27.9.18

A BATALLA DESCOÑECIDA

Lembrade a nosa cita, mañá ás 21:00h, no Auditorio de Cangas. A Semana de Cinemas Ocultos estréase hoxe cun documental galego, A batalla descoñecida, que será presentado pola súa directora, Paula Cons, que participará tamén nun coloquio posterior. Non faltedes!



Ano: 2017
Duración: 70’
País: Galicia
Dirección: Paula Cons
Guión: Paula Cons
Música: Sergio Moure de Oteyza
Fotografía: Guillermo Represa

Sinopse:
Hai un episodio histórico agochado ata o de hoxe, o da batalla do volframio que libraron os Aliados contra España durante a Segunda Guerra Mundial. E onde estaba o epicentro desa batalla? En Galicia. Todo por un mineral estratéxico, o volframio, que o réxime franquista permitiu aos nazis extraer para o seu armamento. Xa é hora de que certos segredos e nomes saian á luz

Premios:
2018 Mestre Mateo a mellor documental
 

26.9.18

CELEBRANDO O DÍA EUROPEO DAS LINGUAS

O día 26 de setembro, co obxectivo de celebrar o Día Europeo das Linguas, organizamos un xogo no centro durante os dous recreos.

Invitamos a todo o alumnado a coller unha onda do mar ao chou dun recipiente coa forma do planeta Terra. Na onda de papel azul aparecía un verso en galego-portugués, pertencente á famosa cantiga do século XIII, “Ondas do mar de Vigo”, do trobador galego Martín Codax e un idioma dos 55 do noso mar de linguas (por exemplo, franco-provenzal, éuscaro, turco…).



A continuación, debías perderte no bosque de poemas en diferentes linguas e atopar a tradución que che tocou, que aparecía colgada baixo o texto orixinal, con información sobre onde se fala. Comparando orixinal e tradución podías deducir cal era o verso que buscabas e podías xa escribilo no idioma desexado coa cor que escolleses.












No primeiro andar, estabamos nós, cambiando estas ondas de versos plurilingües por un agasallo moi doce con forma de lingua coma premio por contaxiar diversidade. Con todas estas ondas transformamos os taboleiros nun fermoso mar de linguas que adornamos con peixes de papiroflexia e barcos de papel.













24.9.18

CINEMAS OCULTOS

Fieis á cita, o Cine Club de Cangas convídanos a unha semana chea de bo cinema en versión orixinal, dedicada este ano ás mulleres directoras. Aquí tedes a programación na que destacamos a presenza de dous documentais galegos e unha película brasileira, coma sempre en versión orixinal.


PROGRAMACIÓN:

Venres 28 de setembro.
Acto de inauguración da Semana.
Cinema de mulleres. Sección Panorama cine galego: Proxección de A batalla descoñecida, de Paula Cons, coa presenza da directora.
Coloquio ao remate da película.

Sábado 29 de setembro.
Cinema infantil: O malvado raposo feroz. Envío aos colexios de información
Cinema de mulleres: Invitación de voda (Wajib), de Annemarie Jacir Palestina, 2017

Domingo 30 de setembro.
Cinema de mulleres: WESTERN de Valeska Grisebach, Alemaña 2017
Festival de Cannes: Un Certain Regard (Sección oficial)
Festival de Mar del Plata: Mellor directora.
Festival de Sevilla: Premio Especial do Xurado

Luns 1 de outubro.
Cinema de mulleres: Trinta lumes , de Diana Toucedo, Galicia, 2017

Martes 2 de outubro.
Cinema para as escolas: O malvado raposo feroz
19 horas: Presentación do libro “O lapis da luz: reescrituras de Manuel Rivas no cine” de Salvador Castro coa presenza do autor.

Mércores 3 de outubro.
Cinema de mulleres: Caras e lugares , de Agnés Varda, Francia, 2017
Premios Oscar: Nominado ao mellor documental
Festival de Cannes: sección oficial (fóra de concurso)
Festival de Toronto: Mellor documental
National Board of Review (NBR): Mellores documentais do ano
Círculo de Críticos de Nova York: Mellor documental
Críticos de Los Angeles: Mellor documental

Xoves 4 de outubro.

Cinema de mulleres: Matar a Jesús , de Natasha Jaramillo, Colombia, 2017
Festival de San Sebastián: Premio da Mocidade
Festival de La Habana: Premio Coral Especial do Xurado (Ópera Prima)

Venres 5 de outubro.
Cinema para mozos: A silent voice, de , Xapón 2016
Sección Oficial Festival cine de animación de Annecy
Cinema de mulleres: Como os nosos pais de Lais Bodanzky, Brasil 2017


Sábado 6 de outubro
cinema infantil: cinema infantil: A rebelión dos contos , de Jakob Schuh, Jan Lachauer, Bin-Han To . Animación. Gran Bretaña 2016. Adaptación de roald Dahl.
Proposta ao Óscar 2018
cinema de mulleres: A orde divina, de Petra Blondina Volpe, Suiza 2017

+info.:  http://cineclubcangas.gal


23.9.18

CONTAXIA DIVERSIDADE!

Chega o 26 de setembro, Día europeo das Linguas,  e xa estamos a preparar o centro para a ocasión. Escollemos traducións dunha das cantigas medievais máis coñecidas de Martin Códax -a primeira das sete recollidas nese tesouro do que puidemos gozar por primeira vez en Vigo este ano: O pergamiño Vindel- dunha publicación coa que nos agasallou a Universidade de Vigo, coordinada por Xosé-Henrique Costas González. 


Cubrimos a cristaleira con papel celeofán coas cores do mar de Vigo e as Cíes ao fondo. 


Diante, un mar de linguas no que mergullarse, formado por tiras co poema orixinal, a tradución e información sobre cada lingua colgadas dun entramado de fíos de cores. Así foi como quedou:








21.9.18

Na butaca [Fantasía nº3 en Dor Maior]


Cita teatral no Auditorio de Cangas mañá sábado, na celebración do Día dos enfermos e enfermas de alzeimer. É unha peza poética que, dende un punto de vista optimista, aborda unha temática que por desgraza a moitos nos toca de cerca: a das persoas que sofren demencia senil ou alzheimer. A obra, partindo da idea do vivir no presente dunha personaxe sentada na butaca e esquecida -perdida do seu pasado e do seu futuro, tamén- achéganos a unha realidade que por veces nos amosa paz e outras anguria; felicidade ou rabia.
 

En escena: Pepa Barreiro e Peter Jensen Velpister.
Texto e dirección: Esther F. Carrodeguas




17.9.18

APÚNTATE AO EQUIPO

Anímaste a contaxiar galego? Vén anotarte ao Equipo de Dinamización nos segundos recreos e escolle o virus coa túa palabra favorita.
 

O cartel do proxecto que creamos de forma colectiva quedará todo o curso ben á vista, xusto enriba da xanela de atención ao público da secretaría.




16.9.18

CONTAXIA GALEGO


Así comezamos este novo curso 2018-2019, cheos de virus e bacterias que contaxian galego. Que como o facemos? Nas fotos dos corredores podes velo: formando equipo, cantando, bailando, facendo vídeos, traballos manuais, protestando contra o machismo, celebrando as tradicións, defendendo a paz e os dereitos humanos, facendo novos amigos e amigas, fachendeando de lingua e cultura propia...