29.4.16

CON HÉCTOR CAJARAVILLE


Ímosvos contar un feito “histórico”, cando menos irrepetible…… Abril de 2016, seis meses despois da morte da Bieito Sanmarful, súa nai chega á redacción do diario….e tamén en abril de 2016, Héctor Cajaraville chega a Rodeira para falarnos de De remate. Irrepetible, verdade?

SI, veunos visitar Héctor Cajaraville Araújo, compostelán de nacemento , xornalista en diversos medios, corrector de diferentes selos editoriais e amante da lingua ante todo. É coautor do Dicionario Xerais de Secundaria e Bacharelatro (Xerais 2014), ten publicacións relacionadas coa prensa e destaca no eido literario con obras como «Quen dá a quenda?», finalista do Premio Merlín 2015,«Vidas cruzadas», Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil 2015 , “Once portas”, gañador do XVIII Certame de Narración Curta Ánxel Fole e «De remate», Premio Xerais 2015.

En De remate os mozos e mozas de 2º de bacharelato de Rodeira descubriron unha maneira diferente de narrar, con diferentes rexistros lingüísticos que combinan os matices da sociedade galega , cargados de ironía e humor, coa evolución da vida do protagonista cun ton puramente reflexivo. Foi unha xornada apracible, onde o alumnado “espremeu” ao máximo a presenza do autor, co que quedaron engaiolados e engaioladas por achegalos dun xeito tan fresco e amable á literatura actual. GRAZAS HÉCTOR.



 
 
 

28.4.16

ÉXODO. A VIAXE DE BURHAM

 
A Réplika, o grupo de teatro do instituto, vén de estrear, na XX Mostra de Teatro de Ensino Secundario que se celebra no IES Johan Carballeira de Bueu, a obra Éxodo. A viaxe de Burham. Foi un espectáculo diferente que fuxiu do escenario e se deixou rodear polo público, invitándoo a mergullarse no conflito sirio a través dunha historia contada por actores e actrices pero tamén por bonecos e xogos de luces e sombras. Teatro comprometido que conmove e invita á denuncia e ao compromiso por un mundo diferente. Os nosos parabéns a Juan Riobó, autor da idea e do texto, e ao alumnado do grupo de teatro polo traballo realizado.
Os que non puidestes ir á Mostra, teredes unha nova oportunidade de ver este espectáculos no Auditorio de Cangas no VII Ciclo de Teatro Afeccionado CITEAMOR. Non deixedes de ir!


27.4.16

EM VISEU



Comezamos a viaxe cara Portugal o día 27 de abril ás 8 da mañá, aínda que tiñamos que estar diante da porta do instituto ás oito menos cuarto. Logo de tres horas e media de viaxe  chegamos á estación de autobuses de Viseu, onde nos agardaba  Ana, a guía portuguesa. Despois de presentarse visitamos a Cava de Viriato, un antigo campamento da época romana posteriormente ocupado polos árabes, e logo subimos nun tranvía ata a parte alta da cidade onde visitamos o Museo Grão Vasco, onde a guía nos explicaba os detalles máis característicos da obra pictórica deste importante pintor portugués do século XVI. Logo dun tempo de  lecer para o xantar, continuamos coas visitas polo casco histórico de Viseu, entramos na Sé Catedral e no seu claustro, percorremos a Praza e a Igrexa da Misericordia, a Praza de Don Duarte, a Praza do Rossío, e polo camiño admiramos unhas "janelas manuelinas" e restos das portas e murallas da vila. Despois doutro tempiño de descanso encamiñámonos á pousada para cear e durmir, é un dicir.





22.4.16

DÍA DO LIIBRO EN GALEGO

Con motivo da celebración do Día do libro invitamos ao alumnado a gravar vídeos falando dos seus libros favoritos en galego. Aquí tedes unha selección dos traballos presentados.





SEMANA DA CIENCIA


Do 18 ao 22 de abril celebrouse, como cada ano no IES de Rodeira, a Semana da Ciencia. Foi moito o alumnado e profesorado que se achegou cada día durante os dous recreos para participar en diferentes actividades e obradoiros, propostos e desenvolvidos desde os departamentos  dando o papel protagonista ao alumnado.
Foi o mellor momento para invitarmos a toda a comunidade educativa a reivindicar a necesaria presenza do galego na ciencia e na tecnoloxía. Fixémolo desde un gran mural forrado con follas de libros de texto en galego de matemáticas, física e química e tecnoloxía. Nas clases de matemáticas construímos estreliñas en 3D coas que demos forma ás letras dunha recreación da fórmula da Einstein. 




Coa axuda do alumnado dos primeiros cursos da ESO, o departamento de Bioloxía centrouse na botánica. 



O departamento de matemáticas demostrou que a verdadeira maxia está nos números.  Os trucos de maxia coas cartas feitos por dous alumnos maiores foron o prato forte desta semana.  A súa destreza e habilidade, adiviñando cartas escollidas ao chou e números que pensabamos, deixaron abraiados a profesorado e alumnado.

 
 

 


Unhas alumnas de informática de bacharelato demostraron como os nosos ollos poden ver en tres dimensións imaxes planas a través dunhas lentes especiais que as xuntan creando unha ilusión óptica. 





Tamén puidemos saber, grazas ao alumnado maior de física e química, que sucede cando botas ácido sulfúrico en azucre, como queda un ovo despois de tres días en vinagre, como é o polietileno ao desincharse botándoo en acetona… ou comprobar a tensión superficial da auga cravando varios lapis nunha bolsa con auga sen que esta caia.







20.4.16

OUTRO XEITO DE IR Á PRAIA


Mércores 20 de abril pola mañá. Hoxe o alumnado de 2º da ESO  fomos á Praia dos Alemáns, alá no límite de Cangas con Tirán (Moaña). A miña felicidade estaba presente só porque perderiamos unha chea de clases. Pero na praia iamos facer un traballo de Naturais: nada de mollarse, nadar, mergullar, xogar, nin nada divertido que se poida facer na praia. “Home, igual é entretido”, dicía unha parte positiva de min.

Aló polas doce. Arredámonos do instituto para chegar á praia.  Non imaxinaba que estivese habitada por tantos seres cuxos nomes nin coñecía, como as lapas, as navallas...É que de mar sei ben pouco. En clases previas xa prepararamos os grupos e aprenderamos a manexar todo –termómetros, compases, ácido clorhídrico, alcohol etílico, unha malla de 25 cm²para calcular a densidade de poboación das lapas, papeis para facer a proba do PH- e colleramos os botes e as guías de flora e fauna do medio e de actividades para realizar, polo que fomos directamente a traballar, cadaquén no seu grupo, preparados cun caderno e un lapis para anotar os resultados.

Pasada a unha. A hora na praia pasou case tan rápido como cando xogas aos videoxogos, quizais máis do que me gustaría. Xa situaramos o vento, os tipos de nubes, tomaramos as temperaturas da auga, da area e do aire; a media de lapas dunha rocha, observaramos os métodos de defensa das anemones e dos tomates do mar, vimos como as cunchas dos caramuxos se enrolan no sentido das agullas do reloxo, botarámoslles non sei que ácido a non sei que, esculcaramos os caramuxos, as lapas, as algas, os liques… E aínda quedaban preguntas da ficha por responder!

Chegando ás dúas. Xa estamos de volta na aula. Andamos paseniño para chegar o máis tarde posible. No percorrido estiven cavilando sobre a saída. Teño que recoñecer que foi moito mellor do que esperaba. Levei o bote coas algas ao laboratorio e din por rematada esta curta pero intensa experiencia coa que aprendín unha morea de cousas sobre o biotopo mariño e da costa.





18.4.16

PARLAMENTO XOVE 2016


Este ano o Parlamento Xove foi unha grandísima novidade para moitos de nós. O IES de Rodeira leva moitos anos participando nesta iniciativa, xa fose con grupos da ESO ou mesmo de bacharelato, pero este ano o noso instituto levou tres grupos preparados para dalo todo nos debates: un grupo na ESO formado por alumnado de 4º: Lara González, Alexandru Ionescu, Ismael Alonso e Manel Iglesias, e os outros dous grupos restantes formados por alumnado de bacharelato: por unha banda, Antía Ordóñez, María Santos, Martiño Estévez e Cibrán López e, pola outra, Luís Martín Carnero, Ana Gómez, Ana Vilanova e Belén Rodal, os veteranos das anteriores edicións do Parlamento nas que Rodeira participou.

A primeira fase celebrouse os días 4 e 5 de marzo en Culleredo, cun tema que, nada máis lelo, deunos moitas crebaduras de cabeza: Determina o papel do profesor/a o futuro dos mozos e mozas? Podiamos pensar que nada está determinado, que influír e determinar poden significar o mesmo… Non sabiamos exactamente como defender ningunha das dúas posturas pero, ó final, conseguímolo. Dos tres grupos que participamos, os de 2ºde bacharelato, sendo este o seu último ano como participantes nesta iniciativa, conseguiron pasar á fase final do Parlamento Xove, defendendo en ambas posturas o seguinte tema: O machismo adolescente segue presente na nosa cultura?

Persoalmente, esta é unha experiencia totalmente gratificante que nos axuda a mellorar en moitos aspectos, tanto na capacidade de oratoria, coma no traballo de investigación, de debate e mesmo na socialización. Axúdanos a reflexionar sobre temas nos que nunca nos parariamos a pensar e tamén a dominar os nervios sen deixar que sexan eles os que collan as rendas.

O esforzo, o traballo, as tardes de bocata e debate xunto coas crebaduras de cabeza, valeron moito a pena. Esperemos que Rodeira siga participando durante moitos, moitos anos máis e tendo aínda moito máis éxito do xa obtido!




 
 
 
 

15.4.16

COMO EVACUAR O CENTRO?

Así de guapos e guapas saídes no vídeo que gravamos no instituto para aprender a evacuar o centro de forma ordenada. Atentos todos que calquera día destes teremos un simulacro!



11.4.16

CANGAS NO MUNDO DA EMIGRACIÓN

Na sexta edición das Xornadas de Xeografía e Historia “Agostiño Entenza”, Cangas no mundo, tiven a sorte de poder asistir a unha charla coloquio sobre a relación de Cangas co mundo da emigración.
Catro homes veciños da vila de Cangas, que no seu tempo viviron e sufriron a lacra da emigración en primeira persoa, viñeron contarnos as súas experiencias e vivencias. Eles foron uns deses milleiros de galegos e galegas que un día abandonaron a súa terra en prol dun futuro mellor.
Para min son uns heroes, xa que ter que abandonar todo por un mundo que non coñeces, separarte dos seres queridos, estar tanto tempo sen ter noticias deles, porque só se comunicaban por carta e ás veces tardaban varios meses en chegar ao seu destino, merecen todo o meu respecto e admiración.
Contáronos as súas experiencias e lembranzas mediante anécdotas, iso sí, sempre con humor. Falaron dos malos momentos, así como do choque cultural, dos problemas co idioma, da morriña, da saudade pola ausencia dos seres queridos, da súa loita diaria por saíren adiante, do duro período de adaptación… Unha loita sen fin! Pero como di o refrán : O que non te mata faite máis forte. Como me soaba a min todo aquilo! Cantas veces o escoitara eu en boca do meu avó! Pero… non só houbo malos tragos, senón que tamén hai que ter presentes, e isto recalcárono moito, feitos que lles brindaron divertidas situacións, como podían ser os malentendidos debidos a comunicación nun idioma que lles era alleo. Para rematar , insistiron que aínda que hoxe en día esteamos máis preparados para emigrar, que loitemos e nunca renunciemos ao noso e a nosa a terra.
O testemuño destes homes foi moi emotivo para min, xa que o seu relato me resultou moi familiar. Chámome Clara Costas, estudo 1º de bacharelato e SON NETA DE EMIGRANTES! Con tan só 25 anos, o meu avó Emilio colleu un barco no porto de Vigo rumbo ao descoñecido, rumbo a Arxentina. Toda a súa curta vida metida nunha maleta. Aquí deixábao todo, os seus amigos, a súa familia e a súa noiva. Aínda se lle pon un nó na gorxa cando lembra o momento da despedida! Marchou sen saber se algún día volvería. A emigración supoñía a ruptura da unidade familiar. Os homes marchaban e as mulleres quedaban converténdose nas s viúvas de vivos e as viúvas de mortos das que falaba Rosalía no seu célebre poema.
Tres anos despois uníase a esta “aventura“ a miña avoa Lola. Meu avó, máis ou menos adaptouse a vida alí, pero a miña avoa pasouno moi mal. Tiña moita morriña, botaba moito de menos a súa familia e a súa terra. Todos os días soñaba con regresar e sempre tivo claro que nese país estraño non quería morrer e que algún día volvería a Galicia. E así foi. Retornaron ao seu Bueu natal 19 anos despois. Incrible, estiveron todos eses anos sen ver aos seus familiares! Nada máis pisar chan galego, tiveron claro que ían regresar, pero daquela sería para sempre. Así, o 21 de decembro de 1977 deixaban definitivamente Arxentina. Por fin o soño da avoa Lola viuse cumprido. Estaba a carón dos seus e coa ilusión dunha nova vida por diante. Despois de 20 anos polo mundo estaban na casa! E como di o famoso tango de Gardel  : Sentir que es un soplo la vida/ que 20 años non es nada…”
Nunca máis volveron a Arxentina, aínda que deixaron alí grandes amigos, case todos emigrantes galegos e fillos de emigrantes. Algúns veráns veñen a Galicia e xúntanse para lembrar fermosos momentos que compartiron xa hai uns cantos anos. E por suposto estrañando e botando en falta a miña querida avoa Lola, que emprendeu outra viaxe pero esta vez para non volver nunca máis. Non está con nós fisicamente, pero perdura e perdurará a súa lembranza.


5.4.16

CANGAS NO MUNDO

Cartel e programa das Xornadas Agostiño Entenza, organizadas polo Departamento de Xeografía e Historia que comezan hoxe mesmo, con exposicións e charlas centradas nas historias de cangueses e canguesas lonxe da súa terra natal. Anotade na vosa axenda para non perdervos nada!

4.4.16

ONDE OS BURROS NON DEBEN DE IR


Este curso as vacación de Semana Santa foron en marzo e volvemos a tempo de celebrar o 1º de abril, o día tradicional das bromas, aínda moi vivo entre a xente maior do Morrazo que nos contou as bromas que se gastaban ese día no que  van os burros onde non deben de ir. Tamén se repartiron adhesivos coa forma dun burriño e o refrán escrito.
 
Soubemos ademais que esta é a data que se celebra en Europa, elaborando "Poissons d'avril" na clase de francés.


1.4.16

OS GRANDES


Debe ser boa cousa chegar a grande. Os grandes son donos de si e do mundo. Fan e desfán, gobernan, arman o merlo con guerras, negocios e canta trangallada hai. Pero, como di a madriña, “non é ouro todo o que reloce”. Os grandes teñen as súas tristuras e desacougos. E ás veces inda nos gañan en rapazadas. De non ser así non se encabuxarían cando lles sinalamos que algo está mal.
Neira Vilas. Memorias dun neno labrego

----------------------

 Que rapaz non soñou nunca con ser independente? Os grandes organizan e desorganizan todo, contan con miles de vantaxes, pero tamén é certo que lles toca todo o complexo: traballan moitas horas para conseguir cartos, coidan de nós… Aínda que sempre hai algún deses tan famosos que saen na televisión que se saltan todas as normas… Pero nin sequera o máis sabio dos grandes sabe que facer para que non haxa guerras. Todos e todas somos diferentes e os grandes non parecen saber entendelo e forman liortas moito máis graves que as que temos os cativos. Sempre nos din a nós que non temos suficiente madurez e siso para algunhas cousas coa típica fraseciña de “cando sexas maior xa o entenderás” pero eles foron nenos e non nos entenden. Pero ser pequeno ten a súa parte boa, sen tantas obrigas como teñen os adultos. É como mellor se pode estar!
Andrea González, 2º ESOB
----------------

 Os maiores teñen poder sobre nós. Se eles fan algo mal ou esquécense de calquera trapallada non pasa nada pero se nos pasa a nós… A min encantaríame ser maior e poder facer o que te veña en gana coa túa vida. O malo de ser maior é que cada vez te vas afastando máis das cousas de nenos que a min me encantan.
Mario Santos, 2º ESO

-------------------------
Hai persoas maiores que nos transmiten valores, que son xenerosos e humildes, un bo exemplo para nós. Tamén os hai egoístas e avaros, ademais de mesquiños e ruíns e dedícanse a estafar a outras persoas e a roubar. Hainos enfermos e tolos, que só pensan nas súas ideas e non atenden a razóns, mentres que outros son totalmente ao contrario.
Por sorte hai maiores moi bos e amábeis que demostran que todos podemos converternos en persoas de proveito e encantadoras. Os demais supoño que son como un recordo que é mellor esquecer, a non ser que queiramos pesadelos.
Paula Gil, 2º ESO A

-----------------------------

 Eu sempre quixen medrar, ser maior, non ter obrigas nin preocupacións de ningún tipo. Facer o que se me antollase cando se me antollase. Pero agora xa non quero ser maior. Os maiores están sempre estresados. Nunca teñen tempo nin para falar con nós. Ademais moitas veces dinnos que non fagamos cousas que eles mesmos fan. Desde pequenos dinnos que mentir está mal, que non se debe facer, e é verdade, pero eles tamén menten moitas veces. Se eles  o fan, non pasa nada pero se mentimos nós, castígannos de por vida.
Cristina Ordóñez, 2º ESO A

--------------------------------

 Non quero ser grande. Os maiores teñen moitas preocupación e moitas cousas que facer. Eu quero gozar da miña vida de rapaza. Aínda que os grandes ás veces tamén fan rapazadas, non sempre entenden aos nenos. Como queren que quedemos calados e quietos nunha clase tantas horas? É imposible. Ou cando nos levan con eles a xunto de alguén e queren que nos portemos ben, pero que facemos nós alí? Escoitarmos algo aburrido e que non nos interesa. Como imos aguantar? A pesar diso, gústame ter grandes ao meu redor. Síntome protexida. Teñen máis sentido común ca nós, polo menos algúns...
Os maiores cren que nós non pensamos nas cousas que eles fan ou no que pasa pero non é así. As súas actitudes dannos moito que cavilar. Ás veces as súas discusións magóannos porque non queremos velos mal… Miña nai dime que en ocasións é difícil ser grande pero que é bonito ver como pasa o tempo, como vas medrando e como vai transcorrendo a vida. Penso que ten razón. Todo virá ao seu tempo.                                                                                       
Andrea Rivas, 2º ESO A