27.6.18

Vaidelibros EN PORTUGAL

Xa está todo preparado para que o club de lectura Vaidelibros poña rumbo ao Porto o sábado 30. Ao vir colgaremos as fotos.

21.6.18

DESPEDIDA DOS CUARTOS

O último día de clase, pola tarde, os cuartos da ESO organizamos un acto de despedida xa que non todos e todas poderemos estar xuntos o curso próximo. Viñemos guapísimos e guapísimas. Houbo palabras de lembranza do vivido e expresións de cariño; houbo fotos, vídeos e ata diplomas. E logo marchamos a cear e a bailar.





15.6.18

PREMIOS DE FOTOGRAFÍA

Que agradable pasearse entre fotos e poesía da natureza na planta baixa do centro. Xa temos os gañadores e gañadoras do concurso. Parabéns!



12.6.18

ATRÉVETE A EMPRENDER EN GALEGO


Este curso o alumnado de IAEE (Iniciación á actividade empresarial e emprendedora) de 4º da ESO  participamos no proxecto da Deputación de Pontevedra Depoemprende na ESO. Consistiu en crear unha empresa cooperativa dende cero, na que alumnos e alumnas somos os socios e responsables da actividade empresarial, para logo intercambiar os nosos produtos cunha cooperativa socia de Elxe, swiss coop, e, unha vez feito isto, vendelos nos mercados de Cangas e Pontevedra.

O primeiro paso foi pensar sobre a actividade a que se dedicaría a nosa cooperativa. Así naceu Marsea, a nosa propia empresa de exportacións de produtos do mar ou típicos da nosa terra. Logo tivemos que repartirnos os distintos cargos, é dicir , as funcións de cada socio na cooperativa. Tamén fixemos un organigrama, no que aparecían todos os datos da empresa e a forma na que nos organizamos, ademais do noso logo, a imaxe coorporativa.

Xa tiñamos a primeira parte feita, a cal nos levou un trimestre enteiro. Comezamos a contactar con provedores da zona para que nos ofrecesen os seus catálogos de produtos, para así poder facer nós o mesmo. Falamos con varias empresas que moi amablemente nos atenderon. Tamén contactamos con ADICAM, pois pensamos que sería unha boa idea doar parte dos nosos beneficios a esta organización, pois están a investigar o beneficio dunha planta, o Kalanchoe, que axuda a reducir a posibilidade de ter cancro.

Para recadar fondos e así obter os produtos ocorréusenos a idea de organizar unha festa Holi (A Oli Fest de Cangas), é dicir, unha celebración de orixe hindú na cal os participantes se botan pos de cores mentres gozan de boa música e ambiente festivo. O evento saíu bastante ben e conseguimos acadar beneficios, pero o máis importante foi que toda a xente que veu pasouno moi ben. A Oli Fest levounos moito tempo de preparación: 3 meses de intenso traballo nos que tivemos que contactar co concello e solicitar numerosos permisos, mercar os pos de cores (que aínda temos algúns que sobraron por se alguén está interesado) e demais operacións. Aquí nos tedes no posto que puxemos no instituto para informar e vender entradas.





Xa rematada a Oli, tocaba comezar coa parte final do proxecto: enviar á cooperativa socia de Elxe os produtos que nos compraron e escoller do seu catálogo aqueles que nos interesasen vender no mercado.

Tras unhas cantas semanas de negociacións tanto cos de Elxe como cos provedores xa tiñamos os produtos aquí. Por suposto eran produtos 100% valencianos.

Neste momento chegaba o importante, o sexa, o mercado. Montamos o noso posto o día 23 de maio a Rúa do Príncipe, en Vigo, xunto con outros centros de Primaria e Secundaria da provincia de Pontevedra. Tivemos moita sorte xa que ese mesmo día estaban dous cruceiros na cidade, polo que o noso pequeno mercado estivo ateigado de turistas. Nós, grazas ao noso gran coñecemento de linguas, soubemos ofrecerlles os produtos e vender case todos.


Co proxecto xa rematado e cuns resultados positivos, consideramos a experiencia de crear unha empresa dende cero como algo que nos axudará moito no futuro á hora de desenvolvernos mellor no mundo laboral.

8.6.18

FALANDO DO INSTITUTO NOS COLES

Como ás veces é difícil o cambio ao instituto, un representante de cada aula de 1º da ESO fomo falar aos coles de primaria para contarlles como fora a nosa experiencia. Levabamos un discurso inicial en galego que preparamos en Oratoria e logo puideron facernos todas as preguntas que quixeron. Gustounos moito representar así aos nosos compañeiros e compañeiras. Sentímonos maiores!

4.6.18

NO FACHO

A chuvia perseguiunos e non houbo maneira de gozar como teriamos querido deste espazo natural único.




1.6.18

REGUEIFANDO

Gran éxito da nova convocatoria do Obradoiro de poesía improvisada ofertado polos concellos do Morrazo para dinamizar o uso do galego na xente nova! Recibimos na Biblioteca do instituto dous recoñecidos regueifeiros, Caruncho e Pinto de Herbón, en dúas sesións, en abril e en maio, nas que nos aprenderon, ao alumnado de 2º da ESO, a improvisar rimando. 

    
REGUEIFANDO from lingualiza on Vimeo.
       

Iván del Río Gestido, Amina Liamani, Iria Nieto Casás, Ángel Fervenza Martínez, Hugo Rodríguez González, Jonathan Rodríguez Molanes, Sabela Rúa Núñez, Laura Piñeiro Antepazo formaban o grupo que representou ao IES de Rodeira nun Auditorio de Cangas ateigado de mozos e mozas. Houbo moitos nervios e algunha renuncia por medo escénico pero defendémonos bastante ben nesta interesante batalla dialéctica con alumnado seleccionado doutros centros. Sen dúbida, unha boa experiencia.



Xa temos ABRE OS OLLOS

Xa tedes na conserxería, aínda quentiña do prelo, o novo número da revista Abre os ollos, un relato compartido de todo canto vivimos este curso. Vinde por ela que se acaba!