19.6.15

DESTAPA O GALEGO LENDO e FALANDO NO VERÁN



Aquí tedes as recomendacións dos máis novos do instituto. Destapade ben a nosa lingua que ten calor e ganas de ir á praia! Que teñades un bo verán!



5.6.15

DESTAPA O GALEGO na despedida do alumnado de Bacharelato e ciclos


Outra promoción que marcha para continuar a súa formación lonxe de nós ou para incorporarse ao mundo do traballo. Fixemos canto puidemos para que o galego vaia na mochila que levades destes anos no instituto. Este é o voso momento, o momento de superar comodidades e rutinas e loitar por conseguir o que queredes. Oxalá o galego forme parte do voso futuro. A lingua precisa de vós pero vós tamén precisades dela para mirarvos a vós mesmos e sentirvos orgullosos e orgullosas de quen sodes.

Así se despediu Diana Rodova, a nosa checogalaica, no nome de todos os seus compañeiros e compañeiras, no acto de graduación presentado en galego por Ana Lamas e Manuel 

Boas tardes a todos:

É una honra para min poder dedicarvos, no meu nome e no dos meus compañeiros, unhas verbas antes de despedirmos, coma alumnos, do Instituto de Rodeira.

Pasaron voando seis anos que comezaba cun grupo de rapaces dominados polos nervios ante a superstición dun posible exame antes da distribución por clases na aula de usos múltiples. Por sorte, non habería tal. Tras ter rematado unha etapa na que abondaban as excursións, os traballos en grupo, os proxectos interculturais e mesmo algunhas intensas visitas á dirección, xa estabamos no Bacharelato.

Neste quinto da ESO, unha denominación moi apreciada polos nosos pedagogos; coñecemos un novo ritmo de traballo e sobre todo á xente que en dous anos formaría parte de nós, tanto ou máis, ca cos que levabamos  practicamente toda a vida.

Rematou sendo popular “destestar os libros de texto”, algúns aprobaron  O Quixote  valéndose de resumos mentres outros loitaban ca trigonometría, e “en xeral”  ben fartos das cantigas medievais… Aínda así levamos con gusto o recordo dun curso que fixemos un tanto ad libitum sen sospeitar o que nos agardaba no seguinte.

Segundo, chámano, un nome moi apropiado, pois o tempo que durou foi precisamente este, un segundo.

As olleiras das noites sen durmir e os estudos apresurados remataron por baleirar as aulas e superar o aforo máximo das bibliotecas permitido polas normas de seguridade. Mentres incluso chegamos a transformarnos en animais, a combater o temido ébola, a conxecturar ao estilo de Schrödinger ou a acoller aos persoeiros dos MTV Awards.

Agradezo enormemente a todos os profesores e profesoras o seu labor educativo e o seu trato persoal. Non me atrevo a nomealos a todos por medo a esquecer algún, algo que sería inxusto, pois cada un de vós axudounos a construír a nosa identidade.

Non me corresponde a min xulgar se fomos unha das mellores promocións ou non, pero espero que a nosa pegada fose fonda e que ao final talvez gardedes unha agarimosa lembranza de nós.

Lévome unha maleta ben chea de recordos e experiencias para comezar esta nova viaxe, esta nova aventura que nos leva cara aos estudos superiores. Non sei o que nos depara, pero coma xa deixaron dito os sabios “o non saber adoita ser unha fase cara a novos coñecementos”. Iso espero.

Moitas grazas a todos e por todo, boa sorte e ata sempre!!


DESTAPA O GALEGO COMO CORRESPONDENTE XUVENIL


Este curso chegou ao instituto unha proposta para lle ofrecer ao alumnado a oportunidade de poder informar aos compañeiros e compañeiras das múltiples bolsas, campamentos e demais información que era mandada dende a Xunta de Galicia.

Uns cantos do noso instituto aceptamos a proposta e puxémonos mans á obra. O centro cedeunos un taboleiro para expoñer todo o que nos ían mandando e nós decorámolo como nos parecía que chamaría un pouco a atención para que así puidesen informarse facilmente.

A nós gustounos moito, xa que non só informabamos aos demais compañeiros, tamén nos informabamos nós.E grazas ao traballo que fixemos, tivemos múltiples privilexios, como descontos ou incluso agora, no final do curso, imos ter un campamento de 3 días, en Gandarío, onde poderemos relacionarnos cos demais correspondentes de Galicia.

Esperamos repetir o ano que vén.



4.6.15

DESTAPA O GALEGO NA NATUREZA


Xa se fallaron os premios do concurso de Fotografía da Natureza! Dádevos unha volta pola exposición e gozade da arte da fotografía e a poesía inspirada na natureza.


DESTAPA O GALEGO NO MUNDO AUDIOVISUAL: Confesións dun esqueleto


O alumnado de 4ºD co noso profe do Ámbito Sociolingüístico, Salvador, propuxémonos gravar unha curtametraxe en galego este curso. Comezamos por elaborar un guión no que investigabamos unha desaparición no instituto e mesmo chegamos a gravar unhas escenas pero, por circunstancias que sucederon, tivemos que deixalo e comezar de novo. Nesta nova idea, o protagonista foi o esqueleto do laboratorio de ciencias e colaboraron con nós, Bea, a nosa titora, e Juan, o profe de Plástica, que é andaluz, así que ten moito mérito. Grazas por axudarnos.