28.2.15

DESTAPA O GALEGO NA CIENCIA: en Santiago


Onte, 27 de febreiro, o alumnado de 2ºde bacharelato de ciencias fomos visitar o Centro de Medicina Xenómica de Santiago. Gozamos dunha interesante xornada rodeados de material xenético, laboratorios de investigación e científicos expertos na arte da biotecnoloxía. A visita, guiada por unha das xenetistas do centro, a través dun labirinto de cámaras frigoríficas con milleiros de copias de ADN e departamentos de purificación, duplicación xenómica e un largo etcétera de técnicas de análise e investigación, resultou ser unha experiencia motivadora e enriquecedora para os futuros biocientíficos de Galicia.

Tras un paseo polo centro de Santiago, coñecendo as distintas facultades no campo das ciencias (Medicina, Bioloxía, Matemáticas, Odontoloxía, Farmacia...) a xornada rematou cunha última visita ao renovado museo de ciencias naturais ‘’Luis Iglesias’’, que conta cunha amplísima colección de animais disecados de gran diversidade biolóxica, así coma un gran número de exemplares de rochas e minerais de distintas características e procedencia. En resumo, unha xornada fructífera que serviu de inspiración para os futuros científicos do país.







24.2.15

DESTAPA O GALEGO COÑECENDO A ROSALÍA



Rosalía está de día e hai que celebralo. Por iso a entrada do instituto encheuse cun gran corazón feito coas moitas fotos e carteis da nosa escritora máis recoñecida.











E, por suposto tamén cos seus versos. Traballamos os poemas nas aulas e invitamos ao alumnado a actualizalos, identificándose cos sentimentos, as denuncias, os compromisos e os gustos da nosa escritora. Os taboleiros da planta baixa enchéronse de cores, versos e bocadillos inspirados neles.




Tamén gravamos un vídeo para participar na campaña “Eu son Rosalía” organizada pola AELG.




E, como o curso pasado, participamos nun vídeo-poema colectivo sobre un texto de Rosalía con todos os centros do Morrazo a partir dunha proposta do Ceip Sequelo: Rosalía nas ondas do mar.





14.2.15

PALABRAS DE AMOR E DE AMIZADE



Gran éxito de participación con centos de fotos e cartas dedicadas! Grazas por dar vida ao galego para expresar o que levamos no corazón!









13.2.15

DESTAPA O GALEGO CELEBRANDO O ENTROIDO



Pena que non acompañase o día pero ao mal tempo boa cara e o  pavillón foi asaltado por unha grea estrafalaria de animais, deportistas, leñadores, granxeiros, hippies e ata houbo alfombra vermella e prensa para recibir ás grandes figuras do mundo do espectáculo… Todos coas súas coplas preparadas para meterse cos profes e coa vida do instituto… Que hai que quentar motores para o Entroido do Hío…


 

2.2.15

DESTAPA O GALEGO COMO LINGUA DO AMOR E DA AMIZADE



Hoxe celébrase a Candeloria, a festa tradicional galega que celebra a fin do inverno e preludia a chegada da primavera e do renacer da natureza. Desde hoxe ata o San Valentín, destaparemos o galego como lingua do amor e da amizade. E para celebralo xa tedes un espazo na planta baixa cun gran corazón onde podedes escoller versos e palabras de amor en galego para dedicar fotos ou escribir cartas e mensaxes dirixidos aos que máis queremos. Non esquezas visitalo nos recreos.