28.9.16

GALEGO E PORTUGUÉS, CHAVES DO AUDIOVISUAL E DO TEATRO

Atención!!! Chamada ao grupo de profesorado, alumnado, persoal non docente e pais e nais, a cantos e cantas desexedes gozar do audiovisual e do teatro na nosa lingua.

No Auditorio, dentro da XII semana de cine CINEMAS OCULTOS, organizado polo cineclub de Cangas


estas son as nosas citas:
- Venres 30 de setembro, ás 21:00 h. Os días afogados, un valioso documental histórico e etnográfico sobre a construción do encoro de Lindoso que anegou Aceredo e Buscalque, dúas aldeas de Ourense, realizado a partir das gravacións dos propios veciños.
- Sábado 1 de outubro, ás 21:00 h. un filme brasileiro en versión orixinal: Hoje eu quero  voltar sozinho, sobre o mundo adolescente.
- Martes 4 de outubro, ás 21:00h un documental colaborativo sobre a temática de xénero, Visións, con dez curtametraxes de cadansúa cineasta galega realizados para o proxecto "Cinema e muller".
- Mércores 5 de outubro, ás 21:00h, Jhom From, un filme portugués en versión orixinal tamén de protagonista adolescente.
- Xoves 6 de outubro, ás 21:00 h., Fóra do continente, un documental dirixido polo cangués Nico Martínez que nos achega á vida na illa de Ons.

E no salón de actos do IES As Barxas, en Moaña, nunha nova edición do seus Circuítos Teatrais de outubro (sábados, ás 22h.)


- Sábado 1 : Nosa Señora das Nubes de Teatro do Morcego
- Sábado 8: Raclette de Ibuprofeno Teatro.
- Sábado 15: Unhas poucas picadelas de Teatro de Ningures.
- Sábado 22: Os amores de Jacques o fatalista de Producióons Teatrais Excéntricas
- Sábado 29: Foucellas de Talía Teatro.

Unha chea de cultura na nosa lingua para comezar ben o curso. Únete ao grupo!. Vémonos na porta dez minutos antes de comezar o espectáculo.

26.9.16

AS LINGUAS MINORIZADAS, CHAVE DO PLURILINGÜISMO



Un ano máis celebramos que Europa é diversa e plurilingüe e descubrimos que o galego, como todas as linguas minorizadas do  mundo, dános unha chave especial para comprender os problemas dos conflitos lingüísticos e a necesidade de tomar medidas para podermos garantir que todas as linguas permanezan vivas como linguas de comunicación nos territorios que as posúen.

Enchemos un gran globo do mundo con todas as linguas que se falan en Europa e conseguimos moitas chaves. Nos recreos toda a comunidade educativa puido participar sacando unha lingua ao chou para cubrir a tarxeta que tiña cada chave co seu nome e o territorio en que se fala. Así, de xeito colectivo, fixemos no primeiro recreo un colorido cartel cheo de chaves e no segundo as tarxetas coa palabra "Gústame" en diferentes linguas formaron a chave da diversidade lingüística e cultural. Porque é un tesouro que precisa de mimos e coidados de todos e todas para poder seguir enriquecendo a toda a humanidade.
Tamén xogamos co alumnado máis novo ao bingo das linguas e repetimos a exposición do test das linguas con preguntas que levan a resposta tapada para que se poidan consultar.













23.9.16

UNHA CHAVE QUE NOS COMPROMETE



Xa tivemos a primeira reunión por nivel dos equipos formados con alumnado voluntario. Recibimos unha chave coa que fixemos un colgante, decorándoa ao noso gusto con esmalte de unllas, papel e tea de cores. Quedaron moi orixinais! Levámolo con nós para que nos lembre todo o curso o noso compromiso de sacar o galego que levamos dentro e abrir con el novas portas de comunicación no instituto, na casa, en Cangas e no mundo.











O alumnado dos equipos asumimos o compromiso de actuar de enlace nos grupos, presentando en galego as actividades do proxecto e invitando á participación aos nosos compañeiros e compañeiras.


19.9.16

Á PROCURA DA CHAVE DO GALEGO



Xa temos o instituto cheo de chaves estarcidas. Así é como estamos asinando o alumnado o noso compromiso de formar parte ao longo de todo o curso dos equipos que andan á procura da chave do galego. Se aínda non viñeches, bule que teremos axiña a primeira reunión!





15.9.16

O GALEGO É A CHAVE

































Benvidos e benvidas a un novo curso e a un novo proxecto do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto de Rodeira. Queremos descubrir que temos na nosa lingua unha chave marabillosa que nos abre ao reencontro coa nosa identidade, coa nosa cultura propia e ao diálogo desde quen somos con todas as culturas do mundo.  Quen non querería posuír unha chave así? Vén buscala anotándote xa ao EDLG nos recreos na sala de usos múltiples. Hai un equipo agardando por ti! Fíxate ben cantas portas poderías abrir!