17.6.11

FINAL DUNHA ETAPA

Despois de seis anos toca a despedida, toca volver a vista atrás e tentar buscar onde quedaron aqueles rapaces aos cales amontoaron na sala de usos múltiples no seu primeiro día de instituto, día cargado de nervios e medo.
Agora é o momento de ver en que se converteron aqueles novos alumnos despois de espallalos por aulas completamente novas para eles, creando así vínculos importantes que con sorte aínda arrastramos ata estes derradeiros días de instituto.
Descubrimos que un profesor podía ser algo mais ca un mestre, descubrimos que en matemáticas se pode berrar baixiño, que as ciencias sociais non teñen porque ser aburridas, que as cantigas poden ser un inimigo duro de dixerir, que a educación física era a nosa salvación en medio das semanas e dos exames que, desde a ignorancia de non saber o que nos esperaba, etiquetabamos de duros e estresantes, e naqueles primeiros anos aínda que pareza imposible ata pode que o pasaramos ben nas clases de inglés.
Vimos como o grupo de normalización comezaba a medrar e fomos das últimas xeracións que viviron esas clases de luns pola tarde, esas dúas horas semanais tan odiadas ás que agora penso que volveriamos para non ter que facer mil esforzos para conseguir que os ollos non se pechen nesas ultimísimas horas dos luns e mércores.
Aprendemos a madurar entre as paredes deste instituto, aprendemos a encontrar e deixar cousas atrás, aprendemos a medrar xuntos e así con présas, apuros e ilusión demos o salto ao bacharelato, e sen darnos conta dixemos adeus a ESO e comezamos unha nova etapa.
Recibimos os novos compañeiros coa mesmas ganas coas que recibimos a liberdade que significaba comezar este novo curso. Pasamos horas perdidas nesas mesas de pedra, pasamos días de estrés na biblioteca por culpa dese estraño costume de deixar todo para última hora e aborrecemos as comidas de bocadillos ao sol antes dos exames da tarde, os cales foron odiados colectivamente. Dito odio foi o que nos levou a xurar que o ano seguinte estudariamos día e noite para non levarnos nunca máis eses atracóns finais de materia, pero claramente creo que esta foi unhas das moitas promesas, pode que incluso a primeira, que arderon nas fogueira de San Xoán posto que co inicio de segundo a historia foi a mesma ou pode que aínda peor.
Ese curso tan temido pasou tan rápido que apenas nos demos de conta. Sabemos que vivimos un ano intenso por esas olleiras, callos, e demais marcas que deixaron estes últimos exames no noso corpo.
Foi un curso curto, duro e estraño cargado de apuntes e temas que estudar, pero aínda así tentamos desfrutar o máximo. Pode que nalgúns casos esas ansias de pasalo ben se viran reflectidas nas notas pero agora iso dá igual.. Ninguén nos pode quitar ese entroido de circo, esas excursións tan instrutivas nin todos eses momentos importantes que gardaremos na memoria ata que os estragos da idade os borren pouco a pouco e que recordalos aquí poderíanos meternos a algúns nun pequeno problema.
A saudade nestes momentos é algo que non se pode deixar á marxe, posto que aínda que non o quixeramos recoñecer, aos que nos toca deixar este ano o centro cústanos facernos a idea de abandonar as aulas e corredores deste edificio que nalgún momento consideramos o noso cárcere pero que deixamos cheos de amigos e persoas que nos viron medrar.
Sería inxusto tentar recordar un a un a todos eses profesores que viviron con nós múltiples experiencias posto que sempre quedaría algún atrás, por iso simplemente podemos dar as grazas a todos aqueles que puxeron o seu gran de area para facer de nós as persoas que agora somos.
Por Yago Chapela. 2º Bacharelato.

LETRAS GALEGAS. ANO DE LOIS PEREIRO



A véspera do día das Letras Galegas reunímonos para celebrar que temos unha cultura única que ofrecer ao mundo e lembrarmos que mantela viva cada día do ano depende de cada un de nós.

Este ano dedícaselle a un poeta que se chama LOIS PEREIRO. O alumnado da ESO axudou a prender as súas palabras do enreixado que rodea o instituto para facer chegar á xente a súa invitación ao compromiso e a súa fermosa poesía de amor.



A indiferencia mata” proclama o poeta. “Nada humano debe sernos alleo”. “Estamos moralmente obrigados a loitar polo que é xusto e evidente. A non ser cómplices do que nos indigne ou avergoñe.”

Esta necesidade de compromiso é a razón de ser do Equipo de Dinamización da Lingua Galega. As inxustizas do pasado conseguiron que moitos de nós perdésemos a lingua dos nosos avós, a que sempre falara a nosa xente. E, desde o Equipo, chamaron por nós para recuperala. Cada ano somos máis os que escollemos libremente que o galego volva pouco a pouco a formar parte da nosa vida. Porque cremos que os galegos debemos falar en galego e sentirnos orgullosos de facelo. Por iso imos vencendo hábitos e prexuízos e animándonos a utilizar a lingua que nos define como pobo.

Quixemos celebrar as Letras Galegas agasallando compromisos que axudan a que o galego sexa unha lingua viva porque non hai mellor garantía de futuro para o galego que a suma de persoas que o falen libremente. Así o dixo LOIS PEREIRO: “Agora que teño liberdade de opción decido militar na miña lingua”, como xa dixera Celso Emilio, “por que me peta e quero e dáme a gana”. E esa foi a decisión que tomou IRIA OTERO TENORIO, de 2º de Bacharelato C .

Ela representa hoxe a xente nova deste instituto, de Cangas, de Galiza, que rompe cos usos aprendidos e decide libremente cambialos, escollendo falar sempre en galego, esa lingua que nos fai únicos no mundo.

Lois Pereiro asegúranos que sempre haberá novas vías para resistir, para opoñernos e non ser submisos. Quixemos recoñecer o traballo de todos aqueles que empregan o seu tempo libre, desde colectivos e asociacións, en facer posible que a cultura chegue á xente. En representación de todos eles, agasallamos a un alumno de 4º da ESA, en ensino de adultos,
DIEGO PASTORIZA PAREDES, da asociación AFARTACÁNS.

Neste instituto temos a sorte de contar con moito profesorado comprometido na importantísima tarefa de transmitirnos o galego vivo. Non chegaría o orzamento do Equipo para agasallalos a todos. Este ano de LOIS PEREIRO quixemos destacar dun xeito especial a forza da INDIGNACIÓN fronte ao que consideramos inxusto. Por iso aplaudimos o compromiso co galego do DEPARTAMENTO DE MATEMÁTICAS e, moi en especial, a forza da indignación do profesor LUÍS VIDAL.

LOIS PEREIRO proclamou a importancia da creatividade, da cultura e da arte para salvarnos do baleiro da existencia. El era, ademais de poeta, un gran amante da música. Quixemos destacar o esforzo incansable do DEPARTAMENTO DE MÚSICA por transmitir esa paixón ao alumnado e mesmo ao profesorado (tamén coa música en galego) e polas posibilidades que nos deron e aínda nos van dar de gozar do talento musical que hai neste instituto. Como Águeda xa ten a nosa camiseta, esta vez tocoulle a OFELIA e o seu colaborador, DARÍO, que tamén pasará á historia deste instituto polos seus EXPERIMENTOS SORPRENDENTES da Semana da Ciencia.

E o ano de LOIS PEREIRO, o poeta que nunca perdeu esa necesidade de sentirse molesto e radical, tiña que ser por forza o ano que escolleramos para agradecer a colaboración incansable de PASTORA en todas as actividades do Equipo.

Como cada ano quixemos, tamén, agradecer o esforzo por coñecer o galego e aprender a falalo de todos cantos chegan ao instituto de fóra de Galicia. Por iso agasallamos a CAROLINA, felices de que decidise que a nosa lingua podía ser tamén súa.

E en representación do alumnado procedente doutros lugares, a PAULA MARTÍNEZ MARTÍNEZ, de 2º ESO C.

O escollido no centro foi este ano o colectivo das limpadoras. Nada mellor se pode facer pola nosa lingua que falala cada día e mantela viva. Grazas por facelo.

Parécenos especialmente preocupante a ausencia do galego nos lugares de lecer para a xente nova de Cangas. Por iso entregamos a nosa placa, á proposta do alumnado, ao Obélix, unha bocatería da avenida de Marín, na que o noso alumnado atopa un espazo no que falar galego no seu tempo de lecer resulta cómodo e natural.


Pechamos o acto cunha lectura de poemas de Lois Pereiro e cantando o himno galego.



E rematamos a festa con Xogos Populares organizados polo Departamento de Educación Física.

INTERCULTURALIDADE E GALEGOFONÍA

Por 7º ano consecutivo o Concello organiza a nivel municipal as VII Xornadas da Interculturalidade baixo o lema de “Crecendo na diversidade” cos obxectivos de favorecer a integración do colectivo inmigrante, facilitar o encontro entre mulleres e homes de distintas culturas e etnias, crear un espazo propio de convivencia, difundir o principio de igualdade entre homes e mulleres e dar a coñecer as diferentes experiencias de cooperación e sensibilización desenvolvidas polas diferentes ONGs.
O noso Instituto participou acollendo as actividades que nos ofertou ( obradoiros e exposición ”) Pero tamén dándolle o noso toque persoal…
Como celebración da Diversidade en xeral quixemos aportar unha imaxe colorista que dera conta da riqueza que aportan as diferenzas sempre que sexan no marco da igualdade e ao amparo dos dereitos humanos . Como xa fixeramos co tecido , apostamos por unha construción colectiva que facilitase á conversa e na que puidese participar todo o mundo. Unha vez máis constatamos que hai moita tecedoras , moitas redeiras. Aquí está a proba:



GALEGOFONÍA
Descubrimos ademais as vantaxes que temos os galegos e galegas para relacionarnos facilmente en galego cun mundo de culturas en todos os continentes. A exposición “galegofonía” achegounos ás raíces históricas da relación entre o galego e o portugués para que sexamos conscientes das grandes posibilidades de relacionarnos con outras culturas ás que nos achega a nosa lingua propia. Ademais de coñecer as situación destas culturas no mundo, puidemos ler e escoitar portugués e brasileiro.

CORRELINGUA

1200 rapaces e rapazas do Morrazo celebraron en Bueu (grazas á xenerosidade do seu concello) que temos unha lingua propia que nos dá identidade e da que nos sentimos orgullos@s.

Os rapaces e rapazas do Equipo de Dinamización de 1º e 2º da ESO do noso instituto, axudados por algún alumnado do María Soliño, traballamos como monitores nos xogos organizados para os más cativos de Ed.infantil. Tamén repartimos leite galego a todos os participantes, doado por Leite Ulla. Encantounos sentirnos útiles defendendo o galego e pasámolo moi ben. Recibimos parabéns de todos os coles que participaron polo noso traballo.

GALEG@S DE ADOPCIÓN


A ela chamámoslle Carmiña, e é canaria e profe de Mate no instituto; chegou ao galego por amor porque era a lingua do que hoxe é o seu home.
El chámase Rafa e é cubano. As circunstancias da vida trouxérono a Galicia e a súa curiosidade e interese lévarono a aprender a falar en galego.
Contaron a súa experiencia e conversaron co alumnado de 2º de Bacharelato.

A min pareceume perfecto. Escoitando a xente como Carmiña e Rafa danme máis ganas de falar galego. A verdade é que é incrible como xente de fóra pode admirar, ter interese e empregar o galego e que xente galega rexeite todo o que estea vinculado con Galicia e o galego.
Iria Otero. 2º Bacharelato.

Gustoume moito a conversa con eles. A Carmiña xa a coñecía porque me dera clase de matemáticas en terceiro da ESO e admirábaa moito por ser quen de falar galego sendo canaria. E o mesmo me pasou con Rafa pero aínda me impactou máis que sendo de Cuba e aínda que ao seu redor non se fale galego se esforce en falalo e que o valore máis ca nós. Eu síntome realmente orgullosa de nacer aquí e de ter unha lingua propia mais non son falante habitual. Creo que foi moi construtiva a charla e nos fixo reflexionar un pouquiño máis sobre a situación da nosa lingua. Estivo moi ben :)
Nerea Antepazo. 2º Bacharelato

XVI MOSTRA DE ENSINO SECUNDARIO DO MORRAZO

Este curso o noso instituto foi o encargado de organizar a XV Mostra de Teatro de Ensino Secundario do Morrazo que se vén celebrando desde o ano 1997 , coa intención de dar a coñecer o grande labor que se está a desenvolver nos centros de ensino da comarca no eido do teatro.
Esta actividade que educa os rapaces e rapazas nos valores da paz, solidariedade, sentimento de pertenza ao grupo, disciplina persoal e compromiso, consegue promover de xeito natural o goce desta arte.
Como actividades paralelas á Mostra organízanse todos os anos un Concurso de Deseño do Cartel da Mostra, que serve para seleccionar o cartel que vai publicitar a Mostra e un Premio de Teatro Breve que trata de impulsar a creación de obras de teatro entre os rapaces. No acto de clausura entregáronse os premios correspondentes a estes concursos.

Alumnos premiados:
Concurso de Deseño do Cartel da Mostra
Salvador Brión Bello e David Carracelas Santos, do IES Johan Carballeira, na categoría de 4º de ESO, Bacharelato e ciclos.
Alba Barreiro Baliño e Andrea Moreira Costas, do IES de Rodeira, na categoría de 1º, 2º e 3º de ESO.
Concurso de Teatro Breve
Na categoría de 1º, 2º e 3º de ESO Noelia Rosales Crespo, Ana Isabel Sabarís Rosales e María Navarro Martínez, todas elas do IES Illa de Tambo.
Na categoría de 4º de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos de FP, Juan Molina Fernández do IES Mª Soliño e Irene Aldao Piñeiro do IES Illa de Tambo.

Os noso alumnado de Teatro da Réplika representou “Nacer, nacendo, nazismo”



O noso grupo de teatro Faise o escuro representou “Cloacas do paraíso”

A MELLOR CLASE DE GALEGO VIVO

Intercambio co alumnado de Mazaricos (CEIP A Picota)

Encontrámonos en Corrubedo e coñecemos xuntos o Parque natural. Un vídeo no Centro de interpretación explicounos como se formaron ao longo de máis de 5 km.de costa varios cordóns litorais de dunas e a gran duna móbil. En pequenos grupos realizamos unha actividade de estudo da vexetación que preparara o alumnado de Mazaricos con Cris, a súa profe de Bioloxía. Sen saír de Galicia puidemos fotografar plantas dunares e observar as súas características, con adaptacións semellantes ás das que existen no deserto. É esta vexetación a que axuda a estabilizar as dunas, xunto cos restos naturais como plumas de aves, cunchas, algas… por iso é moi importante que no parque conservemos todo como está e camiñemos polas pasarelas de madeira. Logo chegamos ata o pé da gran duna móbil. Que pena non poder subir e tirarse desde o máis alto! Un cartel avisando de que as multas por facelo van desde os 600 aos 6000 euros xa se encarga de che quitar as ganas... Comemos no piñeiral da praia e alí o alumnado de Rodeira tivo que presentar aos demais aos compañeiros e compañeiras de Mazaricos que formaran parte do seu grupo e os de Mazaricos aos de Rodeira. O día rematou cun baño na praia, ben batida polas ondas, e unha visita ao faro.

En Mazaricos fálase sempre en galego. No seu cole haberá dous ou tres alumnos que falen en castelán. Xa ves, como no noso pero ao revés. Teñen un acento diferente, o seu xeito propio de falalo, pero tamén teñen gheada e seseo como a xente maior de Cangas.
A diferenza é que alí fálano todos, maiores, novos e pequenos. A nós sorpréndenos escoitalo na xente da nosa idade e a eles sorpréndelle que nós non o falemos. Como podedes ser galegos e non falar a nosa lingua? preguntáronnos sorprendidos. E teñen razón. E por un día, o galego foi a nosa lingua habitual para conversar con eles. A uns custoulles máis que a outros pero todos o intentamos e gustounos a experiencia.

16.6.11

GALEGUIZÁNDONOS EN MADRID

Chegou a hora de informarvos ós que non viñestes a Madrid da nosa experiencia. Comezamos coas coñas cando paramos en Ávila, dicindo que había que falar galego durante toda a excursión. E a cousa saíu adiante, ás veces íasenos o idioma ó castelán pero cambiabamos rápido outra vez para o galego. Os profes impresionábanse e dicían, "non falades galego en Galicia e o falades aquí, sodes do que non hai!!", mais nós tomámolo ben e seguimos coa nosa proposta.
Notábase de onde viñamos, (hei de ensinar unha foto onde saímos Antonio,Yago, Xaquín e máis eu con camisetas galeguizadas), e ás veces estabamos tan concienciados que incluso falando con algún guía madrileño, falabámoslle galego, e mirábannos con cara de pokerface, e rapidamente nos dabamos conta.
Pero creo que o máis digno de destacar da excursión foi o xoves á noite. Resulta que por causas que aínda descoñezo, había unha gran masa de persoas na miña habitación (pero sen alcohol eh, non vaiades pensar mal), e casualidades da vida que un rapaz que vagaba triste e só polo hotel, chegou á miña habitación para incorporarse á festa. Tiña un ano menos ca nós, era de Huesca e temas de conversación moi importantes a tratar. Saíu o tema do galego, e pregámoslle que nos contase a súa opinión. A súa resposta foi que non se fai soar no resto da península, que non pelexamos tanto como os cataláns, e que deberíamos de falalo máis. Como el era castelanfalante cambiamos de idioma, pero ó nos dicir iso, dixémoslle que estabamos a intentar falar na excursión exclusivamente galego. Sendo así el dixo que non tiña problema en que falaramos galego, que así el aprendía. (ensinámoslle palabras como PAPAOSTIAS,que sempre molan pero tamén galego normal). O rapaz interesouse tanto que acabamos diferenciándolle entre o normativo e o galego con gheada e seseo, contámoslle a historia de Galiza, falamos de autores coñecidos, etc. Para min, foi unha experiencia moi agradábel que me encantaría compartir con vós e que comprobedes que no resto da península non son tan pechados de mente, que nin moito menos nos toman por maleducados ou nacionalistas por usar a nosa lingua, por dar cabida á nosa propia identidade.

EN BARCELONA

A nosa viaxe a Barcelona comezou ás sete da mañá, cando saímos nun autobús desde Rodeira. Paramos en Burgos a comer e botámoslle unha pequena ollada á cidade que era tan fermosa como fría. Continuamos a nosa viaxe amenizándoa con películas e música.
Cando por fin chegamos ao hotel de Cambrills era noite, así que fomos directos cear ao restaurante do hotel e logo durmir.
Á mañá seguinte fomos a Tarragona e pasamos o día en Port Aventura, que é un enorme parque de atraccións. Ao entrar recibiunos un espectáculo cunha música moi pegadiza. Logo, atraccións todo o día, ata as sete da tarde que voltamos cara ao hotel. Despois da cea fomos á discoteca ata as 12.
O terceiro día percorremos Barcelona, acompañados dunha guía que nos foi explicando os lugares máis interesantes da cidade e algunha das súas historias. Visitamos o Estadio Olímpico, o Palau Sant Jordi, a Catedral do Mar, o barrio gótico, algúns dos edificios feitos por Gaudí, o Palau da Música e o mercado das Ramblas, cheo de froitas e colorido. Tamén houbo tempo libre que aproveitamos para facer compras, ir ao Hard Rock. ..
Rematamos o día novamente na disco acompañados polas profes que viñeron bailar connosco.
O noso último día en Barcelona fomos visitar dúas das obras máis emblemáticas de Gaudí: o parque Güell e a Sagrada Familia, un templo maxestuoso e tan grande que miralo asombra. O día rematou outra vez con festa na discoteca.
E xa tocaba volver. E entre tanto camiñar polo día e durmir pouco pola noite fixemos parte da viaxe de volta durmindo como marmotas aínda que tamén houbo tempo para cantar e facer festa.

E así rematou a nosa excursión. Todo o tempo en Barcelona escoitamos falar catalán á xente nova, tanto pola rúa como na discoteca. Sorprendeunos aínda que, ben pensado, que falen a súa lingua propia é o máis natural. Foi unha viaxe tanto cultural como divertida na que todos gozamos coma nenos. Barcelona foi unha experiencia inesquecible.

10.6.11

CONVERTENDO VOLUNTARIOS/AS EN GALEGO-FALANTES

Os equipos de dinamización saen polas praias de Cangas.

Paso previo: Tirar unha foto todos xuntos para ter un recordo de como eramos antes de prestarnos voluntarios e voluntarias para un experimento tan arriscado e poder comprobar se despois de falar en galego nos saíron cornos ou sufrimos algunha outra estraña transformación.



Paso 1: Sacudirmos os prexuízos (PRAIA DE RODEIRA)
Os prexuízos son uns bechos pequeniños que nos roen a cabesa e nos obrigan a pensar cousas ridículas como que falar galego non é fino nin educado nin moderno nin guai... Os prexuízos teñen moito sentido do ridículo. Por iso o mellor xeito de acabar con eles é facermos o ridículo do xeito máis descarado posible para que deixen de asustarnos e de impedirnos falar galego.

Este foi o plan de ataque:
Espallámonos ben espallados pola praia de Rodeira. Imaxinamos unha gran tixola e nós eramosba flocos de millo que estamos a brincar cos brazos pegados ao corpo. Pechamos os ollos e saltamos ata notar como perdiamos o sentido do ridículo e nos sentiiamos estupendos: nese momento souemos que os prexuízos saíran espavorecidos da nosa cabeza. Entón puidemos abrir os ollos e ver como saltaban tan contentos os outros flocos na tixola. Cando chocabamos con algún, ficabamos pegados e brincabamos xuntos, formando grupos de flocos ata que formar todos xuntos unha bóla xigante saltareira.

Xa liberados dos prexuízos, camiñamos conversando animadamente en galego ata chegar aos XARDÍNS DO SINAL.



Paso 2: Descubrirmos a verdade (NO SINAL)
Tocounos logo facer de detectives. Todos sabemos que a verdade non é sempre o que parece a primeira vista. Tendemos a simplificar e dicimos que en Cangas ninguén fala en galego. Será iso verdade?

Tivemos quince minutos para abrir os ollos, as orellas e a boca e buscar probas de que Cangas é un pobo que medrou en torno ao mar e que sempre falou un galego moi especial cheo de ssssssssss (seseo) e de ghhhhhhhhhh (gheada).Levamos as moitas probas que recollemos ao lugar onde se colle o barco para Vigo.



Paso 3: Unha lingua na que rir e chorar (NO DIQUE)
Despois de moito loitar o galego deixou de estar prohibido e xa se usa na escola, nos libros de texto, na política... Pero de nada servirá todo iso se perdemos o galego como lingua da vida normal, na que rir e chorar. Así que estivemos a practicar cun xogo que nos demostrou que falando galego podemos tanto divertirnos como facer cousas moi serias.

Saen dous equipos e colócanse un fronte a outro. No centro tirarase un zapato. Se cae boca arriba, os da fileira da dereita botaranse a rir e os da esquerda deben estar o máis serios posíbeis. O que se ría quedará eliminado. Se o zapato cae boca abaixo será o contrario. Gañan @s que máis resistan.



Paso 4: A forza do grupo (Punta Balea)
As linguas viven nas comunidades que as falan. Por iso para sentírmonos cómodos falando en galego buscamos o apoio dos equipos que nos dan seguridade. O equipo precisa do noso compromiso serio porque senón non podemos avanzar no noso obxectivo de falar en galego sen complexos.

Neste xogo tivemos que formar unha roda. Un soltaba a man esquerda e comezaba a xirar en espiral até rematar todos apertados. Despois fixemos de novo a roda pero agora tiñamos que estar moi xuntos, un detrás de outro como se fose un tren pero en roda. Tivemos que pegarnos ben e sentar nos xeonllos do que tiñamos detrás. Fóra complexos e vergonzas, ben arrimadiños e conseguimos que a roda andase.



Paso 5: Máis difícil aínda... (Santa Marta)
Quizais penses que é difícil falar galego se desde pequeno/a che falaron en castelán e se esa é a lingua que fala a xente da túa idade. Saberás que todo é relativo. Cando un se acostuma aos retos difíciles xa se dá conta de que iso de falar galego non é para tanto.

Para comprobalo tivemos que practicar retos difíciles de verdade en grupo. E foi divertido intentalo.

7.6.11

COLAXE NO CORREDOR DO INSTITUTO

Menús de restaurantes, nomes de locais, etiquetado de produtos, tarxetas de felicitación, sobres de tendas de fotografía, publicidade de bancos e telefonía móbil, xogos de mesa, camisetas, calcetíns, indicacións na rúa, lápidas… todo canto se che ocorra podes escribilo en galego. O colaxe que este curso fomos facendo nos corredores do instituto demostra que xa somos moitos os convencidos de que TODO É POSIBLE EN GALEGO. SÓ TEMOS QUE QUERERnos. E para facelo mais divertido agochamos personaxes dos Bolechas. Xá sabes cantos hai?