Este 2015, cúmprense 70 anos dende que en 1945 se
produciu o remate da Segunda Guerra Mundial. Unha cruenta guerra que deixou
tras de si millóns de mortos, millóns de familias sen un teito, un panorama
internacional desastroso… Poderíamos pensar que só foi una contenda entre o
fascismo alemán e italiano contra os Estados Unidos, Rusia, Gran Bretaña e
Francia. Pero, como consecuencia dela,, miles de españois republicanos que
escaparan de España nos anos da Guerra Civil cara a Francia foron acollidos en
campos de refuxiados. Moitos deles van ter a mala sorte de que cando Hitler
entra en Francia, son levados aos seus campos de traballo e concentración (como
o de Mauthausen en Austria) onde serán usados como escravos. Alí morrerán preto
de 5000 españois. Por todo iso e para concienciar ao alumnado sobre a traxedia
ocorrida, o 22 de abril recibimos no auditorio municipal de Cangas a visita de
Annia Horzowski e do seu fillo Luis.
Hoxe, 22 de abril,
o alumnado de 1º e 2º de bacharelato, en compaña do alumnado doutro centro do
Morrazo, tivemos a oportunidade de asistir a unha clase de historia ben
diferente ás que estamos acostumados. Os departamentos de inglés e historia do
noso instituto e o profesor Xosé Manuel
Cacharrón do departamento de inglés do María Soliño organizaron para nós unha
conferencia sobre o Holocausto na que puidemos coñecer mellor diferentes
aspectos deste sacrificio racial para despois escoitar a dura experiencia que
Anja Horszowski e o seu fillo Luis nos relataron en primeira persoa.
Diana Rodova ao
violín, María Martínez ao chelo e Brais Camaño ao saxo, alumnos de 2º
bacharelato, abriron o acto tocando para nós a peza central da película A
lista de Schlinder, conseguindo xa espertar a nosa sensibilidade. Marta Giráldez, Mateo Baliño, Raquel Refojos,
Sandra Villar e Ana González prepararon para nós un impactante vídeo en inglés
no que se relataba como moitos republicanos españois acabaron no campo de
concentración de Mathausen. Foi subtitulado en galego polo alumnado de TIC de
1º de Bacharelato.
Mauthausen from lingualiza on
Vimeo.
E chegou o momento de escoitar o que Anja
Horszowski e o seu fillo viñeron a contarnos. Esta polaca relatou como dun día
para outro perdeu á súa nai e ao seu pai cando vivían no gueto de Lvov
(Polonia): Anja chegou un día casa do traballo e a súa nai,que quedara na cama
porque estaba enferma, xa non estaba. Os veciños contáronlle que uns oficiais a
asasinaran. O seu pai desapareceu do hospital onde fora ingresado tralo impacto
da nova en estrañas circunstancias. Nunca puido recuperar os corpos dos seus
pais. Era sobrecolledor escoitar á muller sobre o que sentía naqueles momentos,
insistir en teimas que conservaba de entón, como que sabía que debían fuxir
cara Dnipropetrovsk, ... O seu fillo falounos do que viviu o seu pai, de como
este home conseguiu escapar dun tren en marcha que os levaba dun campo de
concentración ao lugar onde ían matalos; e como cando todo rematou volveu ao
campo onde estivera para buscar á súa primeira muller e atopou que fora
asasinada en vinganza á súa fuxida. Tamén falou de como fora medrar nun fogar
como o seu, no que non pasaba un día sen que se fixera alusión ao tema.
Pechouse o acto e, como era de esperar, saímos
todos visiblemente conmocionados. Non todos os días se ten a oportunidade de
ser testemuña de algo así. Os impactantes relatos de Anja e o seu fillo non
podían deixar indiferente a ninguén. Foi unha maña moi produtiva na cal nos demos conta da
importancia de manter viva a lembranza destes sucesos. Non só houbo o xenocidio xudeu na historia do
século XX, senón que houbo e segue habendo algunhas prácticas semellantes no
mundo e non se conseguen erradicar. Sen dúbida, unha forma
moi clara e directa de lembrarnos a todos por que os erros do pasado non deben
ser repetidos.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?