25.9.14

DÍA EUROPEO DAS LINGUAS

Anunciamos este día, no que lembramos a realidade plurilingüe de Europa, poñendo polos taboleiros dos corredores do instituto, na semana previa, mapas coas linguas que se falan en Europa.


 O día 26 de setembro, no recreo, invitamos a todo o alumnado a que nos prestase a imaxe da súa lingua para apadriñar unha das linguas europeas a cambio dunha lingua de gominola. Todos cantos quixeron facelo formaron parte dunha exposición sobre a diversidade lingüística que levantou unha gran expectación.






 Ademais o alumnado de 3º da ESO preparou un bingo de linguas para xogar nas aulas. Elaborouse un bombo con forma de globo terráqueo con papel de cociña e cola branca sobre o que se pintou, ao secar, os mares, océanos e continentes. Buscaron na rede información sobre as linguas de Europa que se imprimiu e recortou, gardándose no interior do bombo. Preparáronse tamén as tarxetas: mapas de Europa con dez linguas diferentes e fichas e pequenos botóns para ir marcando as linguas que saían. Íanse tirando linguas do bombo, anotándoas no encerado e lendo información sobre elas mentres o resto do alumnado as marcaba se estaba no seu cartón. Ao cubrir 5, podían cantar liña e conseguir unha lingua de gominola; ao ter as 10, cantaban bingo e conseguían dúas. Foron por todas as aulas da ESO. A actividade tivo moito éxito e aprendemos o nome de moitas linguas das que nunca oiramos falar reflexionando sobre a diversidade lingüística e cultural que caracteriza e enriquece España, Europa e o mundo.




24.9.14

O XOGO DAS CHAPAS


Canta xente se anotou este ano ao equipo!!! Tivemos que repartirnos en dous días para a primeira reunión porque nos cabiamos na aula de usos múltiples. A todos e todas os que aceptamos a invitación de destapar o galego, entregáronnos unha chapa. Divididos en pequenos grupos, tiñamos que percorrer un circuíto con forma dun gran G. A saída era a nosa decisión de anotarnos a un equipo para falar en galego. No camiño había moitas curvas e tiñamos que avanzar a modo porque, se nos saïamos, tiñamos que regresar ao comezo. Cada curva representaba un prexuízo que temos que superar. Cando tod@s conseguiamos pasar unha curva, colocabamos un adhesivo que explicaba como superar o prexuízo e xa non tiñamos que retroceder ao principio de todo. Non compensaba correr moito un só, senón avanzarmos todos e todas xuntos, como un equipo, superando prexuízos. Ao final do traxecto, estaba a meta que se pretende conseguir nos equipos: SENTIRNOS A GUSTO FALANDO EN GALEGO. Foi moi divertido! 




15.9.14

DESTAPA O GALEGO! Compartilo fainos especiais


Xa estamos de volta nun novo curso que se abre ante nós, cheo de posibilidades. Desde o equipo de dinamización recibímosvos con esta invitación que é o lema da nosa campaña: destapa o galego que levas dentro!. Os equipos esperan por vós para axudarvos neste reto. Vide anotarvos nos recreos!!!
 O alumnado que levamos tempo nos equipos de dinamización da lingua galega deseñamos un novo cartel co lema da campaña e as actividades que facemos en galego saíndo da botella destapada. Fixemos un grande na entrada e outros pequenos polos corredores. Os que se anotaron ao equipo escolleron adhesivos de formas divertidas, puxeron nel o seu nome e pegárono no mural. Quedou así de ben!!!
 Tamén fixemos un que colocamos na zona de secretaría e conserxería para permanecer alí todo o curso, animando a cantos se acheguen ao centro a destapar o galego que levan dentro.