O grupo de teatro do instituto, A Réplica, volveu á XIX Mostra de Teatro
de Ensino Secundario que este ano se celebra no IES María Soliño, cunha
divertida comedia.
O traballo comezou polo mes de novembro coa
escolla dun texto. Resultou elixido Los
tres mosqueteros buscando a Dartañan, de Javier Veiga, Chani Martín e Javi
Coll, da compañía Teatro Impar. É un texto moi ben feito que ten moias
situacións cómicas, elaboradas a partir da mirada inxenua do clown, ese pallaso
que atopa o éxito no seu propio fracaso.
A misión seguinte foi a de cortar o texto. Si,
cortalo, si! Excesivamente longo, tiña que adaptarse ás necesidades do grupo.
Atrás quedaron moitos gags estupendos. Tamén tivemos que adaptar o número de
personaxes ao número de actores e actrices. Houbo que meter a Dartañan dentro
do grupo dos mosqueteiros e en vez de ir tras del, irían na procura dun tal
“Pai do Rei” (Que paralelismos). Por este motivo, quedaría co título final de Os catro mosqueteiros na procura do Pai do
Rei.
A tradución foi o paso posterior. Unha vez
listo, a imprimir, repartir (Faaaro de Vigooo!!!), ler o texto e escoller
personaxes. Veña, a construír personaxes! Ensaios, risos, facer de poli
bo e poli malo... Deus!!! Non son capaces de ensaiar dous minutos seguidos! Que
capacidade teñen para despistarse!
María, que fai de Dartañán, é a clown lista, a
que manda, como dicía alguén do público nunha representación. Pola contra,
Tomás (Porthos) é o par... o menos listo, pero intelixente. E se Antía (Aramis)
vai de dura, un pouco botada para adiante, Boube (Athos) móstrase como o galán,
o chicarrón do norte, o que ten todo controlado. Os catro, na procura do Pai do
Rei, coñecerán a divertidos personaxes que lles facilitarán as partes do mapa
que contén unha poderosa...
O abandono dalgún membro do grupo, que nunca
debe producirse unha vez comezados os ensaios, provoca danos colaterais, pois
outro actor ou actriz ten que encargarse dese personaxe que queda orfo. Como
resultado desta situación saen tres parellas estupendas que dobran personaxes.
Foi unha experiencia marabillosa. Quedan no
recordo un feixe de anécdotas con situacións cómicas e tamén momentos de
nervios e tensión que todas e todos compartimos. E sempre, sempre, queda a aprendizaxe
dos e cos demais.
O teatro é a ficción que nos desliga dos
canons establecidos na vida real. É relación, traballo en grupo, sumar
sinerxias. O teatro é un espazo para superar os límites que nós mesmos nos
im-poñemos, mais cando sobrepasamos a liña, sorprendémonos.
Lembrade que tedes unha nova oportunidade de
vernos no CITEAMOR, Ciclo de Teatro Afeccionado, no Auditorio de Cangas, o 22
de maio.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?