15 years ago
30.4.15
DESTAPA O GALEGO NO TEATRO: A farsa do señor xuíz
Actuación no instituto de Os deslinguados, una compañía de teatro afeccionado de nais e pais do Ensino Secundario, vinculada ao noso instituto porque naceu da nosa ANPA e aínda segue reuníndose e ensaiando com nós.
Tedes o vídeo colgado en https://youtu.be/FArBGTJjpOI
DESTAPA O GALEGO NO TEATRO: Os catro mosqueteiros na procura do pai do rei
O grupo de teatro do instituto, A Réplica, volveu á XIX Mostra de Teatro
de Ensino Secundario que este ano se celebra no IES María Soliño, cunha
divertida comedia.
O traballo comezou polo mes de novembro coa
escolla dun texto. Resultou elixido Los
tres mosqueteros buscando a Dartañan, de Javier Veiga, Chani Martín e Javi
Coll, da compañía Teatro Impar. É un texto moi ben feito que ten moias
situacións cómicas, elaboradas a partir da mirada inxenua do clown, ese pallaso
que atopa o éxito no seu propio fracaso.
A misión seguinte foi a de cortar o texto. Si,
cortalo, si! Excesivamente longo, tiña que adaptarse ás necesidades do grupo.
Atrás quedaron moitos gags estupendos. Tamén tivemos que adaptar o número de
personaxes ao número de actores e actrices. Houbo que meter a Dartañan dentro
do grupo dos mosqueteiros e en vez de ir tras del, irían na procura dun tal
“Pai do Rei” (Que paralelismos). Por este motivo, quedaría co título final de Os catro mosqueteiros na procura do Pai do
Rei.
A tradución foi o paso posterior. Unha vez
listo, a imprimir, repartir (Faaaro de Vigooo!!!), ler o texto e escoller
personaxes. Veña, a construír personaxes! Ensaios, risos, facer de poli
bo e poli malo... Deus!!! Non son capaces de ensaiar dous minutos seguidos! Que
capacidade teñen para despistarse!
María, que fai de Dartañán, é a clown lista, a
que manda, como dicía alguén do público nunha representación. Pola contra,
Tomás (Porthos) é o par... o menos listo, pero intelixente. E se Antía (Aramis)
vai de dura, un pouco botada para adiante, Boube (Athos) móstrase como o galán,
o chicarrón do norte, o que ten todo controlado. Os catro, na procura do Pai do
Rei, coñecerán a divertidos personaxes que lles facilitarán as partes do mapa
que contén unha poderosa...
O abandono dalgún membro do grupo, que nunca
debe producirse unha vez comezados os ensaios, provoca danos colaterais, pois
outro actor ou actriz ten que encargarse dese personaxe que queda orfo. Como
resultado desta situación saen tres parellas estupendas que dobran personaxes.
Foi unha experiencia marabillosa. Quedan no
recordo un feixe de anécdotas con situacións cómicas e tamén momentos de
nervios e tensión que todas e todos compartimos. E sempre, sempre, queda a aprendizaxe
dos e cos demais.
O teatro é a ficción que nos desliga dos
canons establecidos na vida real. É relación, traballo en grupo, sumar
sinerxias. O teatro é un espazo para superar os límites que nós mesmos nos
im-poñemos, mais cando sobrepasamos a liña, sorprendémonos.
Lembrade que tedes unha nova oportunidade de
vernos no CITEAMOR, Ciclo de Teatro Afeccionado, no Auditorio de Cangas, o 22
de maio.
CHÁMOME DIANA E SON CHECOGALAICA
Os meus pais son da REPÚBLICA CHECA, pero eu nacín aquí, en Galicia. Na nosa casa falamos en checo, na rúa en castelán e o galego tiven a sorte de aprendelo na escola. Esta distinción levámola facendo toda a vida para non deixar de lado ningunha das linguas.
A República Checa ten tres rexións diferenciadas: Bohemia,
Moravia e a Silesia checa. Bohemia, a parte occidental do país está rodeada de
montes baixos e forma unha conca, drenada polo río Elba e o río Moldava.
Moravia, a parte oriental, é tamén montañosa e está drenada polo Río Morava.
Silesia sitúase ao norte, entre Moravia e Polonia.
En Chequia hai unha única lingua oficial, o checo, unha das
linguas eslavas occidentais, (xunto co polaco, o eslovaco, o casubio, o
pomeranio e o sorabo). Aínda así existen tres variantes de checo nas diferentes
rexións. O checo común correspóndese coa variante falada en Bohemia. Pero
podemos atopar ata outras tres variantes: Haná (Moravia Central), a
morava-eslovaca e a silesiana que presentan modificacións con respecto ao
normativo e son consideradas pouco cultas. Existen, como na situación
lingüística que vivimos aquí, algúns prexuízos lingüísticos que impiden
considerar a diversidade da fala como unha riqueza.
O meu pai é das aforas de BRNO e a miña nai de PARDUBICE. No
verán adoitamos ir visitar á familia destes dous lugares, aínda que tamén
pasamos bastante tempo en LITOMYSL, o lugar onde temos a casa. Este lugar é
patrimonio da humanidade polo seu interese turístico e cultural. Destaca o
monumental castelo renacentista que se remonta aos anos 1568-1581. Cómpre
visitalo, pasear polos seus fermosos xardíns ou pararse a refrescar os pés no
estanque das estatuas de Mucha. Os edificios do castelo non só son excepcionais
polo seu refinamento arquitectónico, senón tamén por seren o lugar de nacemento
de Bedrich Smetana. Este compositor checo foi pioneiro no desenvolvemento dun
estilo musical que quedou intimamente ligado ás aspiracións independentistas do
seu país. É por iso que se lle recoñece no seu país como o pai da música checa.
Internacionalmente é coñecido pola súa ópera A noiva vendida e polo ciclo de
poemas sinfónicos Má vlast («A miña patria») que representan a historia, lendas
e paisaxes da patria natal do compositor. Algo que me gusta moito é a importancia
que se lle dá na República Checa ás actividades relacionadas coa música.
Valóranse moito máis que aquí. De feito nos veráns hai cursos especiais que
ademais promoven a interculturalidade, pois neles se reúne xente de moitos
lugares do mundo.
Na praza alongada de LITOMYSL, que é unha das maiores da
República Checa, está o concello, que é de orixe gótica e unha serie de casas
renacentistas e barrocas, moitas con arcadas e cuartos de planta baixa con
bóvedas. Unha das máis importantes é a Casa dos Cabaleiros (ou Rytí) coa súa
notable fachada. É obrigado o paseo baixo os soportais a través dos que se pode
chegar até a estatua de Smetana ou á súa casa museo ou visitar casas que
albergan exposicións de arte permanentes.
É moi característico na terra dos meus pais saír recoller
cogomelos, sobre todo despois das choivas. Está considerado case un deporte
nacional que naceu no pasado como fonte de alimento (carne dos pobres) e hoxe
asóciase a gozar da natureza e relaxarse. A época de recolección en Chequia
empeza en maio e chega ao seu auxe en setembro. Os checos recollen xeralmente
nos bosques que coñecen ben e para a súa almacenaxe prefiren secalas, é dicir,
a forma máis antiga e natural.
Conscientes da súa riqueza, os checos e checas coidan moi
ben dos seus bosques. Na miña opinión a xente está moito máis concienciada que
aquí no referido ao coidado da natureza. Tamén é posible recoller froitos
silvestres. E visitar as numerosas reservas naturais e espazos protexidos coma
o parque nacional das montañas de Krkonose, unha das zonas naturais máis
valiosas de Europa Central. A cordilleira máis alta da República Checa
representa un mosaico único de ecosistemas que se conservaron aquí como recordo
do seu afastado pasado glacial, unha paisaxe preciosa con altas abas de
montañas, cristas planas, prados alpinos con flores multicolores, onde se atopa
a montaña más alta da república, Snezka. Este lugar é moi visitado, sobre todo
no inverno, pois é un dos mellores lugares para esquiar.
En Chequia somos moi amantes das sopas. Entre as máis
populares, cabe mencionar a sopa nacional como a kulajda, elaborada a base de
puré de pataca e champiñóns cun toque final de sabor de leite agre e aneto
(cast.eneldo) ou drstková, versión checa dos callos, servidos en forma de sopa.
SON HANNAN E NACÍN EN AGADIR,
En Agadir temos moi bo tempo, sempre vai calor. As nosas
magníficas praias, as avenidas de palmeiras e os bares fronte ao mar son moi
visitadas por turistas europeos e doutras partes do mundo.
A maioría de marroquís son de relixión musulmá. Pero xa non
é como antes. Agora hai máis liberdade. As mulleres en Agadir podemos escoller
se levar o velo ou non. Pero queda aínda moito que facer e segue a ser moi
pouco frecuente que a muller estea presente nos gobernos e na política. Non se
defenden os dereitos da muller tanto como aquí.
A lingua que falamos entre nós é o árabe marroquí aínda que
na escola emprégase o árabe clásico que é a lingua da escrita e tamén o
francés. Aínda que na miña familia non se fala, en Agadir hai moitos falantes
de linguas bérberes (tarifit, tamazighte tachelhit) que, tras moito tempo
ignoradas, agora comezan a ter presenza na escola.
As vodas en Marrocos son grandes festas que duran varios
días. O noso vestido de festa típico é o caftán, unha túnica de algodón ou seda
con mangas, que chega ata os nocelos. Tamén é costume pintar debuxos na pel,
feitos con henna, un tinxido natural de cor avermellado que tamén se emprega
para tinxir o pelo.
29.4.15
EU SOU JENNY E EU NASCI NO MATO GROSSO
em Brasil, na cidade de CUIABÁ que é a capital do Estado de
Mato Grosso. Cuiabá, no interior do Brasil, no mesmo centro de Sudámerica,
é um lugar que combina perfeitamente os
encantos da selva amazónica com um urbanismo cosmopolita, de muita história
graças à sua designação como mina de ouro durante a sua colonização. Hoje a
cidade tem 786 mil habitantes e recebe seus visitantes, muitos interessados em
agronegócio – Mato Grosso vive batendo
recordes de produção de soja, algodão e milho –, com hotéis cada vez melhores e
bons restaurantes.
Os meus avôs vivem em NOBRES, ao norte de Cuiabá, com a sua
porção de águas cristalinas nos rios Salobra e Triste. Ali a gente pode-se
banhar e observar a fauna e flora submarina. Um dos sítios mais bonitos é o
Lago azul.
A apenas 64 quilômetros de Cuiabá, o PARQUE NATURAL DAS
CHAPADAS DOS GUIMARAES é um território de paredões de arenito em tons de
vermelho e laranja, formações rochosas gigantescas, cachoeiras, cavernas,
mirantes e cânions. A localização, no centro geodésico da América do Sul, dá
margem a teorias sobre a energia mágica dos desfiladeiros, mas nem é preciso
ser místico para se deixar envolver pela paisagem exótica do Cerrado. Deve ser
sim uma energia especial que impulsiona os visitantes a fazer caminhadas de
seis horas, ida e volta, até atingir o topo do Morro de São Jerônimo e sua
fantástica vista.
Ou levar o mesmo tempo para completar o Circuito das
Cachoeiras, sentindo o sol forte na pele, com a promessa de banhos nas piscinas
naturais e quedas d’água pelo caminho.
Por terra, os 150 quilômetros da Rodovia Transpantaneira
viraram atração do PANTANAL NORTE. Quando foi idealizado, o traçado previa a
ligação entre POCONÉ e CORUMBÁ, já no Mato Grosso do Sul, mas parou mesmo em
Porto Jofre, à beira do Rio Cuiabá. Em época de chuva, trafegar por essa
estrada de cascalho e terra, com mais de 100 pontes de madeira, pode ser uma
aventura que desafia até parrudos veículos 4x4. Mas entre abril e setembro, na
seca, é certeza de encontrar espêcies como capivaras, tamanduás, jacarés e
revoadas de tuiuiús. O Pantanal, a maior planície alagada do planeta, dá lugar
também a safáris em jipes que percorrem estradinhas e trilhas pelas fazendas
para observação de sua fauna diversificada (a estrela mais esperada para os
cliques é a onça-pintada). E, de abril a outubro, grupos de pescadores passam
dias e noites a bordo de barcos na captura de pintados, pacus, dourados,
piraputangas, entre as mais de 250 espécies de peixe que vivem no labirinto de
rios do estado.
CHÁMOME JENNYFER LORENA E SON DE GUATEMALA
da zona de Peten, ao norte, limitando con México. PETEN ten moitos atractivos turísticos como as ruínas de TIKAL, pirámides da época maia, cultura anterior á chegada dos españois.
O clima favorece a chegada de turistas xa que todo o ano vai calor. Unha zona moi bonita para bañarse é o RÍO DULCE, en San Marcos, a tres horas de onde está a miña casa, pero hai zonas prohibidas porque pode aparecer algún tiburón. Tamén é moi bonita a paisaxe do LAGO de ATITLÁN en San Pedro co VOLCÁN PACAYA ao fondo ou pasear pola que chamamos ANTIGA GUATEMALA.
En canto á gastronomía, temos COCIDO coma vós pero o noso é moi diferente ao galego porque só leva unha clase de carne, moitas verduras como zanahoria, mazorca de millo moi tenra, pemento, guisquil (que se parece ás patacas pero é doce) e acompáñase con arroz.
En vez de pan nós comemos tortas de millo. No Nadal , son típicos os TAMALES, feitos de millo con moitas especias. No medio dun poco de masa leva un anaco de carne e mollo picante, enrolado en follas de plátano.
Tamén é unha celebración típica o día dos mortos, o 1e2 de novembro : vaise ao cemiterio e cómese FIAMBRE, prato preparado cos mellores embutidos, carnes, queixos e vegetais frescos.
Tamén comemos tacos, diferentes ao mexicanos e torradas que tampouco
son como as vosas, e sempre con picante; en Guatemala non hai unha comida que
non o leve.
Ademais do español, en Guatemala, mantéñense vivas moitas linguas moi antigas, de orixe maia, unha diferente en cada departamento. Onde vivo eu, en Peten, fálase queqchi.
28.4.15
UNHA CLASE MOI ESPECIAL
Estamos
estudando Europa e onte tivemos unha clase moi especial. O noso profe foi un compañeiro de 3º, Thomas,
que é italiano e veu falarnos da súa terra de orixe. Naceu e viviu a súa
infancia nun pequeno pobo do norte de Italia, rodeado de moitísimos campos que
cultivan trigo que venden ás fábricas da famosa pasta italiana, a marcas como
Barilla e outras menos coñecidas. É unha zona moi verde pero o cheiro é un
pouco desagradable polo esterco co que se abona os campos. Guiounos con Google
maps polos sitios onde viviu de neno, ata os 10 anos que veu vivir a Cangas coa
súa nai. Preto da súa casa e do cole no que estudou hai un bosque cun castelo que
é reserva natural moi rica en flora e fauna onde Thomas ía pasear coa súa avoa.
Tamén nos falou do clima, moi frío no inverno, chegando a nevar, e moito calor
no verán. Pero é un frío seco sen tanta humidade como a que temos en Galicia.
Alí cando chove cae moi forte, mesmo sarabia, pero ao pouco xa pode facer sol. Nesta
zona do interior como non hai praias, teñen moitos aquaparcs.
Unha das cidades importantes próximas á súa vila é Mantua, chamada en italiano normativo Mantova. Pero xa nos explicou Thomas que non hai un italiano senón moitos: cada zona ten o seu xeito de falar, con variantes propias, e a nosa tradución non está tirada do italiano normativo senón da fala de zona. Está preto do lago di Garda e ten un coidado centro histórico de rúas adoquinadas cheas de pazos, casa antigas e cúpulas enormes no que están prohibidos os coches polo que é moi agradable pasear e andar en bici. Falounos da famoso carreira “Gran Nuvolari” organizada en honor ao piloto Tazio Nuvolari, que xa vai pola súa 22 edición. Audaces pilotos montan co elegancia nos seus coches de época que van desde 1923 hasta 1969, verdadeiras xoias dignas de museos que percorren os máis fermosos lugares do Norte de Italia.
Tamén viviu en Verona, a cidade na que Shakespeare ambientou a historia de Romeo e Xulieta. Unha das visitas obrigadas é un edificio, do século XIII, chamado Il Cappello, do que se conta que era o pazo dos Capuleto (a familia de Xulieta), que ten centos de mensaxes de amor escritos na súa entrada. O famoso balcón engadiuse en 1928. Tamén é posible visitar a súa tumba.
Mostrounos tamén onde estaba o Arena, un dos anfiteatros máis importantes da época romana, onde se celebran concertos e espectáculos no verán; a Piazza delle Erbe, antigo foro romano, con interesantes edificios, como a Torre Dei Lamberti de
25.4.15
DESTAPA A DIVERSIDADE LINGÜÍSTICA E CULTURAL DO MUNDO
Así de colorido quedou o
cartel da diversidade, grazas á participación de toda a comunidade educativa.
Tamén invitamos, ao longo desta semana, ao alumnado que chegou de fóra ou
estivo un tempo fóra de Galicia a que compartise con nós as características
desas culturas que coñeceu de primeira man. Axiña veredes os seus traballos
polos corredores do instituto ou quizais na vosa propia aula.
24.4.15
DESTAPA O GALEGO COMPARTINDO EXPERIENCIAS. En Inditex e Ikea.
O alumnado do Ciclo Medio de Xestión administrativa e Superior de Administración e Finanzas, visitamos onte Inditex e Ikea.
En Inditex contáronnos o proceso loxístico do seu
negocio: como buscan tendencias, seleccionan provedores, confeccionan
prototipos de roupa nas tallas 42, 5-6 anos, e 9-12 meses, escalan a outras
tallas con programas informáticos de aproveitamento de teas, cortan e,
distribúen a calquera das súas tendas de todo o mundo nun prazo máximo de 24 horas en camión ou 30
en avión. Estivemos nas súas tendas-laboratorio de imaxe, nas cales experimentan co
mobiliario, solo, climatización, música, olores e colocación das prendas para
que resulten máis atractivos, e despois a reproducen en todas as súas
tendas, para reforzar a imaxe de marca.
Ao remate a guía
animounos a estudar idiomas; en Inditex-Arteixo hai traballadores de 143
nacionalidades e como idioma común teñen o inglés.
Xa pola tarde,
recibíronos persoal do departamento
Recursos Humanos e Atención a Clientela de Ikea, que nos organizaron unha visita en tres
fases: A primeira parada na zoa de oficinas,
onde nos explicaron unha breve historia de Ikea, os valores da empresa e o seu
concepto de negocio e de Recursos Humanos. A segunda parada, foi na zona dos
cinco primeiros, para ¿¿comprobar?? o seu método de deseño de produto, proceso
de compra. E a terceira parada, na zoa
de autoservizo- almacén, atendemos ao
concepto de loxística, por qué está a mercancía así organizada, a
sostenibilidade e conciencia social da empresa.
22.4.15
HOLOCAUST MEMORIAL: ACHEGÁNDONOS Á HISTORIA VIVA
Este 2015, cúmprense 70 anos dende que en 1945 se
produciu o remate da Segunda Guerra Mundial. Unha cruenta guerra que deixou
tras de si millóns de mortos, millóns de familias sen un teito, un panorama
internacional desastroso… Poderíamos pensar que só foi una contenda entre o
fascismo alemán e italiano contra os Estados Unidos, Rusia, Gran Bretaña e
Francia. Pero, como consecuencia dela,, miles de españois republicanos que
escaparan de España nos anos da Guerra Civil cara a Francia foron acollidos en
campos de refuxiados. Moitos deles van ter a mala sorte de que cando Hitler
entra en Francia, son levados aos seus campos de traballo e concentración (como
o de Mauthausen en Austria) onde serán usados como escravos. Alí morrerán preto
de 5000 españois. Por todo iso e para concienciar ao alumnado sobre a traxedia
ocorrida, o 22 de abril recibimos no auditorio municipal de Cangas a visita de
Annia Horzowski e do seu fillo Luis.
Hoxe, 22 de abril,
o alumnado de 1º e 2º de bacharelato, en compaña do alumnado doutro centro do
Morrazo, tivemos a oportunidade de asistir a unha clase de historia ben
diferente ás que estamos acostumados. Os departamentos de inglés e historia do
noso instituto e o profesor Xosé Manuel
Cacharrón do departamento de inglés do María Soliño organizaron para nós unha
conferencia sobre o Holocausto na que puidemos coñecer mellor diferentes
aspectos deste sacrificio racial para despois escoitar a dura experiencia que
Anja Horszowski e o seu fillo Luis nos relataron en primeira persoa.
Diana Rodova ao
violín, María Martínez ao chelo e Brais Camaño ao saxo, alumnos de 2º
bacharelato, abriron o acto tocando para nós a peza central da película A
lista de Schlinder, conseguindo xa espertar a nosa sensibilidade. Marta Giráldez, Mateo Baliño, Raquel Refojos,
Sandra Villar e Ana González prepararon para nós un impactante vídeo en inglés
no que se relataba como moitos republicanos españois acabaron no campo de
concentración de Mathausen. Foi subtitulado en galego polo alumnado de TIC de
1º de Bacharelato.
Mauthausen from lingualiza on
Vimeo.
E chegou o momento de escoitar o que Anja
Horszowski e o seu fillo viñeron a contarnos. Esta polaca relatou como dun día
para outro perdeu á súa nai e ao seu pai cando vivían no gueto de Lvov
(Polonia): Anja chegou un día casa do traballo e a súa nai,que quedara na cama
porque estaba enferma, xa non estaba. Os veciños contáronlle que uns oficiais a
asasinaran. O seu pai desapareceu do hospital onde fora ingresado tralo impacto
da nova en estrañas circunstancias. Nunca puido recuperar os corpos dos seus
pais. Era sobrecolledor escoitar á muller sobre o que sentía naqueles momentos,
insistir en teimas que conservaba de entón, como que sabía que debían fuxir
cara Dnipropetrovsk, ... O seu fillo falounos do que viviu o seu pai, de como
este home conseguiu escapar dun tren en marcha que os levaba dun campo de
concentración ao lugar onde ían matalos; e como cando todo rematou volveu ao
campo onde estivera para buscar á súa primeira muller e atopou que fora
asasinada en vinganza á súa fuxida. Tamén falou de como fora medrar nun fogar
como o seu, no que non pasaba un día sen que se fixera alusión ao tema.
Pechouse o acto e, como era de esperar, saímos
todos visiblemente conmocionados. Non todos os días se ten a oportunidade de
ser testemuña de algo así. Os impactantes relatos de Anja e o seu fillo non
podían deixar indiferente a ninguén. Foi unha maña moi produtiva na cal nos demos conta da
importancia de manter viva a lembranza destes sucesos. Non só houbo o xenocidio xudeu na historia do
século XX, senón que houbo e segue habendo algunhas prácticas semellantes no
mundo e non se conseguen erradicar. Sen dúbida, unha forma
moi clara e directa de lembrarnos a todos por que os erros do pasado non deben
ser repetidos.
21.4.15
DEBATENDO EN GALEGO CON OUTROS MOZOS E MOZAS. Valoración da experiencia.
Ao Parlamento Xove, ó contrario que ó Parlamento “de verdade”,
vaise debater. Mais a debater, ó contrario que nas sobremesas dominicais,
mantendo unha orde e estrutura. Ten, de feito, case tanto de confrontación de
ideas como de coreografía, sendo polo tanto tan importante levar o tema moi ben
preparado como a forma de expor a túa postura.
O preludio do debate é o sorteo de posturas (a favor, a favor…), é
dicir, determinar que equipo se posicionará a favor e cal en contra do tema
proposto. O debate propiamente dito comeza coas introducións, con sendas
quendas de 5 minutos para cada equipo (mimá, aínda non levo 4 e xa só me falta
o peche!). Esta é a parte de maior contido dramático, xa que adoita comezarse
cun mito grego, unha pasaxe dalgún libro… ou incluso finxindo un accidente de
tráfico. Proséguese con dúas quendas de refutacións para cada equipo, un minuto
máis curta que a introdución cada unha, e na que se prima considerablemente que
se refute o exporto polo equipo rival (que foi o que dixo de esa lei? eu tiña
apuntado algo, onde está?). Nestas intervencións permítense preguntas por parte
do equipo rival, que poden ser moi concretas e “ir pillar”, ou ser tan xenéricas
e amplas que teñas espazo dabondo para perder o fío e o tempo (eu como son moi
galego respondereille con outra pregunta). Péchase o debate coas conclusións,
de 3 minutos, nas que se fai un balance do debate de tal xeito que pareza
evidente que o teu equipo é o gañador.
A actividade, malia o excesivamente pechado da súa estrutura, é
sumamente interesante e útil. Ata diría que necesaria. O exercicio de
confrontar ideas de xeito razoado, argumentando, é tan imprescindible como, por
desgraza, inusitado nos nosos institutos. Habituados á comunicación
unidireccional das nosas aulas, precisamos de máis actividades como o
Parlamento Xove para transformar o saber enciclopédico que se nos transmite en
ideas e argumentos útiles cunha aplicación práctica. Precisamos tamén de moitos
máis exercicios cos que traballar a nosa oratoria, unha ferramenta se cadra
algo esquecida no actual sistema educativo, mais imprescindible fóra del.
E se non fose suficiente con todo isto, é que é moi divertido! O
Parlamento Xove é unha actividade altamente entretida, pola relación con
adolescentes doutros centros da xeografía galega e polo feito de pasar a noite
fóra e demais aspectos alleos á propia actividade, polo funcionamento
intrínseco: unha competición agradable, na que te atopas con desafíos
constantes, cunha estimulación intelectual fortemente atraínte. Sen dúbida,
unha experiencia totalmente recomendable.
20.4.15
ORGULLOS@S DA NOSA CULTURA PROPIA, ABRÍMONOS A TODAS AS CULTURAS DO MUNDO: Semana Intercultural
Vinde participar no mural
colectivo en defensa da diversidade na entrada do instituto. Se defendes un
mundo diverso, cheo de linguas e culturas diferentes que nos enriquecen, ven
deixar a túa pegada no mural da interculturalidade. Darémosche una pinza para
que “tunees” con cores diversos nunha metade e na outra escribas una das linguas
do mundo. Despois terás que pegalas formando parte das espirais de diversidade
que saen do globo terráqueo pintado no mural. Tamén poderás ler a Declaración
Universal sobre a Diversidade Cultural.
17.4.15
DESTAPA O GALEGO NA CIENCIA
A semana do 13 ó 17 de abril deste curso organizouse a
Semana da Ciencia, con moitos obradoiros dirixidos polo alumnado da ESO e
Bacharelato. Os rapaces encheron de cor e maxia a aula de usos múltiples en
cada recreo amosándolle aos demais compañeiros os seus experimentos ou
traballos de investigación. Puidemos ver tintas fluorescentes, como facer un
canón con imáns, pilas-pataca, electrólises de metais, un xardín químico, xeo
instantáneo … Moitísimas cousas que encerraban tras de si moitos días de probas
e un gran traballo dos estudantes, afección pola ciencia e sobre todo o máis
importante: curiosidade e ganas de aprender cada día un chisco máis. Os
profesores de física, química, tecnoloxía… prestaron axuda ao alumnado deixándolles
todo o material que precisasen e motivándoos. Esta actividade tamén nos axudou a ver que o galego cada día está
máis presente en máis ámbitos, neste caso na ciencia e na tecnoloxía. Todos os
alumnos desenvolveron as súas explicacións en galego o que amosa que non hai
ningunha dificultade para exportalo a máis ámbitos. Agardamos con impaciencia
que curiosidades, misterios e novos experimentos nos traerá o alumnado o ano
que vén.
Obradoiro da célula do Departamento de bioloxía e
Xeoloxía
Experimentos do Departamento de Física e Química
Demostracións do Departamento de Tecnoloxía
Obradoiro do cubo de Rubik do Departamento de Matemáticas
10.4.15
DE TURISMO POR CANGAS
Coñeces ben a túa vila? Comproba nestes traballos que formaron parte da exposición Cangas, riqueza patrimonial, se xa percorriches os lugares máis destacados do noso concello.
9.4.15
DE RUTA POLAS ANTIGAS FÁBRICAS CONSERVEIRAS DE CANGAS
Son André Novas, alumno de 2º de Bacharelato.
Cando nos propuxeron realizar un traballo de investigación sobre o patrimonio
de Cangas, pensei que sería interesante recuperar e dar a coñecer o noso patrimonio industrial. A súa
importancia foi non só económica (sendo unha das principias industriais do concello,
que deu traballo a centos de persoas, especialmente a mulleres) senón tamén
histórica e social: as fábricas non eran meros axentes económicos, senón lugar
de socialización, e a lingua, artesanía e profesións ligadas a ela son parte
ineludible da nosa cultura. Por estes motivos, propuxen a realización dunha
ruta a través das fábricas emprazadas no casco urbano (aínda que están tamén
sinaladas algunhas en Aldán ou Hío). Eu fixen un documento en plataforma
dixital pero a miña proposta é que houbese, nos propios edificios que foron
fábrica ou que hoxe ocupan o seu lugar, un panel conmemorativo e explicativo. A
súa restauración, ligada ós novos usos que se lle poidan dar aos edificios
aínda existentes, é un paso obrigado en calquera proposta cuxo obxectivo sexa a
revalorización histórica e cultural da industria conserveira.
O seguinte link conduce a un mapa personalizado
de Google Maps onde están sinaladas as xa mencionadas fábricas, ademais da ruta
a realizar. A ruta ten unha lonxitude de arredor de 4 km, sendo o tempo estimado
de duración de 1 hora:
8.4.15
CAPELA DO HOSPITAL
Aquí tedes un exemplo dos traballos realizados polo alumnado que formaron parte da exposición "Cangas, riqueza patrimonial".
COÑECENDO A NOSA VILA
O pasado sete de abril, os
alumnos de xeografía de España de segundo de bacharelato, tivemos a sorte de
realizar una visita guiada polo casco histórico de Cangas.
Tras presentar un traballo sobre o patrimonio
histórico-cultural, no que cada un se centrou nun aspecto diferente (rutas,
monumentos, conserveiras) e estudar as partes do plano urbano, reunímonos pola
mañá no punto de encontro coa nosa guía, Cristina. Ela explicounos brevemente
como se fora configurando o plano urbano, os edificios e construcións de
Cangas.
Cando se chega até o final da Rúa Real é posible
escoller o camiño que está á esquerda, o que avanza polo Barrio do Costal, ou o
que segue pola dereita, a través barrio do Sinal. Polo primeiro chégase á parte
medieval de Cangas, onde abundan as rúas estreitas con edificios moi próximos
uns a outros. Nesta zona, a máis irregular, foi onde se asentaron os primeiros
veciños da vila, que posteriormente,
durante a Idade Media, se foron espallando e distribuíndo ao longo da outra
arteria, a do Sinal. Neste barrio do século XVI podemos atopar un plano moito
máis organizado, que tende á ortogonalidade.
Ten rúas máis amplas e vivendas separadas entre si, coma as dos
mariñeiros, entre as que destacan, por exemplo, as de patín.
Se pola contra non se escolle ningunha das rúas
vertebradas en torno á principal e se segue por esta, chegarase até a Igrexa. Desta zona, o casco antigo, o edificio que máis me chamou a atención
foi precisamente a ex-colexiata. A razón
pola que me resultou especialmente atractivo foi a cantidade de
particularidades que presenta e que non coñecía, a pesar de ter escoitado
varias delas mentres realicei cunha compañeira o traballo optativo para a
materia, no que contamos coa colaboración tanto do párroco coma do restaurador
Suso Caramuxo. Así, nela, puidemos
descubrir que se trata da única igrexa galega, a parte da Catedral de Santiago,
que conta cunha imaxe do apóstolo sentado, que no mundo hai só dez órganos máis
coma o que doou Félix Soage, que cumpre o ano que vén cen anos. Tamén
que a fachada principal é renacentista,
unha das máis importantes de Galicia, e que se semella entre outras á da
Igrexa de San Andrés de Mantua en Italia. Outra cousa que nos gustou moito
foi subir até o campanario principal,
dende o que hai unas vistas impresionantes de toda a vila.
En definitiva, una proposta moi interesante que
me levou a descubrir o verdadeiro valor
do patrimonio cangués e que serviu para
repararmos en moitos dos elementos artísticos e
histórico-culturais que levan décadas no mesmo sitio, porén nós
nunca antes nos fixaramos neles. Debería ser obrigatorio realizar este
tipo de actividades, xa que estou segura de que non son a única que acaba de
reparar no fermosa e interesante que é a nosa parroquia.
7.4.15
CANGAS, RIQUEZA PATRIMONIAL na celebración das V XORNADAS AGOSTIÑO ENTENZA.
A concienciación individual e colectiva de poñer
en valor o patrimonio material do noso concello." Orgullosos do noso"
- o monte comunal, os recursos naturais, o grande e valioso patrimonio
arqueolóxico e arquitectónico - civil, industrial, popular, relixioso, - foi a
constante que trouxo consigo este proxecto.
Queremos o que coñecemos e forma parte de cada un e unha de nós.
Queremos a nosa familia, os nosos amigos e amigas, porque os coñecemos e
forman parte da nosa vida. Todo o patrimonio presente, conservado a través da
historia, que configura a idiosincrasia, identidade e configuración de cada
concello, é algo que temos que interiorizar, defender e proxectar. E para tal
fin debemos coñecer ben o que fomos, o
que somos, sentírmonos orgullosos e orgullosas do pasado e presente, asumindo a
responsabilidade histórica do tempo que nos toca vivir e contribuírmos a entregar
este legado que recibimos aos nosos continuadores.
Ao redor deste proxecto fomentamos desde
principio de curso, nas aulas de Xeografía e Historia, o traballo individual e
en grupo, investigador e documentalista, traballo de campo con conversas con
persoas das parroquias, das artes e da cultura. En distintos formatos -
folletos informativos, rutas turísticas, presentacións, murais, fotografía,
reportaxes, maquetas, aplicacións e webs,… Realizamos tamén visitas guiadas polo casco vello de Cangas, a
cargo da responsable técnica municipal de Turismo, informando e interactuando
co alumnado sobre os principais espazos urbanos e monumentos do noso
municipio. O alumnado de distintos
cursos elaborou rutas, guías turísticas, trípticos, presentacións, vídeos…
sobre o rico patrimonio do concello, valorando a importancia que ten a súa
conservación e aproveitamento para desenvolver un turismo cultural de calidade
que coide e respecte o entorno.
Xa podedes pasar a ver a exposición, mostra destes traballos, e
participar nas charlas-coloquio para cada un dos niveis educativos ou abertas
ao público en xeral pola tarde.
Subscribe to:
Posts (Atom)