29.10.15

MURAIS TERRORÍFICOS



Chegamos ás portas do Samaín con todo un corredor decorado polo alumnado de Debuxo artístico. Mete medo de verdade!!! 







28.10.15

A FORZA CREATIVA DO MEDO


O alumnado de 4º debatemos na aula de galego sobre os nosos medos e traballamos logo esas ideas en poemas e relatos. E descubrimos grandes artistas. Podedes ilos ler ao taboleiro do 1º andar. Tamén vos deixamos aquí algúns fragmentos.



27.10.15

CADÁVERES MATEMÁTICOS



O departamento de matemáticas propúxolle ao alumnado un divertido xogo no que debían relacionar famosos matemáticos con curiosidades relativas ás súas mortes.








26.10.15

AS PALABRAS DO MEDO



O equipo de 1º da ESO propuxo as seus compañeiros e compañeiras investigar na clase de galego o campo semántico do medo. Plasmaron o seu traballo neste mural.





23.10.15

MODERNIZANDO AS NOSAS TRADICIÓNS



A idea foi do equipo de 3º e resultou xenial. Eles presentáronnos a Slenderman, un personaxe moi actual creado na rede e tirado dun xogo dixital que lles gusta moito.












Foi doado entroncalo coa nosa tradición porque se aparece no bosque como a nosa Santa Compaña e provoca a desaparición dos nenos e nenas como o noso home do saco ou o sacauntos. Recreamos así nun gran escenario, mesmo na entrada do instituto, o bosque como espazo do terror, con árbores entre as que se entrevían dous  grandes murais, un da Santa Compaña e outra dun home-lobo, feitos por alumnado maior. No centro do bosque construímos as figuras: o modernísimo Slenderman, que causou sensación co seu rostro sen cara, os seus tentáculos e as notas en galego colgadas das árbores, que foron deixando as súas vítimas e que van marcando os pasos do xogo na rede;  o tradicional home co saco ao lombo do que saían unhas pernas de boneca. E máis adiante, allea aínda ao seu tráxico destino, a universal carapuchiña vermella, unha nena loura recollendo flores. Quedounos espectacular! Acompañamos o escenario con información sobre o bosque como escenario de terror de moitas historias da tradición galega e universal e sobre os personaxes recreados.










O alumnado de 3ºB invitou ademais a Slenderman á súa aula e compuxo e cantoulle unha canción en galego.


22.10.15

EU QUERO A NOSA TRADICIÓN ESCRITA



Cando se trata de historias de medo, de mortos e espíritos, o noso escritor Ánxel Fole é unha cita obrigada. Cada ano traemos ao centro unha das súas historias cando se achega o Samaín. Foi o equipo do alumnado maior quen a seleccionou e quen a deu a coñecer, montando na planta baixa do instituto este terrorífico escenario.







21.10.15

EU QUERO A NOSA TRADICIÓN ORAL



Na nosa cultura tradicional a fronteira entre os vivos e os mortes dilúese e nas historias contadas ao pé da lareira mortos e espíritos conviven cos vivos para darnos consellos, para pedirnos axuda ou para facernos correr co medo.  O equipo de 2º da ESO  seleccionou catro destas historias recollidas da tradición oral e animou ao seus compañeiros e compañeiras a montar estes vídeos para dalas a coñecer, aprendendo moitas expresións e vocabulario novo para enriquecer o noso galego falado e, por suposto, para participar con gran éxito, no concurso do Samaín.

En A madriña morte aparecerá o demo e tamén deus pero será a Morte a escollida por unha parella como madriña para o seu pequeno. Esta, agradecida, axudaralle a facer cartos como curandeiro para que poida manter ben á familia e mandaralle avisos de que se vai achegando o momento de ilo buscar aínda que el non se decate. 




En  A caveira convidada un mozo que vai bébedo da súa despedida de solteiro xoga cunha caveira e invítaa a súa voda. E a caveira preséntase no convite e pídelle o noivo que lle devolva a visita no camposanto. Será a avoa quen lle ensine a facer o círculo máxico e a dicir as palabras que o salvarán de quedar alí para sempre.




En  O soldado e o morto que caía aos cachos , un valente soldado é quen de pasar a noite, a cambio dunha boa merenda,  nunha casa habitada por un morto que se aparece en cachos conseguindo desencantalo, quedar coa casa e casar coa filla do alcalde.




O xastre e o zapateiro fálanos da inimizade, mesquindade e falsidade destes dous personaxes pero tamén de enxeño cando xuntos logran asustar unha banda de ladróns que se refuxiara nunha igrexa facéndolles crer que os perseguen espíritos dos defuntos, quedándose co botín, aínda que de novo serán incapaces de superar as súas diferenzas ao repartilo.



15.10.15

UN CASO DE MEDIACIÓN


Este é o vídeo gravado polo equipo de mediación do instituto para darse a coñecer e animar aos seus compañeiros e compañeiras a utilizar este servizo para solucionar os problemas de convivencia que poidan xurdir.  Parabéns polo traballo realizado!




 

 

5.10.15

PREPARANDO O SAMAÍN



Convócase un gran concurso creativo, inspirado na nosa tradición de contos e personaxes de terror, e aberto á toda a comunidade educativa para celebrar o Samaín, esa festa de orixe celta segundo a cal a noite do 31 de outubro se abren as portas que comunican o mundo dos vivos e o dos mortos e poden vir visitarnos todo tipo de espíritos.  Porque ti tamén queres manter vivas as tradicións que nos invitan á festa e á celebración comunitaria, pon a traballar a túa imaxinación e participa no concurso!