega contemporánea; un faro, unha axenda e un latexo diario e actual de todo canto acontece na nosa fascinante realidade musical.
Vituco Neira, voz do grupo galego de rock Ruxe.ruxe (que vén de sacar ao mercado o seu último álbum Na Fura de diante) é o presentador desta fiestra á que tod@s @s galeg@s poderán achegarse para coñecer e gozar da música que se fai nesta parte do mundo.

O pasado 24 de marzo PLANETA FURANCHO gravou o seu programa no noso instituto. Vituco entrevistou a Marquitos, o neto do Manuel, voz da Tuna Rastafari e ex-alumno de Rodeira, a César, un dous poucos homes-orquestra que quedan no país e a Cecilia e Darío, profes do instituto. Para todos houbo actuacións en directo. Marcos cantou, acompañado da guitarra, dous temas do novo disco da Tuna Rastafari: Carne de pachanga; alumnado de 4º, acompañado por Cecilia ao violín e Darío e Álex á guitarra, interpretou unha versión en galego de Miña terra galega de Siniestro Total; e por último acompañamos á Cé Orquestra Fantasma formada por un só home con varios temas populares entre os que non puido faltar estando no Morrazo a do ghato metido nun saco, a popular peza de Manuel da Ponte. Podedes escoitar o programa gravado buscando en Internet crtvg e seleccionando RGMúsica, Arquivos de Radio, Planeta Furancho, 24 de marzo.