30.5.16

CORRELINGUA 2016


Non quería a chuvia que os centros do Morrazo celebrásemos este ano a Festa da Lingua. Mais non nos demos por vencido e desfiamos as negras nubes da mañá e acabamos gozando do sol. O alumnado de dinamización de 1º e 2º da ESO dirixiu e animou os xogos dos máis pequenos e o resto acompañamos a marcha polas rúas de Cangas detrás da pancarta “O galego está en nós”. Logo veu a lectura do manifesto na que participaron Tomás e Rubén e a actuación de GramolaGominola. Pechamos o acto cantando os poemas “O cuco” e “Galiza” de Manuel María. Unha gran festa.  Parabéns a cantos axudastes a organizala e a todos os coles e institutos participantes.






                                                                                                                                                                                       

20.5.16

ROTEIRO LITERARIO POR CELANOVA


Na Casa dos poetas, o alumnado de 2º da ESO puidemos achegarnos á experiencia vital de CURROS ENRÍQUEZ, percorrendo a casa na que viviu de neno ata que os problemas co seu pai fixeron que marchase e se instalase en Madrid. Soubemos dos poemas cos que gañou un concurso poético en Ourense: "O gaiteiro de Penalta", "Unha voda en Einibó" e "A Virxe do Cristal" e observamos nunha maqueta onde están estes lugares, moi próximos a Celanova. A Casa, convertida en museo, garda obxectos persoais como os seus anteollos e textos manuscritos que o seu pai, que era escribán, lle facia copiar. Tamén está súa obra: Aires da miña terra e O Divino sainete, que lle trouxeron tantos problemas coa igrexa, cuxa opulencia criticaba. Curros marchou vivir para a Habana. Foi un poeta pobre pero moi querido polo pobo. Vimos a coroa de loureiro e carballo da súa homenaxe na Coruña e tamén as fotos do seu multitudinario enterro e a primeira bandeira de Galiza que envolveu o seu féretro na viaxe da Habana a Galiza. 

Percorremos tamén o Mosteiro de Celanova, o seu claustro, onde comemos, refuxiándonos da calor exterior, a súa igrexa, o pequeno tesouro da capela mozárabe de San Miguel e  tambén a biblioteca do instituo de Celanova, situado no propio mosteiro. Na praza, despois de comer, lemos algúns poemas representativos da obra de Curros como A Igrexa fría.

Tamén era de Celanova, o poeta CELSO EMILIO FERREIRO e visitamos no mosterio o Arquivo, un lugar de difícil acceso porque os monxe medievais gardaban alí os libros que copiaban a man, o seu maior tesouro. Foi tamén onde encerraron a Celso Emilio, denunciado por uns veciños por criticar o réxime franquista. Alí escribiu o primeiro poema do seu libro máis emblemático, Longa noite de pedra, que Uxía leu para nós. Os seus versos describen moi ben como o ambiente desta habitación toda de pedra e á que só se pode acceder por un estreito balcón se identifica cos sentimentos do poeta que teme pola súa vida despois de traizón sufrida.

O teito é de pedra.
De pedra son os muros
i as tebras.
De pedra o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as fenetras
o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as olladas,
son de pedra.
Os corazóns dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están tamén
de pedra.
I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra.

O percorrido rematou na biblioteca, onde lemos outros poemas de Celso Emilio




  










19.5.16

A CACHIZA (ou billarda ou estornela)


A cachiza é un xogo popular que consta dun pau longo e outro máis pequeno con punta nos extremos, a cachiza. O gañador da nosa competición foi Brais Ruíz, de 2º da ESO. O número de xogadores é infinito e pódese xogar nunha pista de terra. Hai cinco roldas nas que os xogadores levantan a cachiza que está no chan co outro pau e, xa no aire, danlle un segundo golpe que o lanza a distancia. intentando chegar cun mínimo número de lanzamentos ata unha zona delimitada. O primeiro en chegar en cada rolda gaña 5 puntos. o segundo, 4… e vanse sumando os puntos. Aprendéronnos así un xogo do tempo dos nosos avós, unha divertida  forma de entreterse e facer exercicio para a que só precisas elementos da natureza.



 

18.5.16

FESTA DAS LETRAS GALEGAS

Reunímonos no patio para celebrar a festa do 17 de maio pero tamén de todos os días do ano nos que facemos do galego unha lingua viva, na que falar, escribir, cantar, berrar, tuitear ou whasapear. 
Convocounos o orgullo por termos unha cultura propia que resistiu os momentos máis duros e instaurou, en pleno franquismo, a festa das Letras Galegas no aniversario da publicación dos Cantares de Rosalía.  E desde entón cada ano afirmámonos na nosa identidade propia reencontrándonos cunha figura destacada no compromiso coa nosa lingua e cultura. Este ano foi, é, o poeta MANUEL MARÍA.
 
Manuel María –xa o sabedes- é o meu nome
feble, corto, esguío e tan desamparado
que sempre o usei sen apelidos.
Un nome humilde como a brisa que fai
ondear as centeeiras, unha folerpiña
de neve –un salouco só que o ar desfai que
non pode chegar ao chao sen derreterse.
Un nome como tantos, sinxelo e do pobo.


Moito escribiu Manuel María: teatro, ensaio pero sobre todo poesía. Alumnado e profesorado recitaron algúns dos seus versos para gañar unhas riquísimas galletas que levaban o galego escrito na forma dun gran corazón.

Comezamos coa poesía que Manuel María fixo para nenos e nenas. Porque el sabía ben que a nosa lingua non se normalizará mentres non sexamos quen de transmitila de xeito natural aos máis pequenos da casa, esa cadea que se rompeu no franquismo con prexuízos absurdos que aínda non demos superado por completo. Para que poidan ler, xogar e cantar en galego,  para eles escribiu Manuel María teatro infantil e tamén poesía. 1º ESO A rapeou  “Señor  Gato”

Señor Gato:
atención;
no rincón
hai un burato;
no burato
está o rato
caladiño,
acolchadiño,
sen falar
nen respirar.
1º ESO B xogou recitando “A roda roda”
 
Están en corro as neniñas
formando unha roda-roda.
E cantan esta canción
que nunca pasa de moda:
—Polo fondo do mar,
matarilerile;
polo fondo do mar,
matarilerón
vai voando unha sardiña
cunhas alas de latón.

A lingua galega non é en Manuel María só un instrumento para escribir.  O amor pola lingua, o desexo de que os galegos e galegos nos sintamos orgullosos desta herdanza, a necesidade de defendela e conservala enche os seus poemas. Un dos seus poemas máis coñecidos é o poema “A fala” que recitou o alumnado de 1ºESO C e de 2º ESO.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!

Non podemos lembrar que temos unha lingua só o Día das Letras Galegas.  Lía lémbrounos que a nosa lingua ten que ser unha “Canción para cantar todos os días”.

O idioma somos nós, povo comun,
vencello que nos xungue e ten en pé,
herencia secular de cada un,
fogar no que arde acesa a nosa fe.
 
Manuel María medrou nunha ditadura que fixo necesaria a poesía social,  a rebelión contra un sistema asfixiante, sen liberdades. A súa arma principal nesa loita será a ironía. O Alumnado de 3º ESO recitou a “Teoría ético-poética ou poema para non cheirar unha frol”. E o alumnado de 4ºESO A, “Bando”.
Prohíbese, por orde da Alcaldía,
que medren porque si
as rosas do xardín municipal.
Dende agora as pombas teñen
que pedir licenza para voar. ..

Pero as auténticas paixóns de Manuel María son a natureza, o contacto coa terra, dun home que se sentía labrego da Terra Chá, e o amor, sempre e por riba de todo, o amor. Manuel María foi deses afortunados que atopan o amor verdadeiro, ese que transforma e dá sentido á vida e á poesía.

Só, de verdade, vale o amor vivido:
aquel que pode vencer a nosa dor
e liberarnos da nada e do olvido.

E xa para rematar, o profesorado lembrou que no seu papel de transmisor de valores está o de aprender ao alumnado a saber de onde vimos, a querernos a nós mesmos, a afirmar os pés nas propias raíces para abrirnos desde quen somos á diversidade cultural do mundo, recitando o poema “Galicia”.

Galicia somos nós:
a xente e mais a fala.
Se buscas a Galicia
en ti tes que atopala!

Unha lingua para falar aos nenos e nenas, na que xogar e cantar; unha lingua para berrar contra as inxustizas e a falta de liberdade; unha lingua coa que defender a natureza e o medio que nos rodea, unha lingua na que amar, unha lingua na que sentirse dun pobo e dunha terra… este é o legado vivo de Manuel María que celebramos.E invitamos a todos e todas os que comparten o amor pola nosa lingua e cultura a facer un gran corazón humano no centro do patio. 





E logo pechamos o acto cantando o noso HIMNO.  
E seguimosa festa con música, baile e xogos populares.



13.5.16

ESPALLANDO VERSOS DE MANUEL MARÍA


 Desde a volta de vacacións de Semana Santa, nas aulas de galego fomos seleccionando os nosos versos de Manuel María preferidos. Con todos eles fixemos unha presentación. Uns días antes do 17 de maio, saíumos ás rúas de Cangas para colocalos en todo tipo de establecementos. Debiamos falar en galego cos encargados dos locais e solicitar o seu permiso. Custounos ao principio vencer a vergoña pero axiña collemos confianza e enchemos o centro de Cangas de follas de cores plastificadas cos seus versos. Gustounos moito a actividade e valeunos para observar e reflexionar sobre os prexuízos lingüísticos xa que algunha xente maior sorprendíase de escoitarnos falar en galego e mesmo algún tratou de convencernos de que así non chegariamos a ningunha parte. Estas actitudes axúdanos a entender que a xente nova falando galego con normalidade é o mellor xeito de superar prexuízos e avanzar na normalización do galego.


4.5.16

SEDIAME EU NA ILLA DE SAN SIMON


O pasado mércores 4 de maio o alumnado de 3º ESO fomos visitar a Illa de San Simón.  Despois dunha viaxe de case unha hora, que se nos fixo moi agradable pois podías ir na parte de arriba do barco e corría unha lixeira brisa mariña, chegamos á illa onde nos agardaban as guías que nos explicaron as normas que había que cumprir para visitar a illa.
Máis tarde empezamos o percorrido polas distintas zonas da illa, mellor dito das illas, porque son dúas, a de San Simón e a de San Antón. A primeira visita que fixemos coas guías foi a unha pequena igrexa na que destacaba unha estatua de San Simón manco. Dise que esta manco porque os monxes que daquela habitaban a illa agachaban os obxectos de valor na figura para que os piratas nos as atopasen pero estes que sabían tal feito cortáronlle os brazos para ver se había algo no interior.
Despois fomos ver unha estatua que había no medio do mar do capitán Nemo, con dous buzos, pois na obra de Xulio Venre "Vinte mil leguas de viaxe submarina" cóntase que o capitan Nemo estivo aquí recuperando o tesouro da batalla de Rande. Fomos logo a unha esplanada que había preto, onde na época en que a illa foi "colonia penitenciaria" durante a guerra civil e primeiros anos do franquismo, os xefes e vixilantes facían o reconto dos reclusos e botábanlles as arengas. Houbo casos de presos que tentaron fuxir pero ningún o logrou, aínda que na illa hai un túnel que segundo nos contaron foi feito polos monxes e logo descuberto polos reclusos. Vimos logo un paseo rodeado de buxos, onde segundo contan polas noites hai pantasmas.
Na outra illa, a de San Antón, na época en que as illas funcionaron como lazareto, dende mediados do século XIX ata 1927, estaban os enfermos más graves. Había unha ponte, con dúas portas para evitar o contaxio entre as dúas illas. Nesta illa tamén vimos un pequeno cemiterio e unha exposición sobre a historia da illa, con fotos dalgúns presos.

Hoxe na illa só se celebran actividades culturais, entrega de premios literarios, recitais poéticos... Antes de voltar recitamos a cantiga de Mendinho na que se fala da illa de San Simón. A viaxe de volta foi tamén moi agradable, aínda que xa non había tanta brisa e si moito sol.