28.3.15

DESTAPA O GALEGO COMPARTINDO EXPERIENCIAS: NA NEVE



Do día 23 ao 26 de marzo, o alumnado de 4°ESO fomos a Leitariegos, León. Alí tivemos a oportunidade de facer algúns esquí e outros snow.
O 1° día, , como non chegamos a tempo de comezar os cursos,  gozamos da neve tirándonos en zorra. Pasámolo moi ben. Era moi divertido ver como nos íamos deslizando pola neve. Para algún de nós era a primeira ocasión de pasalo ben na neve e de ver nevar e  foi unha boa estrea xa que estivo nevando os catro días que fomos.Na excursión puidemos coñecer a outro alumnado dun instituto de Vigo que tamén ía practicar os mesmos deportes.
A partir do segundo día xa puidemos comezar a practicar esquí ou snow. E foi moi divertido ver as primeiras caídas de cu. Menos mal que a neve é branda…
Os monitores que nos acompañaron durante a viaxe eran moi simpáticos. Déronnos consellos de expertos para poder deslizarnos mellor. Pero ademais tiñamos uns profesores que nos ensinaban a manexar ben a táboa e os esquís. E incluso aos de snowboard, facíannos baixar pola montaña cantando! Dende o noso punto de vista, foi unha excursión moi divertida. Nós, que fixemos snow,  non queriamos deixar de tirarnos pola costa… Encantounos! 







26.3.15

DESTAPANDO A NOSA HISTORIA: na illa de San Simón


Aquí tedes ao alumnado de 3º da ESO nunha visita guiada á ILLA DE SAN SIMÓN na que puideron descubrir o seu papel na nosa historia: revivir  traxedias  marítimas e ataques piratas,  trasladarse ao pasado medieval recitando a Meendinho, imaxinala convertida en lazareto para as corentenas e os enfermos de tuberculose e despois en cárcere para os presos republicanos nos primeiros anos da represión franquista. E, por suposto, repoñer forzas e pasear gozando deste fermoso espazo natural no fondo da Ría de Vigo.






25.3.15

DESTAPA O GALEGO NO TEMPO DE LECER


Chegou a fin do trimestre e con ela a saída do alumnado dos equipos, convocados para realizar unha importante misión. Dirixímonos a unha terra afastada, a terra na que vive o dragón dos prexuízos lingüísticos. No camiño tivemos que conseguir as cinco bólas máxicas que nos permitirían vencelo, superando difíciles probas e conseguindo falar en galego libremente. 

En grupos de dous ou tres fixemos unha pequena entrevista á xente polas rúas do centro de Cangas. E logo contamos todo o que escoitaramos sobre a importancia do patrimonio, da cultura e da nosa lingua propia.. E conseguimos así a bóla da AUTOESTIMA.



 Na segunda proba tivemos que demostrar que eramos  capaces de apoiarnos nos demais para avanzar. Adestramos xuntándonos moito ata conseguir facer andar unha roda sentados nos xeonllos dos que tiñan detrás. Tamén xogamos ao volei-praia. Así gañaron a bóla do EQUIPO.




Aprenderon a identificar o inimigo dos prexuízos lingüísticos e adestraron para afastalos das súas vidas e poder así falar en galego sentíndose libres. Así conseguiron o bóla que demostraba o seu ESPÍRITO DE LOITA.



O camiño escurécese ás veces e resulta difícil avanzar. Demostramos que cantando en galego podían cruzar ata o túnel máis tenebroso e conseguiron a bóla do VALOR.


 


Quizais a moitos non lle pareza fácil botarse a falar en galego principio pero o importante é non renderse e intentalo unha e outra vez. Adestramos sen descanso para ser quen de saltar por riba de todos os obstáculos e conseguir a bóla da CONSTANCIA.

 

Estas bólas axudáronos a destruír o dragón dos prexuízos lingüísticos e liberar o galego que convertido en papaventos encheu de cores o ceo de Cangas.







 
 

19.3.15

DESTAPA O GALEGO NA BOTICA DA POESÍA



Vén o día 23 a celebrar o Día da árbore e da poesía á BOTICA DA POESÍA, na entrada do instituto, e atoparás nos versos en galego remedios para todos os teus males. Escribiremos os versos escollidos en folla que encherán de verde as nosas árbores. Non faltes.





9.3.15

DESTAPA O GALEGO DEBATENDO CON OUTROS MOZOS E MOZAS


Este curso fixemos por primeira vez actividades de debate na aula en 4º da ESO. Parécenos moi interesante sermos quen de defender con argumentos unha postura a favor ou en contra dunha idea proposta. Pasamos moitos nervios pero o esforzo paga a pena. Un compañeiro noso pasou a formar parte dun dos equipos que van representar ao centro no Parlamento Xove, con outros alumnos e alumnas que xa se presentan por terceira vez. Reuníronse esta fin de semana no Pazo de Mariñán para coñecer mozos e mozas doutros centros de Galicia cos que se organizaron os debates. Un dos nosos grupos logrou clasificarse para a final que se realizará o 18 de abril. Parabéns a todos e a todas polo traballo realizado!.



8.3.15

DESTAPA O GALEGO NA LOITA POLA IGUALDADE



O gran debuxante do Morrazo, Davila “O Bichero”, é un exemplo a seguir de creatividade, retranca e ollada crítica da nosa sociedade. Agradecémoslle que nos prestase a súa idea para lanzar a nosa campaña de denuncia das desigualdades no ámbito das tarefas domésticas no concurso do Día da muller. O EDLG reproduciu na planta baixa do instituto a completa mesa de ferramentas do fogar que debuxou Davila no seu chiste de denuncia como punto de partida dun xogo no que o alumnado falou en galego sobre a ferramenta que lle tocou en sorte, se a coñecía, se sabía empregala, quen a empregaba na súa casa… procurando unha reflexión sobre a responsabilidade compartida das tarefas do fogar.







Moitas foron as aulas que traballaron desde as titorías buscando información para denunciar as desigualdades de xénero que aínda existen hoxe no mundo ou para reflexionar a partir dos poemas de Penúltimas tendencias de Carlos Negro.





E tamén prestando a súa imaxe para reclamar a igualdade desde as paredes do instituto.














O alumnado de Debuxo artístico dedicou un mes a coñecer o traballo de mulleres artistas, moitas veces invisible, realizando uns traballos en acuarela inspirados na obra de Marion Bolognes.









Tamén se presentaron moitos vídeos.



 


 



 
Ademais, todo o alumnado de 4º participou, como xa é tradición, na xincana de tarefas domésticas, procurando a superación de prexuízos relacionados coa muller e co galego.  Competiron, mentres falaban en galego,  pola correcta e rápida realización das seguintes tarefas: 


-coser un botón:
 

 
-preparar unha torta de galleta e chocolate que puideron comer ao día seguinte no recreo


 
-arrombar o cuarto:


 
-tender, dobrar a roupa e pasar o ferro:
 

 
-colocar un colgadoiro con trade e desaparafusador: