21.11.10

DÍA DA CIENCIA EN GALEGO

MÁIS GALEGO NO MUNDO DO TERROR

Xa chega o SAMAÍN, a festa de orixe celta que os galegos e galegas celebraban poñendo cabazas acesas polos camiños e luces nas fiestras para guiar as almas dos defuntos. Porque nesa noite máxica do 31 de decembro ao 1 de novembro, ábrese, segundo as crenzas celtas, a porta que comunica o mundo dos vivos e os mortos.

Para celebrar esta festa no instituto, abriremos a porta da imaxinación e encheremos o corredor da planta baixa con todos os vosos traballos creativos sobre eses personaxes que se moven entre os vivos e os mortos. Porque aínda que non creamos nin deixemos de crer, habelos, hainos... Non deixedes de participar.



17.11.10

PREMIOS SAMAIN

Parabéns a tod@s. A celebración do Samaín foi todo un éxito de participación e creatividade.

Houbo dous premios ás aulas que máis participaron:

1º ESO A


4º ESO A


















E un premio ao mellor traballo aos murais realizados polo alumnado de Debuxo artístico de 1º de Bacharelato.



Houbo doces de terror como agasallo para todas as aulas que participaron, cantidade e variedade de traballos: máis murais, arañeiras, papiroflexia e moitos relatos de terror, especialmente do alumnado adulto. O mural de 3º ESO A relacionou as nosas historias coas bretoas e aprendeunos a tradición do Ankou. Con todas estas achegas ambientamos a planta baixa, list@s para recibir aos espíritos do Samaín.



Os equipos de dinamización uníronse á festa dramatizando contos de medo populares. As fotos das dramatizacións ilustraron os textos das historias a xeito de fotonovelas que ambientaron tamén os corredores do instituto, invitando a todos á súa lectura.

A MADRIÑA MORTE


A CAVEIRA CONVIDADA


O ARREGUIZO


O SOLDADO E O MORTO QUE CAÍA AOS CACHOS




O venres 29 organizáronse sesións de lectura e contacontos na biblioteca do centro.

10.11.10

SAMAÍN 2010

Seguro que xa sabes que o Samaín é unha celebración celta que perdurou en Galicia, que os irlandeses levaron a EEUU e que foi cristianizada como Todos os Santos ou Halloween. Observa como era o calendario celta e comprobarás que a pesar dos séculos transcorridos hai moitas máis festas galegas que seguen a conservar o espírito da tradición celta.





Este ano queremos propoñervos que participedes desde as aulas na celebración do Samaín. Recuperamos personaxes e historias da tradición que vos sirvan de inspiración para que expresedes a vosa creatividade: murais, historias de terror recollidas ou creadas, música, bailes, efectos especiais, disfraces, dramatizacións, decoración... todo canto se vos ocorra... Haberá premios para as aulas que máis participen e para os mellores traballos.

Terror galego

9.11.10

DAVID RUBÍN E KIKE BELLOCH NO INSTITUTO DE RODEIRA

O luns 25 de outubro os alumnos e alumnas de 1º de bacharelato tivemos a sorte de poder conversar no instituto con dous invitados moi especiais, dous grandes da banda deseñada galega: o debuxante David Rubín e o guionista Kike Belloch que viñeron falarnos do seu traballo conxunto na banda deseñada en galego: Uxío Novoneyra. A voz herdada. Contáronnos que, en principio non lles parecía moi atractivo o feito de facer un cómic biográfico xa que non é a súa liña de traballo habitual. Pero, a medida que se meteron no traballo, Uxío Novoneyra conquistounos. Tiveron que facer un estudo moi exhaustivo da época histórica e reuniron todas as fotografías que puideron como base antes de empezar a traballar. Para conseguir máis vivacidade no relato, escolleron como narrador un mozo que coñece ao poeta e descubre con el a forza da poesía. A mellor recompensa ao seu traballo foron as bágoas emocionadas da muller de Uxío Novoneyra, a primeira á que mostraron o seu traballo, porque demostraban que cumpriran o seu obxectivo de conseguir chegar ao corazón coa historia contada.

No coloquio falaron do seus inicios cando aínda non eran coñecidos, da súa participación na creación do colectivo Polaqia e da revista Barsowia, fanzine no que publicaban con outros autores. Loitaron pola realización do seu soño e hoxe poden vivir economicamente do traballo que máis lles gusta facer. David Rubín falounos tamén da súa primeira experiencia no mundo do cinema, traballo que abandonou por falta de tempo. Tivo que escoller e quedou coa banda deseñada, o traballo onde mellor pode plasmar as súas ansias creativas, sen tantos condicionantes como ten o mundo do cinema. Os dous autores aconsellaron ao alumnado que goce coa actividade creativa, sexa cómic, música, literatura..., que loite por poder dedicarse profesionalmente a ela, sempre e cando estea disposto a traballar duro.

A concelleira de cultura, Merche Giráldez, agasallounos con varios exemplares da banda deseñada Uxío Novoneyra. A voz herdada e doutros títulos de banda deseñada en galego: O lobo da xente, As serpes cegas e Os lobos de Moeche. Pídeos na biblioteca do instituto.

Aproveitando a celebración do Salón do Cómic, organizouse unha exposición na que anunciabamos as actividades que se ían realizar no centro e no concello e se achegaba información e mostra das obras de banda deseñada galega en xeral cunha especial atención aos dous autores que nos visitaban.

BANDA DESEÑADA GALEGA

Sumámonos á celebración do XIV Salón do Cómic de Cangas, do 25 ao 31 de Outubro, achegándonos á BANDA DESEÑADA GALEGA

Coñeces banda deseñada escrita en galego? Sabes que editoriais a publican? Coñeces os autores galegos de cómic? Que outros salóns de cómics hai en Galiza? Están recoñecidos os autores galegos fóra das nosas fronteiras en salóns tan importantes como o de Barcelona?

Xa o sabes: QUE SORTE FALARMOS GALEGO. Agora tes unha boa oportunidade de descubrir que esa lingua que nós falamos, o galego, é lingua de grandes debuxantes e guionistas, recoñecidos dentro e fóra das nosas fronteiras. Na nosa lingua poderás coñecelos, conversar con eles, saber das editoriais que publican banda deseñada en galego... E todo grazas ao XIV Salón do Cómic de Cangas, organizado polas concellerías de Cultura e Xuventude. Dámoslles os nosos parabéns por ter contado cos centros de ensino na organización dos actos programados. Infórmate ben sobre banda deseñada galega e sobre os actos do Salón nesta presentación.

8.11.10

UN TESOURO QUE PROTEXER

Nós temos un grande tesouro que necesita ser protexido, a nosa lingua propia. Por esa razón existen os equipos de dinamización lingüística. O mellor xeito de protexer unha lingua e falándoa e a iso se comprometen @s que decidiron formar parte dos equipos.

Quixemos simbolizar cunha pinza de madeira o uso que facedes do galego. E pedímosvos que a encherades de cores porque nos equipos queremos que sexades conscientes do valor que ten esa lingua que usades de cando en vez. Queremos que o galego vos guste, que saibades que é unha sorte falalo e que queirades facelo, que vos sintades orgullosos e orgullosas de falar a lingua que naceu nesta terra hai séculos e desde entón nunca deixou de ser nosa, a lingua que nos fai orixinais e únicos no mundo e que nos facilita a comunicación cos millóns de falantes de portugués.

Pero os equipos non son só para reunírmonos e encher de cores a nosa propia pinza. Ese pouco que achegamos cada un, multiplícase coa forza do grupo. Queremos mostralo dun xeito simbólico enganchando as pinzas de cores uns a outros e construíndo unha serpe longuísima.

A serpe é considerada un animal sagrado na cultura popular galega e aparece en moitas lendas custodiando un grande tesouro. A nosa serpe sagrada unirá os pequenos compromisos de cada un de nós para que se fagan máis grandes e saian deste espazo pechado, levando o galego ás aulas, aos corredores, á conserxería e secretaría. E quizais medre aínda máis e leve o voso galego por Cangas adiante.

Porque será así, con novos e novas falantes, como a nosa lingua, o noso tesouro cultural, estará protexida e pervivirá para as xeracións futuras.

APÚNTATE

Benvidas e benvidos ao instituto no comezo deste novo curso. Estreámolo xunto a un novo proxecto dinamizador: QUE SORTE FALARMOS GALEGO.
Son moitísimas as razóns polas que termos unha lingua propia é unha sorte. Por iso queremos contribuír a mantela viva, superando prexuízos e habituándonos a falala con toda naturalidade. Comezamos cheos de ideas e ilusión. Non renuncies ao que é teu e únete ao proxecto. Cada vez somos máis. Anótate aos equipos e pásao ben falando en galego.