17.12.15

QUEREMOS MÚSICA EN GALEGO



O último día do trimestre, como xa é tradición, todos os equipos do EDLG xuntámonos para gozar dunha festa con música en galego. Cada equipo presentou un videoclip para presentarse e logo invitar a todos e todas a cantar e bailar. 1º da ESO triunfou co rapeado da canción gañadora do Correlingua do curso pasado: O GALEGO É DE TODOS E TEU TAMÉN. 




2º da ESO realizou un divertido vídeo musical da canción Quero ver como te ris de MEDOMEDÁ.





3º da ESO non deu feito e castigámolos a saír ao escenario e facer algo en directo para presentarse. 


 



4º da ESO fíxonos moitas ganas do verán con Fai sol de TERBUTALINA. 





O alumnado de Bacharelato escolleu o tema Terra de DAKIDARRIA e fixo unha versión achegándoo á realidade de Cangas. 





O profesorado tamén participou bailando o tema de LAMATUMBÁ: Camiños





Pasámolo xenial. E ao final, compartimos uns petiscos. Que máis se pode pedir?





14.12.15

NADAL EN GALEGO



Chegou o momento de adornar o instituto para anunciar a chegada do Nadal. E que mellor adorno que a nosa cultura? Visitamos o Culturgal e pedimos novidades ás editoriais galegas para expoñelas no centro. E montamos unha gran árbore de Nadal con flores de papel e portadas das últimas novidades de literatura e música en galego:  libros de poesía, novelas, ensaio, de contos infantís e banda deseñada, discos e películas.








E outra con produtos galegos etiquetados na nosa lingua e camisetas con lemas en galego, porque queremos o noso, na nosa lingua.








E na nosa campaña para animar a que o galego forme parte dos nosos agasallos e comidas de Nadal tamén repartimos trípticos, deseñados nas xuntanzas coa Coordinadora de Equipos de Dinamización do Morrazo, con recomendacións por idades de lecturas e música en galego no centro, no concello, no centro de saúde, na biblioteca municipal e nas librarías de Cangas. 










11.12.15

QUEREMOS DEREITOS HUMANOS



Non pode haber igualdade nin xustiza senón é polo camiño dos dereitos humanos. No mes de decembro, o alumnado de 2º traballou desde a materia de Educación para a cidadanía na elaboración dun fermoso libro que recolle a redacción dalgún dos "dereitos humanos" tomados de distintas fontes así como textos alusivos aos mesmos e imaxes que ilustran o seu contido. Fixeron unha presentación oral do traballo na biblioteca onde quedou gardado o libro para que o poidades ver.






E empregamos unha vez máis a nosa lingua e o lema do proxecto do EDLG para encher os corredores do 1º andar de mensaxes a favor dos dereitos humanos para todos e todas. Tras a súa lectura en galego nas horas de titoría, cada alumno ou alumna escolleu o que lle parecía máis necesario reivindicar para encher tiras de papel co lema que se colgaron con pinzas nun longo tendal.






7.12.15

AS ALMAS GRISES



 Hoxe tivemos unha nova sesión do club de lectura Vaidelibros, aberto a toda a comunidade educativa. A obra escollida foi esta vez  As almas grises, unha tradución da obra do escritor Philippe Claudel , que foi elixido Libro do Ano polos libreiros franceses e a revista Lire , ademais de ter recibido o Premio Renaudot.  Aínda que existe a tradución ao galego e ao castelán, desde a biblioteca repartíronse exemplares en galego para fomentar a lectura na nosa lingua da literatura universal.