20.12.19

MULLERES DA MAN TENDIDA

Foi emocionante esta actividade teatral que nos puxo en contacto coa xente maior, os actores e actrices do grupo de Teatro Aberto do ensino de persoas adultas. Dramatizaron anacos da vida das nosas avoas, intentando conciliar a familia, o traballo no campo e na fábrica de Massó, á que acudían en canto soaba a sirena que anunciaba a chegada dos barcos. Unha vida dura e entregada na que loitaron duro por uns dereitos que, como nos pediron ao final da obra, tócanos agora defender a nós.

19.12.19

FESTA DE NADAL: CREANDO EN GALEGO

Remata o trimestre e os equipos despedímonos facendo festa. Cada equipo demostrou a forza creativa do galego a través do teatro e a dramatización ou escollendo a súa música favorita para gravar un videoclip. Aquí tedes o resultado do seu talento:

- Obra de teatro: UN ENIGMA MOI REAL


- Videoclips:

TERBUTALINA: Filloa


AID: Apréndeo


OS FILLOS DO ESTRAMONIO: Noria


A BANDA DA LOBA: Fabricando luz


luz from lingualiza on Vimeo.


2.12.19

NADAL +GALEGO +PORTUGUÉS

Nas aulas de Economía aproveitaron que se achega o Nadal para pescudar na rede e converter todas as iniciativas empresariais e culturais que comparten mercado e servizos entre Galiza e Portugal en fermosas bólas de Nadal para decorar a planta baixa do instituto.


Tamén fixemos exposición das novidades editoriais galegas e portuguesas xunto a unha orixinal árbore de Nadal, feito cos paxaros e as bolboretas de papiroflexia que o alumnado fixo para facer voar o galego na ciencia.


26.11.19

GUÍAS DE LECTURA


Achégase o Nadal e queremos que os libros e a música formen parte dos vosos agasallos. Para facilitarvos as mellores ideas, os EDLG dos coles e institutos do Morrazo deseñamos estas guías que repartimos entre o alumnado e nas librarías e centros da comarca. Agradecemos a Esteban Acuña de Tarabelos: títeres e contacontos a fermosa ilustración.













25.11.19

A MOCIDADE ACTIVA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

E chegou o 25 e botámonos á rúa para denunciar a violencia machista e dar voz ás 52 mulleres asasinadas este ano e para advertir que hai que estar vixiantes coas relacións e abandonalas de inmediato se se volven tóxicas, denunciando que o machismo aínda segue presente en moitos comportamentos sociais. O símbolo do noso compromiso, un lazo violeta que levamos atado no pulso e que, trala lectura do manifesto, atamos ao valado exterior do instituto formando un NON rotundo e decidido á violencia de xénero.





19.11.19

UNHA NOVA OLLADA AOS CLÁSICOS DA LITERATURA INFANTIL E XUVENIL

Hoxe recibimos no instituto a Miguel Vázquez Freire que veu falarnos de varias obras da literatura infantil e xuvenil galega, tanto de clásicos galegos como o señor Lamote como de clásicos universais traducidos ao galego como Alicia e Carapuchiña Vermella. Reflexionamos, a partir das historias sobre sentimentos e valores universais que fan que sigan tendo algo que dicir hoxe, lonxe de mensaxes moralizantes e miradas edulcoradas da sociedade na que vivimos.


17.11.19

IES de RODEIRA EN NEGRO

Achégase o 25 de novembro e o centro vístese de negro e de lila contra a violencia de xénero. A educación nas aulas é a nosa aposta para superar os estereotipos e os prexuízos que nos foron transmitidos e traballar pola igualdade.



As reflexións tomaron forma a través de conferencias, obras de teatro e exposicións dos traballos de aula.






13.11.19

CANTANDO E BAILANDO NO MAGOSTO

Este ano no magosto, quixemos derrubar os prexuízos que afastan as nenos e nenas e xente nova das nosas tradicións. E celebrámolo por todo o alto:

-comendo castañas asadas:



- bailando a global muiñeira que ensaiaron nas clases de educación física
 


- e cantando cantigas populares galegas e mesmo unha portuguesa, o malhao.



O premio para os e as que se atreveron: bebida de balde, iso si, en vasos feitos de cana de azucre, 100% reciclables.



4.11.19

DEIXA VOAR O GALEGO TAMÉN PARA A CIENCIA

O día 4 de novembro celebramos o Día da Ciencia en Galego. O principal obxectivo desta celebración é salientar a difusión do coñecemento científico no idioma galego e resaltar as achegas dos galegos á ciencia universal.

Este ano os departamentos de ciencias escolleron como símbolo as aves e bolboretas que ao igual que a ciencia e os científicos non fan caso de fronteiras nin de barreiras culturais e políticas e que do mesmo xeito que moitos científicos e científicas cando se ven obrigadas a saír fora na procura de alimento saben atopar o camiño de volta.


Nas aulas, con papiroflexia demos forma aos nosos símbolos de paxaros e bolboretas e escribimos neles fórmulas e teoremas para que o galego poida voar ben alto tamén no mundo da ciencia e da tecnoloxía sen facer caso os muros que nolo impiden.

En 1º da ESO, aprenderon as características das bolboretas monarca que pintaron e recortaron



En 2º da ESO, construíron bolboretas de cores de papiroflexia

En 3º da ESO, paxariños de cores de papiroflexia



En 4º da ESO, estas fermosas andoriñas


ciencia4º from lingualiza on Vimeo.

E o alumnado de bacharelato decorou a planta baixa cos seus traballos



31.10.19

CONTANDO HISTORIAS NO SAMAÍN

O alumnado de 1º da ESO gañou o concurso creativo do Samaín. Foi un traballo feito en grupos cooperativos no que inventaron historias de medo. Logo elaboraron o guión dun vídeo no que as dramatizaron e lle deron unidade. Estas son as  HISTORIAS PARA NON DURMIR.

30.10.19

TEATRO PARA LER E REPRESENTAR

Nesta colección, de Fervenza edicións, acaban de publicarse os textos das dúas últimas representacións do grupo de teatro do instituto A Réplica: Acariñando desexos e A viaxe de Burhan, escritas polo seu director Xoán C.Riobó e ilustradas por Julia Abal. A presentación será o xoves 24 ás 20:00 horas. Estades todos e todas invitad@s!





TÚNEL DO TERROR

Gran éxito do túnel do terror organizado polo alumnado de Animación Socioeducativa de 1º de Bacharelato!!! Guiados pola Santa Compaña, o alumnado da ESO percorreu corredores do inframundo cheos de bruxas, arañas, cadáveres e nenas posuídas...





 

27.10.19

MISERABEIS

Nova oportunidade para ver este musical no Auditorio de Cangas. A representación a cargo de alumnado do Instituto Illa de Ons de Bueu é unha revisión contemporánea e feminista da novela de Víctor Hugo. Vémonos o mércores 30 ás 21:00 horas. 



 

24.10.19

BIBLIOTECAS FANTÁSTICAS

Desde a Biblioteca invitáronnos a descubrir bibliotecas fantásticas de todo o mundo.



Desde o noso proxecto "Derrubando fronteiras" a proposta para toda a comunidade educativa foi descubrir ademais da Biblioteca da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, a biblioteca Joanina en Coimbra e a librería Lello no Porto, tamén moi perto de nós.

A Biblioteca Joanina é uma biblioteca do século XVIII situada no Palácio das Escolas  da Universidade de Coimbra, no pátio da Facultade de Dereito. Apresenta um estilo marcadamente barroco, sendo reconhecida com uma das mais originais e espectaculares bibliotecas barrocas europeias. Além de local de pesquisa de muitos estudiosos, o espaço é ainda frequentemente utilizado para concertos, exposições e outras manifestações culturais. A sua construção começou no ano de 1717, no exterior do primitivo perímetro islâmico, sobre o antigo cárcere do Paço Real, com o objectivo de albergar a biblioteca universitária de Coimbra, e foi concluída em 1728.









Concebida segundo projeto do engenheiro Xavier Esteves, a Livraria Lello é um dos mais emblemáticos edifícios do neogótico portuense, estilo dominante no início de século XX. A fachada apresenta um arco abatido de grandes dimensões, com entrada central e duas montras  laterais. No interior, os arcos quebrados, os teitos rabalhados, o grande vitral que ostenta a divisa da livraria "Decus in Labore" e a escadaria de grandes dimensões de acesso ao primeiro piso são as marcas mais significativas da livraria. As escadarias da Lello também são conhecidas por ser a inspiração da livraria onde Harry Potter conheceu Gilderoy Lockhart no livro "Harry Potter e a câmera dos segredos", já que J.K. Rowling chegou a morar na cidade do Porto.


 

 

14.10.19

DERRUBANDO FRONTEIRAS ENTRE VIVOS E MORTOS

Achégase o Samaín e hai que comezar a prepararse para o concurso creativo de aula.  Inspirádevos nas nosas tradicións e deixade voar a imaxinación!!!



CRÓNICAS DO PARAÍSO

Nova cita co teatro en galego no Auditorio de Cangas. A obra de Sarabela teatro inspírase nas Crónicas do Sochantre de Álvaro Cunqueiro. Vémonos o sábado 19 de outubro, ás 21:00 h


11.10.19

DERRUBA AS FRONTEIRAS: COÑECE A POESÍA GALEGA ACTUAL


Outubro foi o mes da poesía galega actual na biblioteca. Tiramos os libros dos andeis para achegalos á comunidade educativa e dar a coñecer os nomes dos nosos e das nosas poetas. Baixamos a escoller os seus versos preferidos para construír, a partir deles, os nosos propios poemas que foron logo recitados nas aulas de galego. Tamén houbo quen se atreveu cos videopoemas:

Pablo Portela Boullosa, de 2º Bacharelato, cóntanos: 
"Trala lectura de diversas obras de poesía galega actual, chamoume a atención Ramiro Fonte, en especial a súa obra “Adeus Norte” polos sentimentos que me transmitiu, chegando incluso, a sentirme dalgún xeito identificado cos versos.  Desta obra obtiven practicamente a totalidade dos versos que recreei no meu poema. Gústame moito a fotografía e o vídeo e por iso decidinme polo vídeopoema."

vidopoema from lingualiza on Vimeo.


Lucía López Pastoriza, tamén de 2º Bach. inspirouse en versos de Gonzalo Hermo e de Ramiro Fonte para a súa propia obra creativa.


8.10.19

O QUE ARDE

Estrea nos cinemas da película de Óliver Laxe: O que arde, cinema en galego proxectado en 49 salas de toda España, subtitulado en castelán e catalán fóra da nosa terra. En Vigo podedes vela en Gran Vía, Praza elíptica e Cines Norte. Estes últimos contarán coa presenza do director e dos actores o xoves 17. Vémonos alí ás 19,40h.


O que arde, a flamante película de Oliver Laxe,  chegará este venres 11 de outubro ás salas de cinema despois de ser aclamada pola crítica e os xurados nos máis importantes festivais de cine nacionais e internacionais.
O que arde recibiu o premio do xurado da sección oficial Un Certain Regard do Festival de Cannes, onde fixo historia ao ser a primeira película en versión orixinal en galego que se proxectou neste certame francés.

Ademais, a cinta recibiu o IX Premio San Sebastián Film Commision do Festival de San Sebastián, que recoñece aquelas películas que mellor reflicten os valores urbanísticos, naturais, culturais ou sociais do lugar onde foron rodadas. O último dos premios concedidos a O que arde foi o PremioEspecial do Xurado no Ourense Film Festival celebrado a comezos deste mesmo mes.

A DEFENSA DA VILA

Esta fin de semana conmemoramos, xa por cuarto ano consecutivo, este feito histórico ocorrido hai case 400 anos, en 1614, cando os turcos saquearon Cangas, deixando un dramático rastro de mortes e violacións, ademais de facer moitos prisioneiros. Aquí tedes o programa de actos.




Estades todos e todas invitados ao acto central, o sábado 12, que se iniciará co atraque dos barcos turcos, percorrendo logo a vila ata o casco vello. Dramatizarase a resistencia canguesa con especial atención á morte de Pedro Barba, home de María Soliño que será condenada pola Inquisición por feiticeira para apoderarse a Igrexa de todos os seus bens. Moitos cangueses e canguesas serán actores e actrices, ata o mesmo alcalde! Vémonos alí!

4.10.19

DANDO A COÑECER O NOSO PROXECTO

O primeiro labor dos Equipos de Dinamización foi dar a coñecer o noso proxecto á comunidade educativa deseñando un cartel, nunha versión máis reducida que o graffiti colectivo, que permanecerá ao longo de todo o curso na entrada no centro, xusto enriba da ventá da secretaría.