21.12.12

TI ES PARTE DUNHA CULTURA CON LINGUA DE SEU. ACTÍVATE E REGALA GALEGO NO NADAL



No tempo previo ao Nadal, contactamos con FECIMO (Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo) e con distintas empresas culturais, de camisetas con lemas en galego e de alimentación etiquetados en galego, ofrecéndolle publicitar os seus produtos nunha gran exposición na planta baixa do noso centro baixo o lema REGALA GALEGO, que invitase a valorar a utilización da lingua propia nas empresas como marca de distinción e calidade. Con todo iso montamos unha exposición que xa podedes ver na planta baixa do instituto de Rodeira. Fixemos andeis con caixas de froitas para os produtos de alimentación etiquetados en galego, xunto a unha mesa de Nadal con menús en galego dalgúns restaurantes de Cangas e outros feitos polo alumnado; no centro, unha versión máis pequena da cúpula xeodésica presentada a Galiciencia, construída tamén polo alumnado de Tecnoloxía, colocada sobre tea verde, forma unha orixinal árbore de Nadal, chea de agasallos en galego. O espazo reservado para FECIMO está adornado con material das súas propias campañas. O de banda deseñada forrouse con páxinas a toda cor da revista Galimatías. Para o espazo dos libros e da música, pedimos ás editoriais carteis e marcapáxinas. O taboleiro con recomendacións para os máis cativos ilustrouse con fotos de nenos e nenas gozando cos libros infantís en galego, fillos e fillas de profes ou irmáns pequen@s do noso alumnado. Esperamos que vos guste. Non esquezas o noso consello e REGALA GALEGO este Nadal.



En colaboración cos outros centros do Morrazo, editamos folletos con recomendacións de lectura e audiovisual para infantil, primaria, secundaria e para as familias.


Recomendacións para infantil

 
Recomendacións para primaria:



 
Recomendacións para secundaria:

 

20.12.12

TI ES PARTE DUNHA CULTURA MODERNA CON LINGUA DE SEU. ACTIVA O GALEGO NO TEMPO DE LECER E NA CULTURA URBANA.



Así rematamos o trimestre. Cunha festa en galego para o alumnado que asistimos ao longo de todo o trimestre aos equipos de conversa do EDL. Entramos con invitación, poñiámonos o selo do equipo e colliamos unha peza do xogo da torre que iamos colocando postas de pé como un dominó formando un gran G, mentres se proxectaban fotos de todas as actividades xa realizadas das que fomos protagonistas.

Como invitado especial contamos coa presenza de CARLOS GENDE (Gendebeat). Coa axuda da rede, achegounos á música galega actual, especialmente de rap e reggae, rompendo os prexuízos que a ligan exclusivamente ao folc. Nun pequeno obradoiro, que foi todo un éxito, puidemos probar a facer beatbox.

Para rematar, tombamos as pezas do noso dominó con forma de G simbolizando a forza que cada quen representa para poñer en marcha aos demais e compartimos o que levaramos de comer. Moito galego no Nadal e para o ano volvede con máis forzas.



12.12.12

EU FALO GALEGO PORQUE SI



Ao rematarmos o ano do centenario do nacemento do poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro, unha das voces fundamentais da literatura galega da segunda metade do século XX, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) propuxo aos centros de ensino renderlle homenaxe pública cunha acción de carácter colectivo que simbolizase toda a forza e enerxía que transmite a súa palabra, símbolo permanente de valores de solidariedade e xustiza universais, pero tamén de compromiso cívico coa cultura e lingua de Galicia.

No IES de Rodeira invitamos á toda a comunidade educativa a gravar versos recitados ou adaptados do seu poema Deitado frente ao mar, incluído en Longa noite de pedra. Este mércores, 12 de decembro do 2012, ás 12 da mañá, estreáronse no instituto. Así foi como quedaron.


 

 

10.12.12

TI ES PARTE DUN MUNDO QUE PODE SER MÁIS XUSTO. ACTIVA O GALEGO NA DEFENSA DOS DEREITOS HUMANOS.





Na celebración do Día dos Dereitos Humanos, abrimos unha xanela ao mundo desde a reflexión nas titorías para avaliar o grao de cumprimento dos obxectivos do milenio (2000-2015) cando nos estamos a achegar á fin do prazo establecido.


De 3.- 10 dec dereitos humanos




A partir da exposición “O prometido é débeda”, repasamos os obxectivos á que se comprometeran os países membros das Nacións Unidas, entre eles España. Houbo avances pero aínda quedan importantes pasos por dar, en perigo polo recorte de orzamentos. De novo a crise económica prexudica aos máis débiles. Con gráficas e estatísticas comprobamos que non só non avanzamos na consecución do 0’7% do PNB prometido senón que desde o 2010 houbo recortes que sitúan a nosa contribución no 0’4%, claramente insuficiente para cumprir os Obxectivos do Milenio. Lembramos unha vez máis que todos e todas somos parte e debemos meterlle presión aos políticos para que os nosos impostos axuden a cumprir estes obxectivos que son de xustiza, indispensables para que se poidan garantir os Dereitos Humanos en todo o planeta.