30.1.20

UNHA FLOR NO CANO DUN FUSIL

E chegou o Día da Paz. O alumnado maior veu ás nosas aulas e ensinounos a facer flores vermellas inspiradas nos cravos portugueses.




 E fomos baixando á exposición onde conversamos sobre o que aprenderamos ao longo destas semanas sobre as revolucións pacíficas




lemos os nosos manifestos e colocamos as nosas flores vermellas no cano dos fusís como símbolo do noso compromiso coa loita non violenta a favor dos dereitos humanos como único camiño para a paz.








28.1.20

FARIÑA: TEATRO NO AUDITORIO



A adaptación teatral da obra "Fariña" de Nacho Carretero chega este venres e sábado ao Auditorio Municipal de Cangas, da man de Xosé Antonio Touriñán cun elenco formado tamén por Marcos Pereiro, María Vázquez, Cris Igrexas e Sergio Zearreta nun espectáculo de gran formato que conta a historia do narcotráfico en Galicia nas últimas décadas do século pasado.



Vémonos o venres, ás 20:30 horas na porta do Auditorio.

21.1.20

GUADI GALEGO, PREMIO Á PROMOCIÓN DA REALIDADE PLURILINGÜE DO ESTADO

Euskadi, Cataluña, Galicia, Valencia, Navarra e Baleares conceden este galardón á artista galega polo seu último traballo discográfico multilingüe 'Immersion', integrado por músicas cantadas en sete linguas peninsulares: galego, castelán, asturiano, catalán, euskera, occitano-aranés e tamén portugués. 

O disco conta con numerosas colaboracións de divers@s artistas, tanto da escena galega ( Iván Ferreiro, Andrés Suárez, Xabier Díaz…) como da nacional e internacional (Judit Neddermann, Lisandro Aristimuño, Álex Ínsua…).


En portugués, Guadi canta co Ana Bacalhau, solista do grupo Deolinda, o tema Matriarcas.


20.1.20

A PAZ É ACCIÓN: AS REVOLUCIÓNS PACÍFICAS

Da man da revoluçao dos cravos, o alumnado pescudou información sobre outras revolucións pacíficas que tiveron lugar ao longo da historia e que conseguiron e están a conseguir un mundo máis xusto e igualitario, a mellor maneira de traballar pola paz. E colocaron a información nos taboleiros laterais da planta baixa.




17.1.20

CAMBIEMOS BALAS POR FLORES: A REVOLUÇAO DOS CRAVOS

Comezamos un novo ano retomando o noso proxecto de derrubar fronteiras entre galego e portugués á vez que descubrimos na nosa historia outras formas de resolver conflitos que renegan da violencia. E por iso escollemos, como inspiración para celebrar o Día escolar pola paz e a non violencia, achegármonos a un feito histórico portugués, compartido por moitos galegos: a revoluçao dos cravos. E o departamento de Xeografía e Historia púxose mans á obra seleccionando vídeos en portugués para achegar ao alumnado á realidade da ditadura, ás terribles consecuencias da guerra colonial, ao Grândola, vila morena de Jose Afonso soando na radio e á xente echendo as rúas e colocando cravos nos fusís dos soldados.

Tamén preparamos unha pequena presentación deste feito histórico que ocupou o centro da planta baixa xunto a un gran exército de fusís feitos con papel marrón.