29.12.21

20.12.21

O MELLOR DESEXO PARA 2022

Decoramos o centro con obxectos que representaban o nosos desexos escritos en pratos dourados e prateados e con estrelas de papiroflexia que fixemos nas aulas.

15.12.21

CONCURSO DE MÚSICA: EMPANADA EN MONFORTE, C Mirazo, Clioenllamas, O Portughes

"Empanada en Monforte" está interpretada por Gallego ft. C Mirazo e O Portughés. Producida por Clioenllamas, esta canción, pertencente ao álbum O bateeiro (2021), conxuga diferentes estilos urbanos, que é son os característicos da música destes tres artistas que hoxe vos presentamos.

14.12.21

CONCURSO DE MÚSICA: FIGA, Tanxugueiras

Si, estamos a falar de Aida Tarrío e de Olaia e Sabela Maneiro, integrantes do grupo Tanxugueiras e da canción "Figa". Tanxugueiras iniciou a súa angueira musical como grupo arredor de 2016, pero non sería ata 2018 cando publicarían o seu primeiro traballo, que levaba por título o mesmo nome da banda. A este disco seguiulle outro, titulado "Contrapunto", que viu a luz en 2019, e dous grandes éxitos neste 2021, titulados "Midas" e "Figa", que é a que hoxe vos presentamos. Entre os grandes recoñecementos do grupo, ademais de optar a representar a España en Eurovisión, no festival que terá lugar na cidade italiana de Turín en 2022, está ser galardoado cos Premios MIN de la Música Independiente 2018 polo mellor álbum galego, ser consideradas as mellores músicas de Galicia no Certame aRi(t)mar Galiza e Portugal 2019 e gañar os Premios Martín Códax da Música 2019 como mellor grupo de música tradicional e folk, entre moitos outros. Ademais deste "Figa" gustaríanos desde os EDLG do IES de Rodeira, IES María Soliño e IES Monte Carrasco desexarlles moito éxito ás Tanxugueiras no Benidorm Fest. Que a vosa música nos siga sempre representando!

13.12.21

CONCURSO E MÚSICA: MUINHEIRA DE INTERIOR, Boyanka Kostova

Desta volta traémosvos unha muiñeira, pero non unha calquera; nada menos que a "Muinheira de interior" de Boyanka Kostova. Boyanka Kostova naceu en Compostela aló polo ano 2016. A banda, integrada por Chicho González (que xa coñecedes en solitario como Ortiga) e Cibrán García, fusiona os estilos do hip-hop e do trap coa nosa música tradicional. Está considerada a primeira banda de trap en galego. Teñen tres traballos publicados: Vella canción galega (2018), Nova canción galega (2019) e Os dous de sempre (2020), onde se integra "Muinheira de interior". Pouco máis debemos dicir, agás que "Unha noite no muíño, unha noite non é nada, unha semaniña enteira, esa si que é muiñada". Deixámosvos con este temazo para alegrarvos o día :)

10.12.21

CONCURSO DE MÚSICA: COMA SON GOKU, Verto

Volve Verto co seu tema "Coma son Goku". A maioría de vós xa coñecedes a este grupo e tamén este tema, así que o único que nos queda é que desfrutedes del.

9.12.21

CONCURSO DE MÚSICA: NOITES DE VERÁN, FØ Records

Este tema asinado pola banda negreiresa FØ Records estreouse neste ano 2021. FØ Records inicia a súa andaina como banda en 2019 cando lanzan o seu primeiro sinxelo, titulado "A porrallada". Poucos meses máis tarde, en febreiro de 2020, ve a luz "O club do Pitillo" e xa nese mesmo verán, aínda en plena pandemia, publican "Lume", co que gañan o premio Youtubeiras 2020 na categoría musical. A fusión do hip-hop e o trap do seu estilo e a estética diferenciada e coidada dos seus videoclips fan de FØ Records un dos máis prometedores grupos da nosa música actual. Deixámosvos con "Noites de verán". Agardamos que vos guste!

7.12.21

CONCURSO DE MÚSICA: UXÍA, Momboi

A canción "Uxía" é do grupo noiés Momboi. Momboi irrompeu no panorama musical galego no verán de 2018 e desde ese momento non deixou de colleitar éxitos en certames e concertos. O grupo está integrado por Brais Sánchez, Beny Mayo, Carba e André Garabato. O seu estilo musical mestura os ritmos latinos da cumbia ou da rumba con outros coma o jazz, o funk, o folk e o pop. O seu primeiro traballo viu a luz en decembro de 2019 e leva por título "Ofrenda". Entre os recoñecementos de Momboi destaca o 3º posto nos Premios Narf en 2020, o que supuxo un gran pulo na carreira musical destes prometedores músicos. Deixámosvos aquí con "Uxía", esta grande "ofrenda" que nos deixa esta banda. Agardamos que vos guste!

3.12.21

CONCURSO DE MÚSICA: FESTAII, Lil Chachi

Tema de Lil Chachi, nado en Louro 1997, músico e produtor galego adscrito principalmente aos estilos do rap e do pop. A súa andaina musical iníciase arredor de 2016, cando comeza a publicar nas plataformas Youtube e Soundcloud os seus primeiros singles. Case un lustro despois, en febreiro deste mesmo ano ve a luz o seu primeiro álbum, titulado “2021 Montelouro Hills Drive”. Este é o seu primeiro proxecto integramente en galego e nel Lil Chachi amosa cales son seus referentes musicais, que forman parte dos estilos do hip-hop, trap, rap alternativo ou pop rap.

1.12.21

CONCURSO DE MÚSICA: NOITES DE AGOSTO, Ataque Escampe

Tema do grupo Ataque Escampe que comezou a súa andaina como grupo no ano 2001, pero non se consolidaría ata o ano 2008 cando viu a luz o seu primeiro disco. Ademais, entre os seus recoñecementos está o de ser gañadores, na categoría indie/pop, dos Premios da Música Galega en 2014. En canto ao estilo, eles mesmos afirman que escriben cancións con salsa agridoce. Producen músicas tristes para escenarios con cortina vermella, reverbs torturados e himnos á derrota, pero tamén rock’n’roll para desabrochar as camisas, soul hilarante e, por que non, ruído. Textos amargos que manchan as mans con algo que chamaremos optimismo e a estraña melancolía dun crooner extraterrestre.