24.2.16

MOBILIZA ROSALIA

Rosalía está hoxe de aniversario. E no instituto queriamos celebrar que a súa poesía está viva e segue falándonos hoxe. Gustounos a campaña proposta pola AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) #Mobilizarosalia. Desenvolvendo esta idea, os alumnos e alumnas do equipo de dinamización de 1º e 2º da ESO organizamos no instituto esta festa de aniversario para a nosa escritora máis emblemática.


unha vez tiven un cravo
from lingualiza on Vimeo.

12.2.16

QUEREMOS QUERER EN GALEGO



Gran éxito do correo do amor que repartiu mensaxes de amor e de amizade en galego, inspirados en versos dos nosos poetas, entre o alumnado do instituto.





E tamén das fotos dedicadas que se enviaron desde os móbiles a través do whasshap, levando a nosa lingua pola rede dixital.




E as do novo fotomatón.

 

4.2.16

QUEREMOS TRADICIÓN. QUEREMOS COPLAS DE ENTROIDO EN GALEGO



Celebramos, cun día espectacular, o gran concurso de comparsas con moita participación, en especial do alumnado maior. Foi tocar o timbre do 2º recreo e comezar a desfilar polo instituto habitantes dunha polis grega, unha selección de deportistas olímpicos, personaxes do conto de Alicia, supernenas e científicos, futbolistas e animadoras, turistas, personaxes da Idade Moderna, deuses e deusas gregas, militares e árabes, personaxes de Grease… con moitas ganas de festa e de criticar profes e deberes nas súas coplas, en galego, como ten que ser. 






 Pero o profesorado non quedou calado e decidiu converterse por un día en Dora, a desbrosadora, o famoso personaxe do Bichero, e deixar ben claro que hai moito que desbrosar no alumnado, nas novas programacións e no xardineiro enviado polo concello que, cunha poda salvaxe, nos deixou sen árbores no xardín.










2.2.16

CASAN OS PAXAROS



Reivindicamos a festa tradicional da Candeloria, cando os días comezan a medrar e a natureza a espertar cara a unha nova primavera. Desde o 2 de febreiro ata o San Valentín o galego convértese no instituto nunha lingua para querernos, a través de cartas e fotos dedicadas. Esperámoste nos recreos!





1.2.16

O MELLOR AMIGO


O padriño non era coma a outra xente. Aínda non vin home na aldea que se lle puidese comparar. Todos latrican das mesmas cousas ou calan as mesmas cousas. O padriño era diferente. Paréceme que o estou vendo: sentado no seu tallo, ó pé da lareira, asubía, pensa, fai debuxos co bastón na borralla. Non se anoxa con ninguén. Se lle din algo que non lle gusta, case sempre responde cun sorriso suaviño, e acabouse.

—¿Que é un amigo? —pregunteille tamén.

E botoume tal prédica que inda me acordo de moitos dos seus ditos. Unha tarde enteira parrafeando da amizade. «Un amigo é o mellor que hai neste mundo, se o é de certo». «Vale máis ter amigos ca ter cartos». «O amigo dáche todo e non quere nada; morre por ti se cómpre morrer». (…)

E tiven un amigo. Un verdadeiro amigo. Decote nos levamos ben. Todos os días maxinabamos diferentes andrómenas para cando fósemos grandes. Lelo quería deprender música e tocar o bombardino ou a trompeta. Xa estrebillaba cos dedos nun pínfano e dáballe xeito. Ademais metéuselle na chola ser mariñeiro. Nunca vira un barco nin o mar, pero seu pai estivera servindo en Ferrol e parolaba arreo de augas e ventos. Eu teimaba ser mestre de escola, ou cando menos ferreiro. Pero tamén quixera voar. Guiar un avión para ir polo mundo adiante, viaxando por derriba das nubes. Faciamos paxareiras, armabamos sedelas no río, para pillar troitas, e non había tobo de coello que non tivese na porta un lazo de aramio posto por nós. Na aldea chamábannos «os armadanzas».
Neira Vilas.Memorias dun neno labrego
--------------------------
Esta carta non é ningunha broma nin falcatruada de 1º da ESO. Nesta carta douche as grazas por ser o meu compañeiro nas aventuras que vivimos. Os petardos téñoos eu, ti tes o chisqueiro, como non. Aínda que me debas 2’25 euros que seguro que aboarás, es o meu mellor amigo e a mellor persoa a quen mandar un texto onde expresar que a nosa amizade é para sempre. En min sempre terás confianza e viceversa. Sempre poderás contarme segredos que ninguén pode saber. Pasámonolo moi ben facendo o que máis nos gusta. Temos moitas cousas  en común e as que non aínda son máis importantes porque tentamos que nos gusten aos dous. Sempre te levarei no corazón pase o que pase e dáme non sei que dicirche isto así  que remato xa de dicir tanta carallada. Despídome desexando que este texto chegue a onde teña que chegar e demostre que somos inseparables, camarada.
 
-----------------------------
 
Hoxe fomos un grupo a durmir a casa dunha compañeira  que estaba de aniversario. Síntome moi ben coas miñas amigas. Fanme rir e esquecerme das cousas malas.
---------------------------
 
Hoxe síntome feliz porque uns amigos planearon quedar e invitáronme a ir con eles. Non me esperaba que a miña nai aceptase pero houbo sorte.  Non os coñezo moi ben, só de andar polo instituto. Sentíame un pouco nervioso porque non sabía como actuar. Pero vaia parvada… Ao final foi xenial porque foi un día diferente.
 
-----------------------------
 
 
 
 
 
 
 
 

EN DEFENSA DO ENTROIDO DE HÍO



Achégase o Entroido e, fieis ao compromiso adquirido hai uns anos, defendemos a tradición do que se celebra en Hío. Veu un representante da comisión de festas a explicarnos a organización e o desenvolvemento e montamos un gran taboleiro con esa información e moitas fotos.

Lembrade que hai piruletas xigantes cun “Quérote” debuxado para quen nos traia fotos e vídeos do noso marabilloso Entroido de Hío!