30.1.13

ÚNETE Á CADEA. DERRUBA MUROS!

Neste 30 de xaneiro, DÍA ESCOLAR DA PAZ E DA NON VIOLENCIA, construímos un muro alto e escuro. Nel pegamos información sobre os muros reais que existen no mundo, muros que separan países, culturas, economías e persoas. Ás veces son, como este que construímos nós, muros altos e escuros, que rouban a visión do outro lado; outras veces murallas electrificadas, recubertas de cables de espiño, vixiadas por gardas ben adestrados. Algúns xa son historia como O MURO DE BERLÍN pero erguéronse outros: o muro de Cisxordania feito por Israel en territorio palestino; o muro co que EEUU pechou a fronteira con México; os valados que España ergueu en Ceuta e Melilla para impedir a chegada de inmigrantes; o muro que Marrocos construíu en territorio saharaui e tantos outros...



Pero tamén reflexionamos sobre outros muros que se constrúen na mente das persoas, murallas mentais que provocaron guerras e conflitos ao longo da historia. E pegamos no muro ladrillos con esas actitudes que van erguendo muros: o racismo, o dogmatismo, o fanatismo, as tiranías, o odio ao diferente, a incomprensión, o egocentrismo...




Estes muros mentais conviven con nós, na aula, na casa, na rúa... e derrubalos é tarefa de todos. Por iso, desde as aulas propuxemos actitudes positivas que escribimos en cartolinas de cores e unimos nunha gran cadea que colocamos ao redor do muro e tirando delas conseguimos botalo abaixo. Porque os muros son grandes e a nosa forza, pequena; pero, se nos unimos desde novas actitudes e comportamentos, seremos quen de ir derrubando os muros que nos dividen e comprometéndonos na construción dun mundo máis xusto e solidario.

Puxemos fin á nosa celebración unindo as nosas voces á de Celso Emilio Ferreiro, un dos poetas galegos máis comprometidos, cantando o seu poema Irmaus, musicado por Fuxan os ventos. Expuxemos e gravamos este poema co alumnado de fóra en alemán, en inglés, en francés, en árabe, en grego e en portugués do Brasil. Traballámolo nas aulas para entender como falar linguas distintas, vivir en países afastados ou ter culturas ou crenzas diferentes non nos separa. A diversidade non é un problema senón unha riqueza. Todos e todas somos persoas que sentimos, soñamos, sufrimos e loitamos. Por iso só poderemos derrubar muros desde a solidariedade e a loita polos dereitos para todos e todas.

22.1.13

NON TE RESISTAS



Xa estamos na 2ª semana que nos concederon de froita. Non esquezas vir buscar a túa froita nos recreos. Ademais de mazás de diferentes tipos, plátanos e peras, esta semana tamén temos mandarinas e amorodos.

Xa vos decatariades de que polos corredores convertemos a tentación do doce en froita, soa, en macedonia ou en deliciosas sobremesas para preparar en casa coas receitas que enchen os taboleiros. E aprendemos unha chea de xeitos de expresar en galego o moito que nos gustan. Porque así non hai quen se resista a tomar froita.



E tamén hai que aproveitar para aprender un pouco. O alumnado de 2º da ESO realizou unha presentación con fotos de árbores e froitas para aprenderlle aos de 1º da ESO os nomes que non coñecían.


Con esa información elaborouse unha grande árbore na parte central da planta baixa co tronco feito de papel adhesivo marrón da que colgaban as diferentes froitas co seu nome en galego e tamén o da árbore froiteira. E tamén carteis cos nomes das froitas en diferentes linguas.


E tamén seguimos coa campaña publicitaria. Aquí tedes fotos do reparto do que se encargaron os de 3º e dos anuncios que atopastes polos corredores.



E que vos parece o noso spot motion?

stopmotionc from lingualiza on Vimeo.