30.1.14

DÍA DA PAZ. UN PASO ADIANTE NA UTILIZACIÓN DO GALEGO PARA DEFENDER UN MUNDO MÁIS XUSTO E SOLIDARIO



Hoxe  celebramos no instituto o Día da Paz. André (1º de Bacharelato) e Helena (2º Bacharelato) presentaron o acto aclarando que non pediamos a paz dos mortos, a do descanso eterno, nin queriamos resignarnos co mundo que nos tocou en sorte. Aínda que A PAZ NO MUNDO sexa un soño, unha utopía, un horizonte que a penas conseguimos divisar, moitos homes e mulleres que tiveron este soño antes ca nós foron deixándonos frechas que nos indican que para chegar á Paz hai que abrir camiño coa xustiza e a igualdade de dereitos.
Por iso DESEXAR A PAZ NO MUNDO significa para nós comprometérmonos a non retroceder no camiño andado e a seguir dando pasos para que os dereitos humanos sexan unha realidade para todos e todas.

Por iso retomamos a idea dos pasos e do camiño en decembro, convertendo os dereitos humanos no camiño a seguir para achegármonos ao mundo en PAZ que dexesamos. Con esa idea construímos un gran mural para a entrada do instituto, un crebacabezas formado por 14 grandes pezas. Cada aula preparou unha cun dos dereitos humanos, e no acto do Día da Paz fomos montándoo peza a peza, nun  traballo colectivo que quería lembrar que non camiñamos sós e, unindo esforzos, podemos superar as dificultades do camiño. Ao rematar de montar o mural puidemos ler a súa mensaxe:

“Quizais a PAZ sexa unha UTOPÍA inalcanzable. Pero está no horizonte para marcarnos un camiño. CAMIÑAR É O IMPORTANTE. Paso a paso por un mundo con dereitos para todos e todas.”

A PAZ que defendemos INVÍTANOS A ACTIVARNOS e utilizar a nosa lingua na defensa pacífica dunha sociedade máis xusta e un mundo mellor. E na nosa lingua quixemos lembrar o importante que é ser MOCIDADE ACTIVA, disposta a poñerse en pé e CAMIÑAR  para reclamar os dereitos de todos e de todas, perseguindo o fermoso horizonte dun MUNDO EN PAZ. E fixémolo cantando A mocidade activa de Dakidarría coa que pechamos a nosa celebración.




Nun dos taboleiros da entrada do instituto, nun mapamundi coa toponimia en galego, o alumnado de 4º D colocamos información resumida dos principais conflitos activos no mundo e un resumo da análise feita sobre a situación dos Dereitos Humanos no mundo por Amnistía Internacional no seu informe de 2013. Debemos coñecer a realidade para podermos ser críticos e esixir das institucións as medidas necesarias para poñerlles fin e evitar o sufrimento de tantas persoas, mortas, feridas, desprazadas...

24.1.14

MÓVETE, RESPIRA E COME FROITA FRESCA. 1ªsemana.


Hoxe rematou a 1ª semana de froita deste curso. Pensamos que cada vez a xente nova ten máis claro a importancia de consumir froita e por iso nos encanta esta campaña. Tivemos plátanos, peras, mazás e mandarinas. Todo estaba boísimo, sobre todo no 2º recreo que saímos sempre con moita fame... Antes non te atrevías moito a levar froita nos recreos por se che miraban raro. Pero con esta campaña que xa empezou o ano pasado, ver ao alumnado comendo froita é xa o máis normal do mundo.








O luns 20, o alumnado de 4º presentámoslles a campaña MÓVETE, RESPIRA E COME FROITA FRESCA ao alumnado de 1º da ESO, que é novo no instituto. Foi unha actividade organizada polo departamento de ciencias, educación física e lingua galega, que valorou como eramos capaces de dirixírmonos aos grupos falando en galego para explicarlles a importancia do exercicio ao aire libre e dunha dieta saudable na que ter que estar sempre presente a froita. Para motivalos a participar, presentámoslles as mascotas e organizamos un concurso no que tiñan que conseguir puntos, comendo froita cada día da semana. Funcionou moi ben porque se avisaban uns a outros para nos despistarse. Ao final da semana repartimos premios entre o alumnado que comera froita todos os días e animámolos a seguir reunindo puntos nas seguintes semanas da froita. Aquí tedes as fotos que fixemos nas aulas.







O alumnado do CM de administrativo coa súa profe Marga Varela estase encargando de toda a xestión relacionada coa froita como un exercicio práctico do seu módulo de Comunicación e atención á clientela. Fan os pedidos, recollen e comproban os albarás, cobren un rexistro e finalmente comproban a factura para pagar á froitería e mandar as copias compulsadas ao FOGGA a quen temos que xustificar a subvención que nos conceden. Grazas pola vosa axuda!


17.1.14

FROITA PARA TODO O ALUMNADO DA ESO!



Lembrade que a semana que vén chega a FROITA nos recreos. Este curso contamos con tres mascotas moi especiais que serán apadriñadas polo alumnado de 1º da ESO e nos recordarán a importancia do consumo de froita para estar en plena forma. Non esquezades pasar pola planta baixa.