8.4.15

COÑECENDO A NOSA VILA



O pasado sete de abril, os alumnos de xeografía de España de segundo de bacharelato, tivemos a sorte de realizar una visita guiada polo casco histórico de Cangas.

Tras presentar un traballo sobre o patrimonio histórico-cultural, no que cada un se centrou nun aspecto diferente (rutas, monumentos, conserveiras) e estudar as partes do plano urbano, reunímonos pola mañá no punto de encontro coa nosa guía, Cristina. Ela explicounos brevemente como se fora configurando o plano urbano, os edificios e construcións de Cangas.

Cando se chega até o final da Rúa Real é posible escoller o camiño que está á esquerda, o que avanza polo Barrio do Costal, ou o que segue pola dereita, a través barrio do Sinal. Polo primeiro chégase á parte medieval de Cangas, onde abundan as rúas estreitas con edificios moi próximos uns a outros. Nesta zona, a máis irregular, foi onde se asentaron os primeiros veciños  da vila, que posteriormente, durante a Idade Media, se foron espallando e distribuíndo ao longo da outra arteria, a do Sinal. Neste barrio do século XVI podemos atopar un plano moito máis organizado, que tende á ortogonalidade.  Ten rúas máis amplas e vivendas separadas entre si, coma as dos mariñeiros, entre as que destacan, por exemplo, as de patín.

Se pola contra non se escolle ningunha das rúas vertebradas en torno á principal e se segue por esta, chegarase até a Igrexa. Desta zona, o casco antigo, o edificio que máis me chamou a atención foi precisamente a ex-colexiata.  A razón pola que me resultou especialmente atractivo foi a cantidade de particularidades que presenta e que non coñecía, a pesar de ter escoitado varias delas mentres realicei cunha compañeira o traballo optativo para a materia, no que contamos coa colaboración tanto do párroco coma do restaurador Suso Caramuxo.  Así, nela, puidemos descubrir que se trata da única igrexa galega, a parte da Catedral de Santiago, que conta cunha imaxe do apóstolo sentado, que no mundo hai só dez órganos máis coma o que doou Félix Soage, que cumpre o ano que vén cen anos. Tamén que a fachada principal  é renacentista, unha das máis importantes de Galicia, e que se semella entre outras á da Igrexa  de San Andrés de Mantua  en Italia. Outra cousa que nos gustou moito foi  subir até o campanario principal, dende o que hai unas vistas impresionantes de toda a vila.

En definitiva, una proposta moi interesante que me levou a  descubrir o verdadeiro valor do patrimonio cangués  e que serviu para repararmos en moitos dos elementos artísticos e  histórico-culturais que levan décadas no mesmo sitio,  porén nós  nunca antes nos fixaramos neles. Debería ser obrigatorio realizar este tipo de actividades, xa que estou segura de que non son a única que acaba de reparar no fermosa e interesante que é a nosa parroquia.

No comments:

Post a Comment

e ti que dis?