30.9.19

APUNTÁNDONOS A DERRUBAR FRONTEIRAS

Os muros creados con papel marrón vanse transformando na entrada do instituto. Aquí tendes a evolución do grafitti no que participou o alumnado da ESO deixando pegadas de cor para formar as letras do lema do proxecto deste curso: DERRUBANDO FRONTEIRAS e así dalo a coñecer a toda a comunidade educativa.








No grafitti deixaron a súa sinatura o alumnado, profesorado e persoal non docente que se veu anotar no EDLG.



FACENDO NOVAS AMIZADES

O alumnado de Animación Socioeducativa organizamos unha xornada de lecer con xogos en galego de presentación e coñecemento para o alumnado de 1º de bacharelato, que acaba de chegar na súa maioría novo ao centro. Os xogos desenvolvéronse á vez que iamos camiñando e percorrendo lugares clave do entorno natural e patrimonial do noso propio  concello, moitas veces descoñecido para algúns de nós (Parque do Sinal, Capela do Hospital, fábrica de Massó, Lagoa da Congorza, complexo dunar de Area Milla, furnas, capela e praia de Santa Marta, praia de Liméns e Frondoal). E regresamos cheos de novas amizades.


-Xogos de presentación antes de saír:


- Carreiras de relevos no Parque do Sinal.







- Xogos  de facer rir no porto de Cangas.


- Coñecendo e valorando o patrimonio arquitectónico de Massó e o patrimonio natural da Lagoa da Congorza.



-Tivemos que cantar en galego para poder cruzar o túnel de Areamilla.


- E emprender o último tramo que nos levou, pasando polas furnas, ao marabilloso entorno natural das praias de Santa Marta e Liméns, con novos xogos e moitos risos.












26.9.19

GAÑA UNHA LINGUA!

O Día Europeo das Linguas ofreceunos unha nova oportunidade para derrubarmos fronteiras entre galego e portugués. Organizamos unha actividade nos dous recreos, na planta baixa do instituto que consistía en sacar da bóla do mundo unha palabra en galego e procurar, empregando dicionarios dixitais e en libro, como se dicía esa palabra en portugués. Lendo a túa palabras en ambas linguas e colocándoa nun taboleiro gañabas unha lingua de gominola e a certeza de que galego e portugués son linguas moi próximas e polo tanto aprendendo e falando en galego gañamos a posibilidade de comunicármonos con máis de 250 millóns de falantes de portugués en todo o mundo. E iso é algo que hai que celebrar!!!!















25.9.19

CINEMAS OCULTOS

Nova cita no Auditorio, esta vez para ver cinema en galego, dentro da cita anual do cineclub de Cangas a finais de setembro: Cinemas ocultos.


Será o domingo 29 de setembro con Idénticas, de Luís Avilés, premiada nos Mestre Mateo. 



E tamén o martes 1 de outubro con tres curtas: A nena azul, de Sandra Sándrez, premiada nos Mestre Mateo; Son unha tumba, curta do director cangués Khris Cembe e Homomaquia, de David Fidalgo.
Vémonos no Auditorio, ás 21:00h.



22.9.19

EMERXENCIA CLIMÁTICA

O alumnado do EDLG mobilizámonos ante a emerxencia climática enchendo o centro de carteis chamando á mobilización do venres 27 de setembro.







18.9.19

UN INVITADO MOI ESPECIAL

Se hai unha fronteira que derrubar é a que separa ao galego e ao portugués. E hoxe tivemos a sorte de comprobalo con José. É un alumno de Formación Profesional de Braga que veu facer as prácticas no Concello de Cangas dentro do programa ERASMUS. Hoxe estivo con nós nas aulas, presentándose e explicándonos o doado que lle resultaba entendernos cando lle falabamos en galego. Nós tamén entendiamos con facilidade o seu xeito de falar. Lemos con el textos en portugués e explicounos algunhas particularidades na grafía e na pronuncia. Está vivindo fronte ao noso instituto con outro compañeiro que fai as prácticas en Vigo. Comprometémonos a colaborar para facer agradábel a súa estadía con nós todo este primeiro trimestre.




16.9.19

INVISIBLES

Comezan un novo curso os encontros para asistir a espectáculos en galego. E facémolo cunha obra de teatro, Invisibles, que aborda a problemática da violencia de xénero. Baixo a dirección de María Bañobre lévanse á escena historias de mulleres reais recollidas pola escritora e xornalista Montse Fajardo na obra homónima. A obra, coproducida por Redrum Teatro, o Centro Dramático Galego, a Concellería de Igualdade de Pontevedra e a Deputación da Coruña, recibiu tres galardóns nos XXIII Premios de Teatro María Casares nas categorías de mellor dirección, iluminación e adaptación-tradución.  Conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra polo que a entrada será de balde. Quedamos na porta do Auditorio ás 21:00h do próximo sábado 21!!!


NOVO CURSO 19-20: DERRUBANDO FRONTEIRAS

Xa temos un novo curso por diante e un proxecto que dinamizar desde o EDLG. O día das presentacións invitamos á comunidade escolar a ver a realidade con novos ollos. Se nos xuntamos e colaboramos podemos cambiar as cousas a mellor. Para demostralo cubrimos as paredes da planta baixa de papel marrón e invitamos a quen quixera a participar para transfomar esa realidade de xeito creativo. Porque son as fronteiras mentais as que temos que superar!!!



Para inspirarnos o Departamento de Plástica comezará o curso con propostas de arte urbana para a transformación da realidade, inspirándonos nun proxecto realizado no Brasil por dous artistas holandeses para derrubar o muro dunha visión só asociada á delincuencia e á droga.


O projeto começou em 2005, em uma visita dos holandeses ao Brasil. Segundo eles, onde todos viam conflitos, eles enxergaram criatividade, com casas e ruas construídas pelos próprios moradores. A ideia é valorizar as favelas, fazendo com que a aparência da região reflita a comunidade vibrante que vive lá. Além da tinta, todas as casas serão rebocadas no projeto, valorizando e deixando os imóveis mais seguros.





Invitamos ao alumnado a realizar a súa proposta creativa nas paredes forradas de papel e, se nos emocionamos, quizais mesmo nos muros exteriores do instituto para transmitir unha idea que asocie a educación á creatividade e á participación.