27.2.20

ROSALÍA NA VOZ DE ROSALÍA

Hai unha Rosalía, eterna e nosa. E hai outra Rosalía que canta e que nos gusta moito ao alumnado adolescente. A nosa Rosalía vén de que estar de aniversario e queriamos agasallala cun regalo especial. E descubrimos que MJ Pérez, unha cantante galega actual, tiña un fermoso proxecto que unía as dúas Rosalías, unha versión do poema "Castellanos de Castilla" da nosa Rosalía coa música da canción "Malamente" da outra Rosalía. Por iso o noso agasallo será cantar esta versión do poema cando vaiamos visitar a nosa Rosalía na súa casa-museo en Padrón. 

Nós xa coñeciamos a dor do emigrante en Adiós ríos, adiós fontes que aprendemos cantar no colexio. En Castellanos de Castilla sentimos o sufrimento do que queda, unha rapaza que perdeu o seu mozo porque morreu a causa do maltrato que sufriu na emigración que os galegos facían a Castela para traballar na sega.

Aquí tedes o poema musicado na voz de MJ Pérez. Nós xa estamos a ensaiar.


24.2.20

DÍA DE ROSALÍA : AMBOS ERRANTES POLO MUNDO ANDAMOS


A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) convídanos un ano máis a celebrar o Día de Rosalía o 24 de febreiro. E centran a nosa reflexión na visión da nosa poeta sobre o ser humano como ser errante, sentindo a dor do que marcha gañar o pan e a dor do que queda. Uns versos que invitan á empatía con todos os pobos que, coma o noso, se ven forzados a marchar e por iso seguen sendo hoxe vacina contra a intolerancia e a xenofobia.


MANIFESTO DA ASOCIACIÓN DE ESCRITORAS E  ESCRITORES EN LINGUA GALEGA NO DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2020

Ambos errantes polo mundo andamos, dixo a muller. Daquela, as xentes silenciadas, ás que lle roubaran ata as palabras, recuperaron o alento. Fixérono de golpe. Souberon decontado o que eran, o que somos. Transmatria errante nunha humanidade errante. Seres humanos que vagaron e vagan; que pularon e pulan; que morreron e morren na procura do pan e da liberdade. Logo, a muller aquela, desafiando leis masculinas, sentenciou: Toda a terra é dos homes e das mulleres. Toda a terra.

Foi evidente entón que ela xa non precisaba apelidos. Sería sempre Rosalía, e había sinalar futuros e denunciar dores e inxustizas. Errantes polo mundo.

A súa palabra inzou poderosa, precisa, contundente. Outra vez os vaivéns da fertuna / para lonxe me arrastran, afirmou, así que axiña entendemos que os camiños nos igualan e os tránsitos nos fan humanos.

Si, Ambos errantes polo mundo andamos! Elas e nós. Ti e mais eu. Nosoutres.

Camiñamos. Marchamos. Fuximos. E, no medio do desamparo, da dor da partida, do mundo deixado e do degoirado, Rosalía amosou o desconsolo de migrar e o afliximento de ficar. Tamén nos aprendeu a ollar, a saber, a ser. Dende entón a nosa voz foi para sempre palabra de muller. No éxodo infinito. A nosa voz errante polo mundo.

Velaquí talvez o inaudito. Rosalía, unha daquelas que debían ser silenciadas pola forza, daquelas que pretenderan enmudecer tantos deuses e leis dun heteropatriarcado opresivo, ergueu a palabra libre e entregóunola. Será por iso que habemos ser unha  anomalía? Unha transmatria errante con voz de muller. Unha nación errante que nos iguala no camiño coas desposuídes. Ambas errantes polo mundo. Mais que é de Rosalía agora? Vivimos tempos duros, sen dó, nos que rexorden discursos de odio e medo. Decotío, vemos homes que acenan carraxes co seu dedo. Berregan palabras de ferro. As vítimas son sinaladas polos verdugos. No entanto, nesta transmatria nosa conservamos armas lilas contra a desolación. Fabricounas unha muller con versos irredentos. Vacinas contra a xenofobia que han formar parte do noso ADN. Sermos errantes ha impedir que a arañeira do odio medre no corazón. Grazas a Rosalía temos o sangue envelenado coa afouteza das que foxen. Infectado con versos que denuncian e nos fan ser as outres. A miseria está negra en torno deles / ai!, i adiante está o abismo!, dixo. Si, o abismo. Cemiterios no mar. Refuxiadas. asasinadas. O silencio.
Cremos por iso en identidades errantes, aquelas que elixamos nós. Ninguén ha decidir o noso xénero nin os afectos. Ninguén nos ha retirar dereitos nin nos ha facer súbditas. Ninguén nos ha expulsar de ningures, porque Rosalía instalou en nós a insubmisión de ser e un futuro para soñar. El serán os seus versos un andazo? Insubmisión na denuncia da violación e da violencia de xénero: que morden si acariñan, que cando miran queiman/ que dan dores de raiba, que manchan e que afrentan. Insubmisión contra o poder e o capital: Embargaránnos todo, que non teñen/ esas xentes conciencia, nin tén alma. Insubmisión contra quen coloniza, contra quen explota: déronlle fel por bebida/ peniñas por alimento.

É difícil imaxinarnos sen Rosalía, como é difícil alentar sen ar ou vivir sen auga. É difícil entendérmonos sen nos saber errantes. Fagamos vivos os seus versos en cada persoa que foxe, en cada ser humano que chimpa un muro, que se bota ao mar, que decide o seu futuro e a súa identidade libremente. Levamos no sangue a valentía de quen camiña e, grazas a Rosalía, sabemos que as errantes tamén somos nós. Contra o medo e a intolerancia. Errantes polo mundo e sempre libres!

Daniel Asorey
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

21.2.20

CHEGA O ENTROIDO!

E dámoslle a saída co noso concurso de coplas e disfraces. Éxito total cunha participación moito maior da agardada!

Pastora abandonou como cada ano a secretaría para sentar na mesa do xurado xunto con tres alumnos -Raúl, Antón e Néstor- e unha alumna -Ángela que son todo un referente despois de seis anos no instituto participando en todas as actividades. O mellor xurado que podiamos ter!


E este foi o fallo inapelable do xurado:

-1º premio: 2º Bach A, pescando aprobados



-2º premio: 1º ESO B, con Grease



- 3º premio: 2º Bach B de bañistas


- 4º premio: 1º ESO C, preparados para as Olimpíadas.




E, coma sempre, éxito total da comparsa do profesorado que este ano ían de exploradores á procura do alumnado que non aparece pola aula.



18.2.20

EROSKI PARAISO: CINE NO AUDITORIO



Nova proxección do Cine Club Cangas no Auditorio. Este venres, ás 21:00 horas, quedamos para ver "Eroski Paraíso" , baseada na obra teatral de "Chévere" e protagonizada por Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo e Cris Iglesias. Narra a historia de Álex (Cris Iglesias), unha nova cineasta que decide facer unha película sobre a vida dos seus pais, que se coñeceron na discoteca Paraíso en 1989, convertida agora nun supermercado.