31.10.18

CONTAXIA CIENCIA E TECNOLOXÍA EN GALEGO

Achégase un ano máis este día de reivindicación da imprescindible presenza do galego nas materias científicas e na investigación tecnolóxica. E farémolo dentro da nosa campaña "Contaxia galego", deseñando a cápside dun virus, a estrutura proteínica que o recobre, que é unha forma poliédrica. Construíremolos nas aulas a partir de 30 triángulos equiláteros cuns pequenos cortes que nos permitirán enganchalos. Aquí tedes as instrucións. Traede tesoiras!




PREMIOS DO SAMAÍN

Aquí tedes o fallo do concurso máis terrorífico do ano. Visitamos cada aula para valorar a vosa creatividade e estas foron as aulas premiadas. Parabéns!

-A aula de 1º ESO C que realizou dun guión en galego sobre a serie Stranger thing "Cousas estrañas" e gravou un vídeo.


 - A aula de 3º ESO A, decoración e represetación inspirada na película It.


- A aula de 3º ESO C e o seu instituto sanguento


- A aula de Ciclo Medio de Administración e Finanzas con "Pesadelo antes do Nadal"



- A aula de 2º ESO C con "A noiva cadáver"


TÚNEL DO TERROR

Non foi nada doado pero era o noso reto. Algo que nunca se fixera antes no instituto. Só tiñamos a sala de usos múltiples, un espazo baleiro no que tivemos que construír corredores e espazos que sorprendesen aos visitantes. Fóra, recibirónvos Ángela e Cris coas instrucións a seguir para que non houbese perigos.


Ao saíres, para inmortalizar as vosas caras de medo tiñamos preparado un fotomatón terrorífico. 
 

Unha vez dentro do túnel, fostes guiados polo espírito das sombras, seguinda as indicacións fosforescentes que colocaramos no chan pois a escuridade era tenebrosa. Desde a Santa Compaña ata pallasos maquiavélicos ou  asasinos sanguinarios... un paseo polo corredor dos espíritos que veñen visitarnos no Samaín, cando se abre a porta que comunica o mundo dos vivos e dos mortos. 
Aquí tedes o equipo que se encargou de facer realidade este paseo polo terror.







29.10.18

MULLERES DA MAR TENDIDA

Hoxe o grupo de TEATRO ABERTO do alumnado adulto do instituto, maioritariamente mulleres de Cangas, ofreceunos unha representación para o alumnado de bacharelato desta obra, estreada o curso pasado. Foi unha moi interesante experiencia interxeneracional na que puidemos achegarnos de primeira man ao xeito de vivir da xeración dos nosos avós e sobre todo das nosas avoas, no traballo da casa e do campo, no coidado dos fillos e no traballo na fábrica de Massó e noutras conserveiras de Cangas. Tras a obra organizouse un interesante coloquio no que as avoas pedíronos encarecidamente á xente nova que fósemos consciente das oportunidades que temos e que non deixamos perder os dereitos polo que elas tanto loitaron.





18.10.18

CONTAXIA CREATIVIDADE

Xa tedes o centro ambientado para que vos animedes vós tamén a traballar desde as aulas. Nos corredores escollemos papel que envellecemos, engurramos e enchemos de mensaxes ensanguentadas. Quedou espectacular e chama moito a atención:





Na parte central da planta baixa, inspirámonos nun relato de Ferrín -"O verdugo"- creando as figuras do verdugo e do aforcado, e deixándonos levar un pouco polas películas de terror satánico.






14.10.18

CONTAXIA TERROR

Achégase o Samaín e xa estamos a pensar en ambientar o instituto e preparar actividades para morrer de medo. Queremos que todos e todas vós participedes tamén polo que organizamos un concurso de aulas temáticas. Haberá ademais sorpresas terroríficas. Contamos con vós! A traballar!

12.10.18

CRÍTICA DA RAZÓN PERRALLEIRA

Nova cita teatral en Moaña con esta obra de Mofa e Befa. Vémonos ás 22:00h.

11.10.18

QUERO CANTAR

Presentámonos por primeira vez a este concurso organizado pola Deputación de Pontevedra. Formamos un grupo de alumnado voluntario de 1º de Bacharelato e 4º da ESO  para compoñer a letra, tocar e cantar. Foi unha experiencia moi enriquecedora e pensamos seguir a reunirnos ao redor da música nos recreos e mesmo algunha tarde e cantar nun concerto que queremos organizar en Cangas.

 https://querocantar.gal/participantes-2018/






5.10.18

ELISA E MARCELA

Lembrade que mañá temos unha cita no instituto das Barxas en Moaña para ver o espectáculo Elisa e Marcela da compañía teatral A Panadería.


COMO NOSSOS PAIS

Nova cita nos Cinemas Ocultos na proxección desta película brasileira en versión orixinal. Vémonos alí ás 21:00h.


Título Orixinal: Como Nossos Pais
Ano: 2017
Duración: 102´
País: Brasil
Dirección: Laís Bodanzky
Guión: Laís Bodanzky, Luiz Bolognesi
Fotografía: Pedro J. Márquez
Intérpretes: Maria Ribeiro, Paulho Vilhena, Clarisse Abujamra, Felipe Rocha, Sophia Valverde, Jorge Mautner, Annalara Prates

Sinopse:
Rosa é unha muller que só desexa ser perfecta, no seu traballo e como nai, filla, parella e amante. Canto máis se esforza, máis sente que o está facendo mal. Rosa vese atrapada polas esixencias de dúas xeracións, ata que un día a súa nai deixa caer unha bomba, e Rosa comeza a redescubrir o seu verdadeiro eu.

Premios:
2018: Premios Platino: Nominada ao Premio Cine e Educación en Valores.

3.10.18

CIRCUÍTOS TEATRAIS EN MOAÑA

Como cada ano poderemos gozar dunha obra semanal de teatro en galego todos os sábados deste mes de outubro.


En total vanse a representar catro obras de teatro, nun ciclo moi dedicado á muller, no que hai presenza feminina en todas as obras. As funcións serán ás 22:00 horas e os prezos serán de 4 euros e unha tarifa reducida de 2 euros para menores de idade.



O Circuíto estréase o sábado 6 de outubro coa compañía A Panadería e a obra "Elisa e Marcela", en torno ao primeiro matrimonio lésbico en Europa, que sucedeu en 1901 na Coruña. O sábado 13 represéntase "Cranios privilexiados...ou crítica dá razón perralleira", da compañía Mofa e Befa, unha enxebre reflexión sobre a filosofía. O sábado 20, a compañía Chévere-Berberecheira, representará obra "Anatomía dunha serea", interpretada por Iria Pinheiro e escrita por ela e por María Lado que conta a experiencia do nacemento da súa primeira filla. Os Circuítos péchanse o sábado 27 coa obra escrita e dirixida por Cándido Pazó, "Fillos do sol" que representa a compañía Contraproduccións.

FACENDO AMIG@S

O alumnado de "Animación" comezamos o curso preocupándonos por crear grupos nos que todos e todas nos coñezamos e ninguén se sinta desprazado. Por iso organizamos unha saída á praia de Santa Marta, un camiño cheo de xogos en galego nos que tivemos que saír dos nosos grupos pechados e facer novos amigos e amigas. Tivemos un fermoso día de praia e pasámolo xenial!

Presentándonos antes de saír:





Poñéndonos en marcha:


Unha nova oportunidade para saudármonos e descubrir calidades nos demais:





No dique chegou a hora do riso e a seriedade segundo tocase:




En Massó, movemos a roda como un só corpo sentados uns nos colos dos outros



e logo xogamos ás escondidas ao revés, como"sardiñas en lata", todos metidos no mesmo lugar no que descubriamos ao que estaba agochado:


Houbo que afanarse para poder pasar o túnel, con cancións, chistes e parodias:


 E por fin chegamos á praia onde rematou un encontro que cumpriu o seu obxectivo de facer novos amigos e amigas.




1.10.18

TRINTA LUMES

Nova cita co cinema galego no Auditorio de Cangas, dentro da Semana de Cinemas Ocultos. Será hoxe ás 21:00h coa proxección de Trinta lumes, da cineasta galega Diana Toucedo. Vémonos alí!


Ano: 2017
Duración: 80´
País: Galicia
Dirección: Diana Toucedo
Música: Sergio Moure
Fotografía: Lara Vilanova

Sinopse:
Un relato entre o documental e a ficción que transcorre nunha aldea de Galicia onde “a vida non se acaba, senón que se transforma noutra cousa”. Alba ten doce anos e desexa descubrir o descoñecido, o misterioso e o fascinante da morte. Co seu mellor amigo Samuel entran en casas abandonadas, recorren aldeas destruídas e achéganse ao interior dunhas montañas que esconden outro mundo paralelo. Unha viaxe que parte da inocencia para descubrir o misterio da loita entre a vida e a morte.