27.2.17

MANNEQUIN PARA ROSALÍA

Este foi o agasallo do IES de Rodeira para celebrar o 180 aniversario da nosa poeta Rosalía de Castro. Unímonos moitísimos alumnas e alumnos e tamén profesorado e persoal non docente para homenaxear á nosa escritora e recrear en pequenas escenas uns versos que claman pola liberdade, pola dignidade da muller e pola dignidade do noso pobo e da nosa lingua.

25.2.17

O GALEGO, CHAVE DA TRADICIÓN DO ENTROIDO

Rapazas xogadoras de fútbol e rapaces animadores; alumnado en pixama que reclama deixar de madrugar;   avións, azafatas e turistas camiño de Taiwan; mexicanos e americanos con Trump a ambos lados do muro; presos escapados do penal de Rodeira; traballadores da pizarra fartos dos continuos cambios legais no ensino...  unha chea de comparsas cantando en galego coplas satíricas que encheron o instituto de música, cores e alegría neste marabilloso día de sol no que tampouco faltaron as nosas sobremesas típicas... Que máis se pode pedir?

entroido fotos from lingualiza on Vimeo.

Aquí tedes fragmentos dalgunha das coplas:

3ºA entroido from lingualiza on Vimeo.

3ºesoC entroido from lingualiza on Vimeo.

2bachA entroido from lingualiza on Vimeo.

2ºbachc entroido from lingualiza on Vimeo.

2ºbachD entroido from lingualiza on Vimeo.

profes entroido from lingualiza on Vimeo.

24.2.17

ROSALÍA POLAS RÚAS DO MORRAZO

Parabéns a FECIMO pola fermosa campaña que levou os versos de Rosalía aos escaparates das tendas e comercios do Morrazo.

Rosalía nas rúas do Morrazo

23.2.17

COS GUÍAS DA ILLA DOS RATOS

Hoxe o alumnado de 2º ESO paseamos pola nosa costa xunto con dous monitores-guía da Asociación “A illa dos Ratos”. Xabi e Óscar leváronnos primeiro á Praia de Rodeira para falarnos da pesca tradicional en Galicia e das melloras que achegaron os fomentadores cataláns: Massó e as súas innovacións (gardería, servizos sociais….), así como outras conserveiras locais serviron de introdución. Tras coñecer o límite entre Cangas e Coiro descubrimos que o antigo Hospital da vila era un sitio onde daban de comer ós pobres. Na Alameda Vella aprendemos o motivo da Estación Meteorolóxica, quen é o Filántropo (non licántropo) de Cangas que tanto ben fixo ó pobo, dando moito diñeiro, por exemplo, para a construción da Praza do mercado. Observamos o nome das rúas vellas;  na igrexa  faláronnos das invasións dos turcos e do “Cristo que non quixo arder”. Finalmente, tras unha parada diante da escola do “Barbicas”, achegámonos  a algunhas casas tradicionais de mariñeiros, as de patín, ou aquelas nas que tiña que entrar o remo das gamelas. Rematamos, todos xuntos, na estatua de María Soliño/a, escoitando a súa vida e tamén as historias das invasións dos piratas e das resistencias dos cangueses… seica o máis entretido de todo o percorrido.
Pareceume unha actividade moi divertida xa que todo se expresaba con bromas e diversión. Sorprendeume bastante xa que vimos moitos sitios curiosos e monumentos ós que non lle damos importancia ningunha, aprendendo moitas cousas da vila na que vivo que non sabía. Estivo ben que fosen contando anécdotas no medio das explicacións.O tempo pasou moi rápido. Gustaríanos repetir a experiencia con outros lugares de Cangas.

22.2.17

CONVERSANDO SOBRE CARLOS CASARES

Hoxe tivemos nova sesión do club de lectura Vaidelibros dedicada a Vento ferido, para dar a coñecer á comunidade educativa a obra de Carlos Casares, autor homenaxeado nas Letras Galegas deste ano. Contamos coa presenza dun representante da Fundación Carlos Casares que nos achegou unha visión máis personalizada do autor desta obra que este ano cumpre 50 anos dende a súa publicación en 1967. Esta foi unha xornada especial porque algúns dos membros asiduos do club coñeceron persoalmente ao autor e tamén polo feito de que Carlos Casares fose profesor do noso centro nos primeiros anos de actividade do mesmo na vila de Cangas.

20.2.17

ROSALÍA CHAVE DE DIGNIDADE

Xa estamos a preparar o aniversario de Rosalía. 

Este ano quixemos destacar o seu papel como chave de dignidade 

do pobo 

e da muller

Respondendo á campaña da Asociación de Escritores en Lingua Galega, ímola  agasallar cun mannequin challenge. Vén ás reunións informativas e escolle o teu papel para dar vida aos versos de Rosalía. Participa!!!

DEFENDENDO O ENTROIDO DO HÍO

Como cada ano, unímonos á campaña organizada polos veciños e veciñas do Hío en defensa do seu Entroido, explicando que se trata dunha festa pagada por eles, dunha antiga tradición que conservan viva e vén marcada por un ritual de pasos: encontro entre as diferentes parroquias, percorrido, entrada, corro... sempre detrás dos gaiteiros e gaiteiras, as figuras máis importantes e respectadas do Entroido. Houbo información desde os taboleiros, charlas co alumnado maior impartidas por un alumno e unha alumna que son do Hío e forman parte da comisión de festas, proxección dun audiovisual sobre esta tradición en 3º da ESO e reparto de folletos explicativos a todo o alumnado. As portas están abertas para unirse á festa pero sempre desde o respecto a esta tradición secular.

No punto de reunión xúntanse as comparsas A orde non é aleatoria. A aldea anfitrioa encabeza a marcha e o resto colócase dependendo da orde dos palcos en que se vai tocar. O luns primeiro Vilariño, logo O Igrexario, Pinténs e Vilanova. O martes, Liméns, Nerga e, por último, Donón. Ao chegar a cada aldea, a comparsa anfitrioa ten que ser a primeira en pasar. Para ir cambiando a orde hai uns puntos clave nos que unhas se abren cara aos lados da rúa deixando oco no medio para que o resto pase. Estes puntos non que se fai o cambio de posición eran, e aínda son, moi importantes e realízanse no lugar onde remata unha aldea  e comeza outra. Neste punto a aldea, agora anfitrioa que vai en primeiro lugar ábrese cara os lados e deixa pasar o resto das comparsas que botan vivas na súa honra e pasa a ocupar a última posición. A nova comparsa anfitrioa ábrese e deixa pasar a todas as comparsas como saúdo de benvida tamén a base de vivas e finalmente as seis aldeas ábrense para que a aldea anfitrioa recupere o lugar de honra e entre na súa aldea como é debido. Este é, sen dúbida, o momento máis importante de todo o Entroido, o momento en que cada aldea recibe ás demais comparsas,  aos veciños e veciñas das aldeas do Hío, invitándoas así a gozar do seu lugar.