30.4.20

CANTÁDEME UN MAIO



A grave crise sanitaria que estamos a atravesar fai que este ano non poidamos celebrar a festa dos Maios na rúa. Queremos sumarnos ao chamamento para que o domingo, día 3 de maio, se che presta, publiques na rede as coplas (letras ou vídeos cantándoas) e as fotos dos Maios feitos co material que teñas na casa. Emprega o cancelo #CantádemeUnMaio nas túas publicacións. Esa iniciativa quere dar a voz a un elemento da nosa oralidade, da nosa cultura, que pide que non a canceles.


E por se non sabes como facer o maio, aí van estes vídeos explicativos sobre como facer un maio tradicional.


e estoutro por se estás nun piso e non podes saír á natureza, para que o fagas con material de refugallo.


TODO O DÍA NA CASIÑA


Magín Blanco preséntanos Todo o día na casa, canción na que describe o día a día  dos máis pequenos e pequenas da casa neste confinamento. A Secretaría Xeral de Política Lingüística promove  este videoclip con animacións da pintora, ilustradora e profesora Luz Beloso e coas voces de grandes referentes da música galega como son Paty Lesta, Uxía, Guadi Galego, Rosa Cedrón, Carmen Rey, Mari Faltri, Paula Romero e María Costa.
Seguro que moitos de vós vos sentides reflectidos na historia que narra a canción.
Ánimo que xa quedou máis!


27.4.20

FÍO DE TEMAZOS EN GALEGO

Engánchate ao  Fío de música en galego que nos propón Hena e enche de música en galego a túa corentena.


26.4.20

25.4.20

O IES de RODEIRA CANTA GRÂNDOLA DESDE A CASA

Era unha das actividades do noso proxecto: despois do achegamento de toda a comunidade educativa ao 25 de abril no Día da Paz, tocaba agora cantar Grândola. O confinamento recluiunos na casa mais non puido deter as nosas ganas de cantar este himno á democracia e á liberdade.



23.4.20

POESÍA GALEGA E BRASILEIRA NO DÍA DO LIBRO

Ela chámase Silvia Penas e naceu en Vigo en 1980. Publicou o seu último libro, Fronteira paraíso, nunha editorial brasileira que ten sede en Pontevedra: a editorial Urutau.


Nesta editorial Urutau tamén publica o brasileiro Augusto Meneghim, poeta e artista plástico do que Silvia Penas nos recomenda  O mar sem nós.



20.4.20

LUZ POZO

Neste tempo de confinamento volvemos falar de perdas. Deixounos Luz Pozo Garza. Quédanos para sempre a súa voz, unha voz que quebrou normas e modelos. Muller culta, voz pública feminina, pensadora e activa con forza propia, lonxe dos convencionalismos estéticos.

Nacida en Ribadeo en 1922 foi poeta, ensaísta, filóloga e catedrática de literatura no ensino secundario e membro da Real Academia Galega desde 1996.

A súa voz poética medra sen medo, con atrevemento, explorando cun sorriso aberto desde aquel poemario O paxaro na boca (1952) nos anos da ditadura ata o seu derradeiro Pazo de Tor (2019). Con Luz fala a soidade, o desamor mais tamén a liberdade, o amor, a sensualidade, a plenitude vital, a transcendencia e o misticismo.

Illas Cíes, poema publicado no libro Prometo a flor de Loto, 1992

Nas Cíes descubrimos a pericia das aves
e a medida celeste onde reside a luz

Bañámonos nas ondas
a compartir sulagos con dóciles palmípedas
e cunchiñas de nacre                                                        

Con labios exaltados bicábasme nas tempas
E querías que fora a raíña dos mares
Ou deslizabas verbas secretas nos oídos

Nos xogos inocentes
Debuxei no teu peito os signos da alegría
Despois grabei na area os símbolos da patria:
espirais
caracolas
esvásticas solares
Cousas do paraíso…

Naquelas latitudes oceánicas azul
azul delirio
tracei como remate un labirinto tácito
para salvar o amor

Aquí podedes escoitar os seus versos, nunha homenaxe a Luz Pozo, na voz de Yolanda Castaño.

16.4.20

APRENDENDO COAS MULLERES GALEGAS QUE DERRUBAN FRONTEIRAS

Unhas sinxelas fichas -un recurso novo da Secretaría Xeral de Igualdade- achégannos,  a seis mulleres galegas das que derruban fronteiras, seis referentes que todos e todas debemos coñecer e dar a coñecer.



Considerada unha das máximas representantes do Surrealismo, a súa obra destaca en todos os ámbitos por unha constante e innovadora evolución artística.

Dedicouse principalmente á literatura infantil e xuvenil acadando un amplo recoñecemento polas obras Anagnórise e Guedellas de seda e liño.

Chegou a Galicia con 23 anos para exercer como mestra preto de Ferrol. Non só ensinou a escribir a nenos e nenas, senón tamén a pais e nais analfabetos. Ademais de mestra foi inventora, deseñando o que se considera o primeiro prototipo do libro electrónico.

Ao longo da súa vida estudou a situación das persoas presas nos cárceres e a condición da pobreza na sociedade.

Estudou Ciencias Naturais e foi a primeira muller en viaxar como científica nun buque de investigación británico. Os seus traballos tiveron especial relevancia e aplicación na oceanografía e na bioloxía mariña.

Ernestina estuda Maxisterio en Pontevedra e logo marcha a Madrid á Escola de Estudos Superiores, sendo unha das primeiras mulleres na universidade.

Podedes atopar as fichas didácticas en: 










12.4.20

STOP MOTION

Desde Aulas Galegas ensínannos con estes interesantes vídeos a aproveitar o tempo de corentena facendo divertidos STOP MOTION. Anímaste?



Aquí tedes o stop motion de Brais Marcos, de 1º da ESO C derrubando fronteiras con música brasileira.



9.4.20

5.4.20

UNHA MENSAXE NUN ANEL

Pode existir un anel que troque a tristeza en alegría? Escoitade un novo conto do Festival Atlántica e resolveredes o misterio.



4.4.20

LETUBERS: SÚMATE AO RETO


Espazo Lectura é un proxecto que naceu hai 14 anos no Val Miñor para fomentar a lectura en lingua galega. Agora, o obrigado confinamento debido á crise do coronavirus, levounos a deixar en suspenso moitas das súas actividades. Por este motivo, están a publicar vídeos de letubers, rapaces e rapazas da comarca que gravan vídeos para recomendar libros en galego que logo comparten coa etiqueta #quedonacasalendocontigo.


DERRUBANDO FRONTEIRAS TAMÉN NAS SERIES

A serie Auga seca convértese a partir deste mércores na primeira serie en lingua galega do catálogo HBO.  A ficción derrubou fronteiras xa que se rodou entre Vigo e Lisboa, en versión orixinal en galego e portugués, producida por Portocabo e SPi --distribuída por DCD Rights--. O 17 de xaneiro estreouse na RTP1 e o 7 de febreiro na TVG e agora convértese na primeria serie galega en incorporarse ao catálogo de HBO España e Portugal, tras a adquisición dos dereitos de emisión. 

É un thriller que vira ao redor de tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial. Nel, a actriz portuguesa Vitoria Guerra traballa á beira dos recoñecidos actores galegos Monti Castiñeiras e Sergio Pazos como protagonistas. Os actores galegos Eva Fernández, Pomba Saavedra, Santi Romay, Cris Iglesiaas, Adrián Ríos e os portugueses Adriano Luz, Joana Santos, Igor Regala e João Arrais son algúns dos nomes que completan o elenco internacional da serie.




2.4.20

LER NA CASA

As editoriais galegas estánnos a ofrecer oportunidades para que maiores e pequenos poidamos ler en galego desde a casa.

Baía editorial: con vós na casa



Xornal O Papagaio: Olla o papagaio.


Laiovento: descarga gratuíta de Os monos de Laxeiro.

Carrindola: banda deseñada

Moitas grazas!!!



O CONTO NON PARA. DERRUBANDO FRONTEIRAS.

O festival Atlántica de narración oral que se ía celebrar o 20 de marzo suspendeuse pero os contadores e as contadoras non están dispostos a deixar de contar e por iso están colgando en youtube historias chegadas de Brasil, Uruguai, Colombia, Madeira, Salamanca, Zamora, e unha ampla mostra de talento galego e novas voces que están a xurdir.

Aquí temos unha nova oportunidade de escoitarmos o portugués e o galego dándose a man e derrubando fronteiras.



1.4.20

O MELLOR CONSELLO: ACHÉGATE AO PORTUGUÉS

En tempos de corentena, aproveitemos o tempo para practicar o noso portugués. Escoita os consellos deste menino, moi apropiados para o momento e dime se non cres que xa temos moito camiño andado.


OS BURRIÑOS DO 1 DE ABRIL TAMÉN DERRUBAN FRONTEIRAS

Sabías que hoxe é o noso día das bromas? Se levas tempo no IES de Rodeira, seguro que si. Cada ano lembramos esta nosa tradición, diferente a do Estado español que celebra o 28 de decembro e común a Portugal e Brasil. Niso somos moi europeos xa que o 1 de abril  celébrase tamén en Alemaña, Reino Unido (April Fool´s Day), Portugal, Polonia, Italia, Austria, Finlandia ou Francia (Poisson d´avril); e tamén en Estados Unidos e Australia, igual que en Galiza, o día dos trucos, do engano, das brincadeiras, é o 1 de abril. Así o asegura o refrán galego: “O un de abril van os burros onde non deben ir” que figura nos adhesivos conmemorativos que o EDLG do instituto reparte sempre por esta data e que hoxe saen no xornal Nós diario. Tamén saímos á rúa outros anos preguntarlle á xente que nos contou moitas historias de como de nenos lle tomaron o pelo mandándoos levar varios quilómetros paquetes que, ao chegar ao seu destinatario, resultaron ser ladrillos, por exemplo.


Practiquemos o portugués descubrindo cal é a orixe desta celebración.


Origem do Dia das Mentiras
O Dia das Mentiras surgiu por brincadeira na França, no reinado de Carlos IX. Nessa época, o ano novo era comemorado a 25 de março, com a chegada da primavera. As festas, que incluíam troca de presentes, duravam uma semana e terminavam a 1 de abril.


Em 1564, com a adoção do calendário gregoriano, o rei decidiu que o ano novo deveria passar a comemorar-se a 1 de janeiro. Alguns franceses não aceitaram a mudança no calendário e continuaram com a tradição antiga. A população que adotou o novo calendário decidiu então brincar com os "conservadores" enviando-lhes presentes estranhos e convites para festas inexistentes. Com o passar do tempo, a brincadeira alastrou-se a outros países da Europa e, mais tarde, para outros continentes.

E agora escoitamos