31.1.19

CONTAXIANDO COMPROMISO POLA PAZ. VÍDEO RESUMO

Nós, o alumnado de Animación Socioeducativa, quixemos poñer voz ao manifesto colectivo realizado coas achegas de todas as aulas e recoller tamén en imaxes o traballo realizado para seguirmos contaxiando, a quen poida ver este vídeo, compromiso pola PAZ.

.

 

30.1.19

DÍA DA PAZ

Hoxe celebramos o Día da Paz. O tempo non acompañou polo que non puidemos saír ao patio a ler o manifesto que escribimos coas achegas de todas as aulas e a lanzar ao vento os nosos desexos de paz nas lanternas de papel. Pero non deixamos de celebralo. Dun xeito quizais menos festivo pero máis reflexivo. Os cursos foron baixando e sentaron xunto ao gran mural dos conflitos no mundo realizado por nós, o alumnado de Animación socioeducativa, ao que se lle foran sumando os traballos feitos nas aulas. Alí establecemos un interesante coloquio no que o alumnado foi contando o que aprendera coas súas pescudas e expresando o horror e o sufrimento que traen consigo as guerras.



Logo, rodeadas polos grous que fixemos nas aulas, achegámonos ás vidas de homes e, sobre todo, de mulleres que loitaron pola paz. Co xogo de QUEN É QUEN, limos as biografías e identificamos as persoas destacadas no taboleiro por contaxiarnos o seu compromiso pola paz. 




Facíannos moita ilusión as lanternas pero terán que quedar para outra vez.

29.1.19

O RETO DOS MIL GROUS

Hoxe, véspera do Día da paz, o alumnado de Animación Educativa levamos ás aulas os vídeos que elaboramos. Primeiro a historia de Sadako para pedir a todos e todas que se sumasen ao reto de construír os mil grous como expresión do noso desexo da fin da violencia e a nosa aposta pola resolución pacífica dos conflitos. E logo o vídeo titorial que seguimos paso a paso para elaborar as fermosas grúas en papeis de cores.






Así de fermosa quedou a entrada do instituto.








 

15.1.19

SADAKO E AS GRÚAS DE PAPEL

Para a celebración colectiva escollemos a historia de Sadako e as grúas de papel.  Lemos o libro en galego e elaboramos un guión contando a historia que gravamos sobre a curtametraxe de Roberto Vaan der Laat e André Infante para dala a coñecer nas aulas.



 Tamén fixemos un titorial en galego para ensinar a facer os grous de Sadako

Comezamos a facelos nos equipos para aprender ben e poder axudar logo aos compañeiros e compañeiras na aula. 



E tamén puxemos a historia na entrada xunto a un grou xigante.





14.1.19

CONTAXIA COMPROMISO POLA PAZ

Na parte central da planta baixa, quixemos dar a coñecer o labor de homes e, sobre todo, de mulleres que traballan pola resolución pacífica de guerras e conflitos violentos no mundo. Fixémolo de xeito interactivo dedicando os recreos a que o alumnado xogase a quen é quen, identificando as caras coas súas biografías.



13.1.19

CONTAXIA CONCIENCIA CRÍTICA

Tras repasar nas aulas a declaración dos Dereitos Humanos, achegámonos aos conflitos internacionais actuais no inicio do camiño de reflexión para a celebración do Día da Paz.



Para ilustrar o sufrimento e a dor humanas que producen as guerras, na parte inferior do noso gran mural, colocamos un arame a xeito de campo de concentración ou de refuxiados e detrás reproducións dos cadros expresionistas de Oswaldo Guayasamín, pintor ecuatoriano que denuncia de xeito maxistral as consecuencias dos conflitos violentos do século XX.


9.1.19

CONTAXIA COMPROMISO EN PORTUGUÉS

Comezamos as actividades deste novo ano con charlas e debates sobre os Dereitos Humanos e os seus incumprimentos no mundo, nunha liña de reflexión que nos conduce á celebración do Día da Paz. O alumnado de Ciclos contou hoxe cun invitado de excepción, o portugués José Vieira, que falou das novas tecnoloxías na empresa e os efectos da globalización no emprego para abrir o debate sobre a conveniencia ou non dunha renda básica para todos e todas que cubra as necesidades mínimas para vivir con dignidade.


E ademais puidemos comprobar a facilidade de comuncación entre galego e portugués. Unha grande vantaxe!