Os meus pais son da REPÚBLICA CHECA, pero eu nacín aquí, en Galicia. Na nosa casa falamos en checo, na rúa en castelán e o galego tiven a sorte de aprendelo na escola. Esta distinción levámola facendo toda a vida para non deixar de lado ningunha das linguas.
A República Checa ten tres rexións diferenciadas: Bohemia,
Moravia e a Silesia checa. Bohemia, a parte occidental do país está rodeada de
montes baixos e forma unha conca, drenada polo río Elba e o río Moldava.
Moravia, a parte oriental, é tamén montañosa e está drenada polo Río Morava.
Silesia sitúase ao norte, entre Moravia e Polonia.
En Chequia hai unha única lingua oficial, o checo, unha das
linguas eslavas occidentais, (xunto co polaco, o eslovaco, o casubio, o
pomeranio e o sorabo). Aínda así existen tres variantes de checo nas diferentes
rexións. O checo común correspóndese coa variante falada en Bohemia. Pero
podemos atopar ata outras tres variantes: Haná (Moravia Central), a
morava-eslovaca e a silesiana que presentan modificacións con respecto ao
normativo e son consideradas pouco cultas. Existen, como na situación
lingüística que vivimos aquí, algúns prexuízos lingüísticos que impiden
considerar a diversidade da fala como unha riqueza.
O meu pai é das aforas de BRNO e a miña nai de PARDUBICE. No
verán adoitamos ir visitar á familia destes dous lugares, aínda que tamén
pasamos bastante tempo en LITOMYSL, o lugar onde temos a casa. Este lugar é
patrimonio da humanidade polo seu interese turístico e cultural. Destaca o
monumental castelo renacentista que se remonta aos anos 1568-1581. Cómpre
visitalo, pasear polos seus fermosos xardíns ou pararse a refrescar os pés no
estanque das estatuas de Mucha. Os edificios do castelo non só son excepcionais
polo seu refinamento arquitectónico, senón tamén por seren o lugar de nacemento
de Bedrich Smetana. Este compositor checo foi pioneiro no desenvolvemento dun
estilo musical que quedou intimamente ligado ás aspiracións independentistas do
seu país. É por iso que se lle recoñece no seu país como o pai da música checa.
Internacionalmente é coñecido pola súa ópera A noiva vendida e polo ciclo de
poemas sinfónicos Má vlast («A miña patria») que representan a historia, lendas
e paisaxes da patria natal do compositor. Algo que me gusta moito é a importancia
que se lle dá na República Checa ás actividades relacionadas coa música.
Valóranse moito máis que aquí. De feito nos veráns hai cursos especiais que
ademais promoven a interculturalidade, pois neles se reúne xente de moitos
lugares do mundo.
Na praza alongada de LITOMYSL, que é unha das maiores da
República Checa, está o concello, que é de orixe gótica e unha serie de casas
renacentistas e barrocas, moitas con arcadas e cuartos de planta baixa con
bóvedas. Unha das máis importantes é a Casa dos Cabaleiros (ou Rytí) coa súa
notable fachada. É obrigado o paseo baixo os soportais a través dos que se pode
chegar até a estatua de Smetana ou á súa casa museo ou visitar casas que
albergan exposicións de arte permanentes.
É moi característico na terra dos meus pais saír recoller
cogomelos, sobre todo despois das choivas. Está considerado case un deporte
nacional que naceu no pasado como fonte de alimento (carne dos pobres) e hoxe
asóciase a gozar da natureza e relaxarse. A época de recolección en Chequia
empeza en maio e chega ao seu auxe en setembro. Os checos recollen xeralmente
nos bosques que coñecen ben e para a súa almacenaxe prefiren secalas, é dicir,
a forma máis antiga e natural.
Conscientes da súa riqueza, os checos e checas coidan moi
ben dos seus bosques. Na miña opinión a xente está moito máis concienciada que
aquí no referido ao coidado da natureza. Tamén é posible recoller froitos
silvestres. E visitar as numerosas reservas naturais e espazos protexidos coma
o parque nacional das montañas de Krkonose, unha das zonas naturais máis
valiosas de Europa Central. A cordilleira máis alta da República Checa
representa un mosaico único de ecosistemas que se conservaron aquí como recordo
do seu afastado pasado glacial, unha paisaxe preciosa con altas abas de
montañas, cristas planas, prados alpinos con flores multicolores, onde se atopa
a montaña más alta da república, Snezka. Este lugar é moi visitado, sobre todo
no inverno, pois é un dos mellores lugares para esquiar.
En Chequia somos moi amantes das sopas. Entre as máis
populares, cabe mencionar a sopa nacional como a kulajda, elaborada a base de
puré de pataca e champiñóns cun toque final de sabor de leite agre e aneto
(cast.eneldo) ou drstková, versión checa dos callos, servidos en forma de sopa.
No comments:
Post a Comment
e ti que dis?