16.6.17

FIN DE CURSO EN ONS

Vouvos describir unha excursión perfecta.

Comeza cunha viaxe desde o peirao de Cangas ata a illa de Ons que pertence ao concello de Bueu. Parecía incrible que collésemos todos e todas no barco porque había alumnado desde 1º da ESO ata Bacharelato. O traxecto foi bastante axitado pero chegamos sans e salvos á illa a iso das dez e media da mañá. 

Continúa cunha ruta camiñando desde o peirao ata o Buraco do inferno na que os guías nos foron contando a historia da illa. Dise que houbo alí un castro romano. Sábese seguro que houbo un mosteiro e que foi invadida polos normandos. Estivo habitada desde o século XIX. A xente dispoñía dunha casa e unhas terras pero non foron súas ata moito tempo despois. Sábese que en 1960 habitábana 500 persoas, hoxe só quedan 4. As explicacións dos guías axudaban a que comprendésemos o vínculo que amarra a esa xente á súa illa a pesar de vivir illados en moitos sentidos, especialmente no inverno xa que no verán viven alí moitos turistas. En canto á natureza, a illa está chea de castiñeiros, algo que dá gusto ver, unha paisaxe sen eucaliptos. Ten uns cantís moi bonitos e cheos de vexetación. As vistas son impresionantes. O traxecto foi longo pero mereceu a pena. Visitamos a Furna dos Fedorentos e por fin o impersionante Buraco do Inferno. Ao oeste da illa está o illote de Onza onde antigamente se ía buscar o toxo para facer o estrume.

E remata co lecer dunha tarde na praia. O tempo era bo e a temperatura da auga ideal. Que máis se pode pedir? Repetir o ano que vén.




15.6.17

CONTANDO CONTOS AOS NENOS E NENAS

O alumnado de 1º da ESO sentímonos orgullosos e orgullosas de termos unha lingua propia que nos fai especiais pero este curso aprendemos que iso tamén é unha responsabilidade. Os prexuízos do pasado seguen sendo obstáculos que ameazan este privilexio e un deles é que o galego non é unha lingua para a xente nova. De nós depende demostrar que isto non é certo e facémolo cada vez que falamos en galego sen complexos. Tamén é cousa nosa transmtirlle o galego as que veñen detrás de nós. Por iso fomos contar o conto do galo Quirico aos nenos e nenas de infantil dos nosos coles adscritos.  E ademais foi moi divertido.





















HAI QUE IR PENSANDO EN PREPARAR O CACHO

Achégase san xoán e o alumnado adulto apréndenos que plantas teremos que ir buscar para preparar o cacho, que así se chama no Morrazo ás herbas que se deixan toda a noite a serenar para lavar a cara pola mañanciña. Somos afortunados/as de contar con estas bibliotecas humanas, gardadoras do saber tradicional. Moitas grazas pola información!!!















12.6.17

NATUREZA E POESÍA

Imos rematando o curso e chega a convocatoria do departamento de Bioloxía e Xeoloxía do concurso-exposición de fotografía da natureza co que colabora o equipo de dinamización acompañando as fotos cos versos dos nosos poetas. Grazas pola vosa participación e boa sorte!





 

ABRE OS OLLOS, nº15, A NOSA REVISTA

Por fin temos revista! Xa a podedes recoller na conserxería. Non deixes de levarte este fermoso recordo da vida do instituto durante este curso 2016-2017. Hai artigos de moitos compañeiros e comapañeiras e, por suposto, moitísimas fotos. Moitas grazas pola vosa participación, especialmente polo traballo do equipo de redacción. Non quedes sen ela!




2.6.17

O CLUB VAIDELIBROS EN CELANOVA

A última proposta dos encontros literarios abertos a toda a comunidade educativa era achegarse á poesía de Curros, Celso Emilio e Ferrín e que mellor que recitar os seus poemas na terra que os veu nacer, en Celanova: a Curros na Casa dos Poetas, a Celso Emilio no mosteiro e a Ferrín en Vilanova dos infantes. Así despedimos o curso no Vaidelibros.


1.6.17

CONVERSANDO CON IRIA COLLAZO



Hoxe recibimos na biblioteca do centro a Iria Collazo López, nun acto organizado pola biblioteca do centro. Presentounos o seu libro de relatos A soidade das medusas. Sorprendeunos que fose tan nova aínda que algúns dos compañeiros xa a coñecían porque é profesora nun instituto de Moaña. 




VALORANDO O PATRIMONIO NATURAL NO RÍO SAÍÑAS



Hoxe tivemos unha clase de Bioloxía no río Saíñas, que queda moi preto do instituto. Primeiramente fomos á desembocadura onde a auga non ten case movemento e fixemos una proba para saber a calidade da auga, comprobando o nivel de osíxeno e os posibles contaminantes. Despois fomos río arriba observando e aprendendo tamén os nomes científicos da flora e da fauna que pode vivir nestas condicións. Canto máis nos afastabamos da desembocadura, máis rápido fluía a auga. Tivemos que recoller toda a información para logo traballala na aula.
As saídas para facer estudos sobre o medio favorecen a nosa aprendizaxe porque son moito máis prácticas que na aula. Apreciamos os elementos e a flora e a fauna en vivo e en directo e aprendemos que a realidade non é tan esquematizado como nolo contan nos libros de texto. Podemos investigar, buscar e observar directamente, sen que nolo dean todo feito. Aprendemos de todos e ata o profesor pode descubrir cousas novas.  Este tipo de saídas axúdanos a valorar o entorno que nos rodea.