31.5.13

QUE SUBA O PANO!





O IES de Rodeira fixo coincidir a exposición Que suba o pano! coas Letras Galegas, dedicadas este ano a un grande do teatro galego: Roberto Vidal Bolaño. Este proxecto partiu do CEIP A Pedra de Bueu coa intención de dar a coñecer entre a comunidade escolar os libros do Fondo Teatral María Casares, depositados na Biblioteca Municipal de Cangas.

O teatro galego forma parte do currículo de 4º da ESO e de 2º de Bacharelato e foi alumnado destes cursos o que montou a exposición para o resto da comunidade educativa. Para iso baixaron ao corredor que está diante da Biblioteca co libro de texto ou cos apuntamentos de literatura. Ordenaron os libros de teatro galego de xeito cronolóxico en tres grandes etapas, achegando información sobre elas: o teatro galego de 1900 a 1936, o teatro galego de 1936 a 1970 e o teatro galego actual, a partir das Mostras de Teatro de Ribadavia, etapa que coincide coa produción de Roberto Vidal Bolaño. Tamén houbo unha sección para as traducións e outra para as revistas de teatro e os Cadernos da Escola Dramática. Para ambientar esta exposición, utilizamos os carteis chegados da Xunta con motivo das Letras Galegas e un pequeno escenario, feito con caixas e teas e adornado con máscaras de nariz vermello sobre o que colocamos unha figura de Roberto Vidal Bolaño e dalgúns dos personaxes das súas obras, feitas de cartón.






TI ES PARTE DO PLANETA EN QUE VIVIMOS. ACTÍVATE E DEFENDE A BIODIVERSIDADE.

No Día da Biodiversidade, cubrimos as paredes do instituto de verde e asumimos a tarefa de divulgar mediante un gran mural todo o que aprendemos no carballal de Coiro, un espazo do noso concello que, grazas á Comunidade de Montes de Coiro, segue conservando toda a biodiversidade do bosque autóctono galego. Veu visitarnos o alumnado de 6º de Coiro e da Rúa, os nosos centros adscritos, e nós, o alumnado de 1º da ESO, explicámoslle como fora o desenvolvemento do noso traballo, e fixémolo en galego, porque a biodiversidade tamén afecta ás linguas e é tarefa nosa manter vivo o galego no seu espazo natural do que Cangas forma parte.

21.5.13

CELEBRANDO AS LETRAS

O 16 de maio celebramos no instituto un pequeno acto en homenaxe de Roberto Vidal Bolaño no que o equipo de Dinamización da Lingua Galega realizou a súa habitual entrega de premios. O grupo de teatro A Replika e a Comunidade de Montes de Coiro foron os premiados nesta ocasión.


Rematamos a festa con xogos populares.

13.5.13

O GALEGO, A CHAVE DO MUNDO




Os coles do Morrazo reuníronse o 10 de maio en Bueu para celebrar cunha gran festa que o galego é a nosa lingua propia e para defender que debe ser a lingua na eduquemos aos nosos nenos e nenas para darlles a chave coa que acceder ao mundo da diversidade e do plurilingüismo. É unha riqueza da que sentírmonos orgullosos e orgullosas e demostrámolo na grande marcha do CORRELINGUA polas rúas de Bueu, cantando e berrando.

O equipo de dinamización da lingua galega do noso instituto quixo estar aí, botando unha man para que todo saíse perfecto, labor que compartimos co alumnado do instituto Johan Carballeira de Bueu. Aquí nos vedes a algúns axudando na organización da marcha.




Outr@s quedaron c@s peques organizando obradoiros de xogos.



Neste ano dedicado a Roberto Vidal Bolaño, contamos coa presenza de actor de Moaña, Celso Parada, que leu o manifesto gañador do concurso do Correlingua e recitou Deitado frente ao mar de Celso Emilio Ferreiro. E rematamos cantando e bailando coa magnífica actuación en directo de Manuel Prego.



8.5.13

SAXO TENOR NO VAIDELIBROS

Queda xa pouco tempo para a nosa cita no club de lectura Vaidelibros con Saxo Tenor de Roberto Vidal Bolaño. Aquí vos deixamos algunhas reflexións para animar o debate.

5.5.13

TI ES PARTE do teu concello. ACTÍVATE e ponte en marcha para coñecer O CARBALLAL DE COIRO.

En abril e principios de maio achegámonos a un espazo que temos moi preto e, aínda así é moi descoñecido para o alumnado do instituto. Os de 3º foron polas aulas preguntando e de 300 alumnos e alumnas só 23 dixeron que estiveran alí. O que nos estabamos perdendo... É unha carballeira, un reduto da vexetación autóctona que un día cubriu todo o interior de Cangas. Son os propios veciños e veciñas, a través da Xunta de Montes de Coiro, os que o foron recuperando e coidando ao longo de moitos anos. Tres dos seus membros, Manolo, Miguel e Sol, foron os nosos guías, contaxiándonos o amor pola natureza, pola flora e a fauna, e convencéndonos da importancia de coidalo e preservalo de especies invasoras e tamén da especulación humana porque a riqueza dun espazo natural vai moito máis alá do exclusivamente económico. Experimentámolo despois de camiñar pola carballeira toda unha mañá, contemplando moitísimas especies de flora, escoitando cantos de diferentes de paxaros, gozando da frescura do río Bouzós... Volvemos ao instituto sentíndonos moitos máis ricos polo moito que aprenderamos e polo ben que nos sentou este longo paseo que vos recomendamos.