28.10.16

OS VELLOS NON DEBEN DE NAMORARSE

Hoxe, o alumnado de 4º ESO e de 1º e 2º de Bacharelato tivemos a ocasión de celebrar o Ano Castelao gozando dun clásicos do teatro galego: Os vellos non deben de namorarse, no Auditorio de Cangas. Esta é unha farsa que trata dos amores de tres vellos imprudentes, D. Saturio, D. Ramón e o señor Fuco, que teñen a desgracia de poñer os seus ollos na mocedade garrida de tres rapazas novas: Lela, Micaela e Pimpinela. Como consecuencia desa imprudencia, os tres rematan morrendo. D. Saturio, envelenado cun solimán da propia botica. D. Ramón, que por un bico entrega a alma deitado no esterco; e o vinculeiro señor Fuco, que remata por casar coa namorada e morrendo de felicidade. A representación de Teatro do Morcego  non defraudou a ninguén. 

Teremos ademais a oportunidade de conversar con Celso Parada, director e actor participante na montaxe, na nova sesión do club de lectura Vaidelibros. estades todos e todas invitadas.

25.10.16

CELEBRANDO O ANO CASTELAO EN PONTEVEDRA



No 2016 é o Ano Castelao no que se conmemora  o centenario da súa chegada á cidade de Pontevedra, o 75 aniversario da estrea de Os vellos non deben de namorarse, e o Día das Artes Galegas, que este ano se dedica a este autor.  E para celebralo o alumnado de 1º da ESO percorreu a ruta Castelao por Pontevedra, visitando no Museo, en cuxa fundación participou o propio Castelao, dúas grandes exposicións conmemorativas do Ano Castelao: "Castelao artista. Os fundamentos do seu estilo. 1905-1920" e "Meu Pontevedra". 








ENTRAMOS NO SAMAÍN COA CHAVE DAS NOVELAS DE AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Escenarios e fragmentos das novelas de terror de Agustín Fernández Paz enchen xa a planta baixa do instituto na celebración do Samaín. Hoxe un grupo de alumnos e alumnas de 3º fixemos de guías para o alumado de 1º da ESO relacionando o argumento das novelas cos escenarios recreados. Ata fixemos pequenas dramatizacións! Foi unha experiencia moi interesante. Podedes ver algúns anacos nestes vídeos e fotos:

Corredores de sombras con Ánxela, Ían e Candela  

 
corredores de sombra vimeo from lingualiza on Vimeo.


Cartas de inverno con Antón e Paula.



Aire negro con Valeria e Néstor



Tres pasos polo misterio con Candela e Valeria



Herdanza de sangue, un relato de A neve interminable con Néstor, Isaac e Tamara


 
A porta do alén, un relato de As fronteiras do medo con Isaac



Noite de voraces sombras


Fantasmas no corredor 










24.10.16

O GALEGO, CHAVE DA POESÍA

A poesía en galego publicada estes últimos anos foi a protagonista este mes na biblioteca. Sacamos todos os libros dos andeis para tela máis preto de nós. Aprendemos os nomes dos nosos e as nosas poetas, escollemos os nosos versos preferidos e elaboramos a partir deles as nosas propias creacións. As que máis nos gustaron poderedes lelas na revista Abre os ollos.








 

18.10.16

SAMAÍN, CHAVE DA NOSA HOMENAXE A AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Agustín Fernández Paz deixounos este verán e xa é hora de renderlle a homenaxe que merece desde os corredores do instituto. Escollemos o tempo do Samaín para entrar no mundo dos seres terroríficos coa chave das novelas e relatos deste autor que máis nos gustan, que xa estamos a reler desde principo de curso. Por iso nos poñemos mans a obra para recrealas na planta baixa do instituto.


Para abrir a exposición procuramos información na rede sobre as súas influencias e descubrimos que o seu escritor de terror favorito era Lovecraft. Preparamos unha presentación sobre as características que compartían e buscamos na biblioteca novelas deste escritor.


  

Tamén fomos elaborando un vocabulario con expresións do campo semántico do medo e de terror tiradas das novelas e relatos de Agustín Fernández Paz para poder empregalas nas nosas propias creacións.

Xa estamos impacientes por montar os escenarios. Ven axudarnos nos recreos!

17.10.16

SAMAÍN, A CHAVE DO ALÉN QUE ABRE O MUNDO DOS ESPÍRITOS

Aquí tedes o traballo do grupo de FPBásica para ambientar a chegada do Samaín ao instituto. Pescudaron as orixes da celebración e decoraron os taboleiros con cabazas e arañeiras. E o humor retranqueiro do Bichero.





 

14.10.16

O GALEGO CHAVE DA PRENSA

O EDLG vén de subscribirse a un novo xornal infantil e xuvenil en galego. Chámase O Papagaio, e chegará cada mes. 12 páxinas a toda cor escritas integramente en galego.

Está impulsado por Edicións moito conto, inclúe temas de actualidade e presta unha atención especial á ciencia, tecnoloxía, ecoloxía, historia, arte, cultura, integración e banda deseñada.

Os seus responsables destacan que a sección de ciencia e tecnoloxía está asesorada por científicos/as e presentada por un personaxe fixo: Simio o científico. De igual xeito, a sección de Ecoloxía conta tamén co asesoramento de profesionais e nel trátanse temas relacionados coa agricultura ecolóxica, a bioconstrución ou a reciclaxe. Os temas van acompañados dun experimento que os e as lectoras poderán poñer en práctica.

Na sección de arte, un pintor chamado Pierrot explica os segredos dos principais movementos pictóricos da historia; este apartado inclúe a proposta dun exercicio práctico sobre o estilo en cuestión. Dentro do obxectivo de fomentar a integración, aparece a sección Pratos para compartir culturas, que achega receitas de distintos países. No apartado de Natureza ten un papel destacado "a fabulosa fauna lectora do noso hábitat", que relacionará as distintas especies animais autóctonas coa literatura universal; e, de igual xeito, inclúe a sección SOS Especies ameazadas, na que os animais en perigo de extinción trasladarán as súas queixas a través dunha carta.

Tamén ten unha sección fixa de banda deseñada, protagonizada por Wifi, un can intergaláctico que vive intensas aventuras nos distintos universos paralelos que nos rodean. E unha tira humorística, Viladenihil, con temática de ciencia ficción social.

Xa o podedes atopar na biblioteca!!!


10.10.16

FESTIVAL DA LIBERDADE

Temos unha cita coa música galega máis actual a partir do xoves en Cangas co Festival da Liberdade. Actuarán Superoito, Rebeliom do Inframundo, Xenderal, Fanfarria Takicardia, Dakidarría... e tamén haberá grupos de fóra invitados. Vémonos detrás do concello!