27.3.11

25.3.11

CANGAS E O MAR

XORNADAS AGOSTIÑO ENTENZA

Celebramos no noso instituto as Xornadas “Agostiño Entenza” arredor do tema O MAR DE CANGAS. O alumnado da ESO participou en charlas e conferencias de Luís Pérez, Noé Masso, Xosé Luís Lorenzo “Colón” e Rosa Mª Varela e alumnos de Monte Carrasco.
Pola tarde, ademais da proxección de vídeos de distintos temas relacionados co mar, Xosé Lois Vilar ofreceu unha interesante charla-coloquio sobre a “Talasonimia na Ría de Vigo”. O xerente e o patrón maior da Confraría de Cangas faláronnos das perspectivas das actividades económicas (pesca, acuicultura, marisqueo) e as accións emprendidas para mellorar no futuro.

Nestas actividades participaron varios departamentos coordinados polo de Xeografía e Historia, a Biblioteca e Normalización Lingüística. Na clausura das xornadas recordamos de xeito especial o noso compañeiro Agostiño Entenza. Teresa Rodríguez e o director clausuraron as xornadas. Actuou o grupo “ Mornura” e varios alumnos de 2º de bacharelato leron poemas dedicados ao mar.




Expuxéronse traballos feitos por alumnado dos distintos cursos da ESO e Bacharelato: Maquetas da praia de Rodeira (1º ESO) cartel “A navegación astronómica (2º ESO) , Artes de pesca (3º ESO). Cangas England and the Sea (2º ESO), Cangas e o Mar e O mar na obra de Bernardino Graña (3º ESO D) ;e de testemuñas das xentes do mar (4º ESO, 1º Bacharelato, 2ª Bacharelato) en word, presentacións e vídeos. Sobre actividades económicas relacionadas co mar pesca, acuicultura, turismo, desastre do Prestige en Cangas ( 2º Bacharelato). Tamén formaron parte da exposición materiais cedidas por diferentes persoas e asociacións: “Ronseis de Salitre. As conserveiras de Cangas” do IES Montecarrasco; “As cores das nosas Rías” de David Villegas e Grupo Ronsel e “O Prestige en Cangas” de Colón (A Cepa).

23.3.11

DÍA DA MULLER

COLABORAMOS NA CAMPAÑA CONTRA O INFANTICIDIO DA ONG IMPLICADAS NO DESENVOLVEMENTO

Cada ano 200 nenas de cada 1000 nacidos son asasinadas pola súa comunidade en Salem (India). Alí traballa desde 2007 esta ONG para apoiar e facer un seguimento ás mulleres embarazadas e as súas familias, utilizando o teatro de rúa e os procesos de diálogo para ir cambiando as mentalidades e dando apoio económico para que as mulleres poidan ser independentes creando negocios propios.
Traballamos co dicionario -xunto co alumnado de 1º,2º da ESO- buscando palabras asociadas á discriminación da muller e enviámolas á ONG para que escritores e escritoras que colaboran na campaña constrúan a partir delas un libro de relatos.

Achegámonos ao horror das mulleres afganas que se prenden lume para fuxir da pobreza, dos matrimonios forzosos e dos abusos do home e da súa familia. Soubemos das historias de rapazas indias que se atreven a negarse a casar pola forza e das asociacións que as axudan. E dos moitos casos de mortes por violencia de xénero que aínda sufrimos en España.

Buscamos novas na prensa referidas ás inxustas diferenzas salariais entre homes e mulleres e a escaseza de mulleres nos postos directivos. Reflexionamos sobre experiencias contadas por mulleres que traballan en profesións nas que a presenza da muller aínda é moi escasa: no exército, bombeiras, pilotos, directoras de orquestra.



XINCANA DE TAREFAS DOMÉSTICAS

Como cada ano, o alumnado de 4º demóstranos se ten superados os prexuízos que menosprezaron historicamente a muller e a lingua galega, competindo en grupo nesta particular xincana na que alumnos e alumnas colaboran no desenvolvemento de tarefas domésticas conversando en galego: coser un botón; arranxar o cuarto; tender, pasar o ferro e dobrar a roupa; preparar unha torta de chocolate; facer a lista da compra; e a novidade deste curso: demostrar o manexo do trade para colocar un colgadoiro.


22.3.11