27.11.14

DESTAPA O GALEGO NOS ESTUDOS CIENTÍFICOS e NOS ACTOS PÚBLICOS.



O alumnado de 2º de Bacharelato da materia de Ética e Filosofía do Dereito preparou unha exposición sobre os primeiros códigos legais da humanidade utilizando o galego na tradución dos textos, nos paneis informativos e no acto de inauguración no que dramatizaron os discursos de destacados persoeiros das nosas institucións.





 

25.11.14

DESTAPA O TEU COMPROMISO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO



Cada vez que se achega o 25 de novembro, o galego convértese no noso instituto en lingua da reivindicación da fin da violencia contra as mulleres e da defensa da igualdade. 







Este ano recollemos lemas por aulas, escribímolas en folios e organizamos un fotomatón contra a violencia de xénero no centro e tamén quixemos levalo á rúa, invitando á xente a fotografarse cos algún dos lemas e enchendo a planta baixa do  instituto con todas as fotos realizadas.







Participamos tamén no acto reivindicativo organizado polo concello no que cada centro encheu unha das prazas do concello a unha hora diferente da mañá para realizar un acto reivindicativo. A nós tocounos a Praza das Pontes, á que todo o alumnado e profesorado do centro chegou en manifestación desde o instituto, con pancartas elaboradas nas aulas. Alí organizamos, na parede dunha antiga fábrica de conservas, un orixinal tendal no que as pinzas suxeitaban carteis plastificados, realizados o curso pasado e tamén este, nos que alumnado e profesorado daban a cara en carteis contra a violencia de xénero. Tamén lemos un manifesto sobre o significado dun acto que ten que comprometernos na loita activa contra a violencia de xénero.





15.11.14

DESTAPA O GALEGO NO CINE



Xa queda moi pouco para a estrea de A esmorga, o filme no que o director Ignacio Vilar leva ao cine a gran novela de Eduardo Blanco Amor. Despois de Pradolongo e Vilamor, recibimos con moita ledicia esta nova produción na que permanece o compromiso coa lingua dun director que só ofrece os seus filmes en galego, rexeitando a dobraxe e accedendo a públicos noutras linguas a través da dobraxe. A produtora Vía Láctea invitounos a conversar con el e cos tres actores protagonistas, Miguel de Lira, Morris e Karra Elejalde, nunha videoconferencia na que foron falando con diferentes institutos. Preparamos moitas preguntas para facerlles e seleccionáronnos tres. Primeiro escoitamos como ían conectando con outros centros e por fin chegou a nosa quenda e puidemos falar con eles. Foi moi emocionante… Tamén temos unha saída programada para ir vela todo o alumnado de Bacharelato e ciclos que queira. Que gusto poder gozar do galego en pantalla grande! 





14.11.14

MAGOSTO 2014


Que ricas as castañas asadas e que animado estivo o magosto cantando e bailando as cantigas populares! Tivemos gaita, acordeón e moitas pandeireteiras … e todo ao alumnado dos equipos ensaiou as letras durante a semana para que saíse perfecto. Gústanos manter unha tradición que o noso pobo leva séculos celebrando. E, como nos podía ser doutro xeito, acabamos emborrallándonos. Aquí tedes algunhas fotos.





 
 



5.11.14

EXPERIMENTAMOS DESTAPANDO O GALEGO NA CIENCIA


O alumnado de Bacharelato aprendeu a través dunha videoconferencia, impartida por Manuel Caeiro Rodríguez, Doutor en Enxeñaría de Telecomunicación e profesor na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación na Universidade de Vigo, a programar ordenadores en galego. Foi unha actividade organizada pola Coordinadora de Equiños de Normalización e realizada, á vez, en moitos colexios e institutos de toda Galicia.



 

Ademais, como cada ano, celebramos o Día da ciencia en galego cunha actividade especial na que colabora todo o centro. Esta vez o departamento de física e química elaborou unha presentación en galego que daba a explicación científica ao que sucedía cando mesturamos mentos cun refresco de cola




A presentación levouse a todas as aulas que se prepararon para realizalo poñendo o nome da aula nunha botella de cola que baixaron ao patio.  Formamos con todas un gran G. Os delegados e delegadas das aulas colocáronse detrás de cada botella mentres se lía un manifesto reivindicativo e, cando se deu o sinal, botaron os mentos nas botellas e o refresco saíu con tanta forza como a que queremos que o galego teña na ciencia e na tecnoloxía. 





3.11.14

DESTAPA O GALEGO NA CIENCIA



Un gran cartel á entrada do instituto reivindica a presenza do galego na ciencia, facendo saír dun matraz palabras en galego da bioloxía, a química, as matemáticas, a electrónica e a informática xunto con fotos e pequenos obxectos tirados dos laboratorio e talleres que o alumnado tiña que saber nomear na nosa lingua.




 

SAMAÍN 2014

Aquí tedes os escenarios gañadores do concurso do Samaín. O primeiro daba vida a un relato popular “O bergantín pantasma”, unha historia de espíritos de pantasmas vagando nas noites de temporal polas illas Cíes, recollida no libro Arrepíos e outros medos por Xosé Miranda e Reigosa (Ed.Xerais 2004).



Hai xa moito tempo que naufragou un bergantín na Punta do Cabalo das Illas Cíes. Tratábase dun bergantín pirata cargado de tesouros, acugulado de moedas de ouro. O seu capitán, un home alto, moreno, de negras guedellas e longa barba, maldiciu aquel día e aquela hora. Non houbo remedio e o barco foi para o fondo con todo o seu ouro e con toda a súa tripulación. Nas noites de temporal, porén, en medio do vento que zoa, do estrépito e tremer dos cables sacudidos, dos bramidos do mar, das inmensas ondas, emerxen das profundidades o barco e a tripulación. Despregan velas, afánanse nas súas tarefas, corren e bolen animadamente, berran e pelexan, intentando que a nave non volva afondar. Son conscientes da súa oportunidade e queren como sexa evitar o afundimento. Só é necesario achegarse á Furna dos Pesos nas noites bravas de inverno e pódese ver. Créanmo. Un bergantín coas velas tensas, dirixíndose dereito contra as rochas, cunha potente luz, resplandecente, pendurada do pau maior, que racha a néboa e deixa ver parte da cuberta. Os mariñeiros son cadáveres, naturalmente, e o capitán berra e esborreca cos ollos vermellos, cos ollos acesos pola ira. Berra e blasfema. Blasfema e xura. Se calma o temporal ou vén o día, o bergantín pantasma vaise coa súa tripulación e os seus tesouros ao fondo do mar. Se cadra, ao día seguinte, un neno se achega ata a praia da Furna dos Pesos. Entre as areas atopa unhas moedas. E entre as moedas, tal vez, uns anacos de óso roidos polos peixes.













O segundo daba vida a un relato de Marilar Aleixandre, Agardando polos morcegos. Conta a historia dun zoólogo que se obsesiona cos morcegos, a partir dunha maldición, e acaba matando á súa muller, tamén zoóloga que traballaba con eles,  convencido de que se transformara en vampiro.





O terceiro premio daba vida ao esquelete de Un ollo de vidro de Castelao, algo modernizado porque escribía a súas memorias nun vello ordenador.





E, por cuarto e último escenario premiado, recreaba a meiga de Torgán do relato de Ánxel Fole.





O texto orixinal premiado foi una creación colectiva do alumnado de 3º D: A aula maldita.


Escribo esta carta cando xa a penas me quedan forzas para resistir. Son a última testemuña da desgraza que se abateu sobre a aula de 3º D. Sei que non teño escapatoria e decidín empregar o meu último alento en contarvos o que sucedeu, antes de que veñan por min.

Todo comezou cando Carla, a nosa compañeira de clase, desapareceu.  Hai uns días o seu pupitre apareceu baleiro e contáronnos que marchara para Madrid. Pero, ao día seguinte, as luces da aula volvéranse vermellas e na mesa baleira de Carla apareceron unhas velas e un camisón cheo de sangue. Berramos e quixemos escapar pero a porta estaba pechada e non se abría. De súpeto, marchou a luz e, cando regresou, decatámonos de que Pablo xa non estaba: esfumárase non sabemos como… Ninguén escoitaba os nosos berros. De novo, escuridade total e agora é Lara a que apareceu cun coitelo atravesándolle a cabeza. Abrazámonos aterrados e intentamos agocharnos pero os asasinatos continuaban. O seguinte foi Ángel, que apareceu cunha corda ao pescozo. Marta non puido resistir máis e botouse pola ventá, esnafrándose contra o chan. O seguinte en caer foi Carlos, devorado por arañas asasinas. Esteban intentou conectar o ordenador para pedir axuda e a electricidade sacudiu todo o seu corpo ata que non se moveu máis. Despois apareceu Lara cun machado cravado e por último Adrián, envolto nunha gran arañeira que o deixou sen respiración.
Só quedo eu e xa comprendín que non teño escapatoria. Non aturo esperar imaxinando a terrible morte que me espera. Por iso poñerei eu mesma fin a miña vida. Cando atopedes esta carta, pechade esta aula maldita para sempre.