29.9.21

NOVAS VOCES PARA A LINGUA

Conseguiremos. Este é o título, e a declaración de intencións, co que bota a andar Novas voces para a lingua, o proxecto que a Real Academia Galega e a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela promoven para conectar a mocidade co idioma. A iniciativa arrinca cunha serie de cinco pezas audiovisuais protagonizadas por mozos e mozas que son exemplo da Galicia con máis talento e que empregan o galego en todos os contextos da vida, da creación e do desenvolvemento profesional. Os músicos Alejandro Guillán Baiuca e Laura Lamontagne, o director de cine Andrés Goteira, as actrices da Panadaría Teatro, a psiquiatra e divulgadora Iria Veiga e o xenetista Ángel Carracedo son parte do elenco da serie Conseguiremos, a resposta á proposta da RAG que concibiron Paula Quiroga (directora), Lois Alcayde (guionista) e Meritxell Álvarez (produtora). Os tres estudantes de Xornalismo e Comunicación Audiovisual fixeron realidade a primeira edición do proxecto co apoio doutros tres docentes da súa facultade e da propia Academia. Aquí tedes o primeiro capítulo, protagonizado por Verónica Boquete e gravado no estadio que leva o seu nome.

27.9.21

UNHA NOVA XERACIÓN QUE ESCOLLE GALEGO

Novo curso e novo proxecto. Empeñados en convencer o noso alumnado de que o galego pode ser a súa lingua, enchemos o centro de caras novas do cine, do teatro, da música, da ciencia, das redes sociais... que ESCOLLEN O GALEGO como lingua habitual pero tamén xente nova do Morrazo que, moi preto de nós, dá vida ao galego no instituto, da casa, da rúa e do traballo. Referentes que animen o alumnado adolescente a pensar que eles e elas tamén poden escoller o galego como lingua habitual.