8.12.10

CONTOS QUE NON FALTEN

Amor, sentido e paixón pola lingua, pola oralidade, pola comunicación, por que non se perda un verdadeiro tesouro de historias e contos. Por ir mostrando e ofrecendo coa boca aberta, coa boca chea, unha das nosas posibilidades de relación e cultura máis ricas e admirables. Así fala CELSO FERNÁNDEZ SANMARTÍN do seu oficio de contacontos. O luns 15 de novembro chegou ao instituto co seu fardo de contos, historias e memorias para o alumnado de 3º de ESO pola mañá e para o alumnado adulto pola tarde e deixounos abraiad@s coa súa arte. No fermoso galego de Lalín atrapáronnos as historias recollidas da súa avoa ou das anciás dunha residencia na que traballou, anacos de vida que se sorprende ante as novas tecnoloxías, de mortas resucitadas, de lobos que queren coñecer a forza do home, da maneira de burlar aos reis, de bobos que resultan ser os máis listos, de contos que salvan vidas, que permiten expresar en voz alta aquilo que está prohibido... Agora xa sabemos que aínda que os Séculos Escuros expulsaron o galego dos escritos e dos usos formais, o lume das lareiras seguiu alumeando a forza creadora da nosa lingua oral que non deixou nunca de contar e de cantar.

3.12.10

ZAMPADANZAS DO MUNDO NO MAGOSTO

Así se chama o libro publicado por MERCEDES PRIETO, nacida en Salvaterra, licenciada en danza en Portugal e experta danzarina en festivais de todo o mundo. E veu compartilas con nós na celebración do magosto no que tampouco faltaron as que xa son tradición no instituto, moi en especial a de Hashual que sempre é un éxito rotundo. O tempo non acompañou esta vez pero xa sabedes, ao mal tempo... danzas e castañas asadas.