30.1.18

ATRÉVETE A CONSTRUÍR PONTES

Hoxe celebramos o Día Escolar pola Paz e a non violencia baixando xunto ao muro, símbolo da violencia e de todas as actitudes negativas que queremos desterrar da nosa convivencia, e dixemos en voz alta cales eran os nosos compromisos para conseguir derrubalo. Coas pedras fomos construíndo unha fermosa ponte, símbolo da aceptación do que é ou pensa diferente e do poder do diálogo para achegar posturas e resolver conflitos. Alí pegamos os nosos compromisos porque a ponte non é o final senón o comezo dun camiño que nos trae a esperanza dun mundo mellor.















25.1.18

ATRÉVETE A COMPROMETERTE NA CONSTRUCIÓN DA PAZ

Achégase o 30 de xaneiro e nas aulas retomamos o debate arredor dos incumprimentos dos Dereitos Humanos, reflexionando sobre os comportamentos que impiden a convivencia pacífica, as pedras que van construíndo muros de incomprensión, intolerancia, inxustiza...  E, como metáfora, erguemos un muro gris feito de caixas, con pedras recortadas nas que estamos escribindo o que queremos denunciar. A PAZ NON É SILENCIO. ALZA A TÚA VOZ E DENUNCIA AS ACTITUDES QUE ERGUEN MUROS DE INXUSTIZA. Participa!!!



24.1.18

O PERGAMIÑO VINDEL. UN TESOURO EN SETE CANTIGAS


Co motivo da chegada dende a Morgan Library de Nova York do Pergamiño Vindel, unha peza clave na lírica medieval galega que compila as cantigas musicadas de Martín Codax, o alumnado do IES de Rodeira fomos visitar o Museo do Mar de Galicia, en Vigo. O edificio, erixido sobre os restos dunha antiga fábrica de conservas, consta de múltiples naves, os edificios principais, un peirao e un xardín na entrada. Ademais desta exposición temporal, o museo ofrece actividades dabondo e amplas galerías relacionadas co mundo mariño, incluíndo un acuario.
Nada máis chegarmos, as guías saíron recibirnos. Primeiramente accedemos aos talleres e salas de exposicións temporais, pasando por una estancia que contén o submarino de Sanjurjo Badía e unha peza de escultura sobre o mundo do mar, introducíndonos á clara liña temática do museo.

Na sala de exposicións temporais, onde se  gardaba o Pergamiño Vindel, viaxamos atrás no tempo a través de todas as disciplinas artísticas do medievo, a sociedade da época e os seus dubidosos métodos científicos, explicándonos como enfrontaban determinados problemas os cristiáns, por exemplo no caso das enfermidades, e os musulmáns, que daquela estaban máis adiantados, usándonos a nós como suxeitos de probas co que aínda botamos uns risos… Puidemos admirar pezas medievais da Galicia do século XIII, auténticas obras de arte: pergamiños, esculturas, crucifixos, pezas do vestiario, biblias… A visita concluíu no Pergamiño Vindel, o cal interpretamos coa axuda da nosa guía, admirando unha peza histórica de gran valor que se conserva sorprendentemente ben.

Tras ver o soto do museo, pasamos polos talleres, onde o outro guía do museo abondou máis na falta de rigor científico dos cristiáns da Baixa Idade Media, e como debido á ignorancia se producían comunmente mortes de escribas e copistas. Logo admiramos as vistas á ría de Vigo dende o peirao que leva ao pequeno faro da costa,  desde o cal tiñamos unas vistas abraiantes, e o acuario que foi unha grata sorpresa pois reunía ecosistemas propios do litoral galego (costa, ría e illas) con exemplares de considerable tamaño e vistosidade.

Por último pasamos polo edificio principal, o cal ten diversas embarcacións (a maioría concibidas para a pesca), unha réplica do Beagle, pezas de conserva e cadros de pintores da zona. Puidemos botarlle unha ollada á información sobre actividades ligadas ao mundo do mar: a pesca, o marisqueo, a acuicultura, os métodos de salgadura e conxelación, os faros, os avances técnicos nas embarcacións. De camiño entre os dous edificios do museo aínda puidemos ver os restos dun castro marítimo alí escavado.

O ambiente do museo era verdadeiramente agradable, unha unidade ecléctica pero ligada sempre polo mar, con xardíns e fermosas vistas e un recinto e unha arquitectura das naves acolledora e axeitada ao contido do museo (pese a estar algo descoidadas). Unha mañá moi ben aproveitada. Recomendámosvos visitar o museo pois é moi interesante e entretido.








22.1.18

ATRÉVETE A DESCUBRIR O NOSO PATRIMONIO CULTURAL: O PERGAMIÑO VINDEL


Co motivo da chegada dende a Morgan Library de Nova York do Pergamiño Vindel, unha peza clave na lírica medieval galega que compila as cantigas musicadas de Martín Codax, o alumnado do IES de Rodeira fomos visitar o Museo do Mar de Galicia, en Vigo. O edificio, erixido sobre os restos dunha antiga fábrica de conservas, consta de múltiples naves, os edificios principais, un peirao e un xardín na entrada. Ademais desta exposición temporal, o museo ofrece actividades dabondo e amplas galerías relacionadas co mundo mariño, incluíndo un acuario.
Nada máis chegarmos, as guías saíron recibirnos. Primeiramente accedemos aos talleres e salas de exposicións temporais, pasando por una estancia que contén o submarino de Sanjurjo Badía e unha peza de escultura sobre o mundo do mar, introducíndonos á clara liña temática do museo.

Na sala de exposicións temporais, onde se  gardaba o Pergamiño Vindel, viaxamos atrás no tempo a través de todas as disciplinas artísticas do medievo, a sociedade da época e os seus dubidosos métodos científicos, explicándonos como enfrontaban determinados problemas os cristiáns, por exemplo no caso das enfermidades, e os musulmáns, que daquela estaban máis adiantados, usándonos a nós como suxeitos de probas co que aínda botamos uns risos… Puidemos admirar pezas medievais da Galicia do século XIII, auténticas obras de arte: pergamiños, esculturas, crucifixos, pezas do vestiario, biblias… A visita concluíu no Pergamiño Vindel, o cal interpretamos coa axuda da nosa guía, admirando unha peza histórica de gran valor que se conserva sorprendentemente ben.

Tras ver o soto do museo, pasamos polos talleres, onde o outro guía do museo abondou máis na falta de rigor científico dos cristiáns da Baixa Idade Media, e como debido á ignorancia se producían comunmente mortes de escribas e copistas. Logo admiramos as vistas á ría de Vigo dende o peirao que leva ao pequeno faro da costa,  desde o cal tiñamos unas vistas abraiantes, e o acuario que foi unha grata sorpresa pois reunía ecosistemas propios do litoral galego (costa, ría e illas) con exemplares de considerable tamaño e vistosidade.

Por último pasamos polo edificio principal, o cal ten diversas embarcacións (a maioría concibidas para a pesca), unha réplica do Beagle, pezas de conserva e cadros de pintores da zona. Puidemos botarlle unha ollada á información sobre actividades ligadas ao mundo do mar: a pesca, o marisqueo, a acuicultura, os métodos de salgadura e conxelación, os faros, os avances técnicos nas embarcacións. De camiño entre os dous edificios do museo aínda puidemos ver os restos dun castro marítimo alí escavado.

O ambiente do museo era verdadeiramente agradable, unha unidade ecléctica pero ligada sempre polo mar, con xardíns e fermosas vistas e un recinto e unha arquitectura das naves acolledora e axeitada ao contido do museo (pese a estar algo descoidadas). Unha mañá moi ben aproveitada. 

Non deixedes pasar esta oportunidade de coñecer un patrimonio cultural tan valioso e aproveitade para visitar o museo pois é moi interesante e entretido.







17.1.18

ATRÉVETE COAS TRADICIÓNS: A DANZA DE ALDÁN

A danza de San Sebastián ten lugar cada 20 de xaneiro na parroquia de Aldán, en Cangas do Morrazo. O primeiro rexistro escrito que se coñece é aproximadamente do 1600 ou 1650, aínda que, nun códice, se afirma que xa se bailaba desde moito antes, sendo considerada esta, a danza máis antiga do Morrazo.


A duración do baile xira en torno aos 45 minutos sen contar a benia ao santo. Componse de tres partes fundamentais:
- A benia, que é a parte inicial do baile, onde os danzantes fan unha reverencia ao santo e deseguido, sen deixar de mirar cara a San Sebastián, dan a volta á igrexa danzando cara a atrás.
- A danza propiamente dita.
- A contradanza, tamén coñecida como “a muiñeira”.


  

A roupa dos galáns é moi sinxela. Levan un traxe negro combinado con zapatos negros e, como complementos, un gorro negro de feltro, unha banda vermella e amarela (a excepción do guía, que a leva morada e amarela) e unhas castañolas, que acompañan ao son da gaita e do tambor para facer a música.
A roupa das damas é algo máis complexa. Componse dunha saia de cor branca (no meu caso cancán e dúas enaguas) e prendidos a elas levamos un pano de seda a cada costado, un mandil de manila de cor negra, unha blusa branca adornada con multitude de colares e un mantón negro de flores por enriba da blusa enganchado con vistosos broches. Ademais disto hai que levar moitos complementos, vistosas pulseiras e pendentes xigantes, aínda que o que máis chama a atención son os enormes sombreiros de flores.


Eu desde moi pequena, tería preto dos 4 ou 5 anos, comecei a ir aos ensaios da danza de Aldán co meu pai, xa que el leva bailando desde bastante novo. Por iso sei o baile desde sempre e lembro que sempre estaba esperando que faltase algunha dama a algún dos ensaios, para poder substituíla eu. Hai unha listaxe, na que están apuntadas todas as rapazas que queren participar nesta tradición e, a medida que vai habendo ocos, chaman as rapazas segundo esa orde. Eu estou apuntada desde haberá uns seis anos ou incluso máis, e entón, o ano pasado, chamaron ao meu pai dicíndolle que chegara a miña quenda e eu aceptei.
O ano pasado foi o primeiro ano que participei como dama e vivino con moitísima ilusión porque. ademais de ser a máis pequena do grupo -con tan só 16 anos- ía ter o gusto de compartir esta marabillosa experiencia co meu pai. E foi, ademais, unha emoción compartida coa miña compañeira Alejandra sendo a primeira vez na historia da danza que dous pais bailaron coas súas respectivas fillas. A dicir verdade, estaba moi nerviosa. Hai que ter en conta que a roupa é bastante incómoda pois hai que ir moi recargada de complementos e a iso súmaselle o peso do sombreiro, que non é precisamente pouco.    Este ano será a miña segunda vez. Estades todos e todas invitadas!