29.3.19

PREMIO CONTAXIA GALEGO: ANA PELETEIRO

As declaracións de orgullo pola súa identidade en programas de tanta audiencia como El Hormiguero ou Land Rover fannos comprender que falar galego debe ser para nós así de natural, sen máis escusas. Parabéns, Ana por presumir de ser unha galega de Ribeira de pais galego-falantes e demostrar que é posible superar todos eses absurdos complexos de inferioridade e situarse por riba de todas as discriminacións. "Porque españois hai moitos pero galegos non tantos" luzamos con orgullo a nosa lingua e o noso acento, o sinal que nos distingue e nos fai únicos e especiais. E parabéns, por suposto, pola túa medalla de ouro en triple salto en pista e polo novo récord español que conseguiches en Europa.
 

CITEAMOR

Nova cita co teatro no Auditorio. Comeza o Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo.

O próximo martes 2 de abril arrinca no Auditorio Municipal de Cangas o X Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo (CITEAMOR) cun programa que, agás o 16 de abril, se desenvolve todos os martes ata o 4 de xuño.
O pregón inaugural correrá a cargo da actriz moañesa Antía Costas ás 20.15 horas para continuar coa actuación de Avelaíña Teatro que presenta A ópera de a patacón, de Roberto Vidal Bolaño.
Nesta nova edición do CITEAMOR participan doce grupos de teatro. O instituto estará moi ben representado co grupo de alumnado adolescente, A Réplica, e a súa versión de Romeo e Xulieta e cun dos grupos de teatro de adultos que ensaian no centro: Os deslinguados, creado desde a Federación de ANPAS. Tamén actuarán Petanaporta Teatro, o Grupo de Teatro da Asociación Mulleres de Moaña, DOA Furafollas Teatro mais o grupo convidado, Avelaíña Teatro de Pontevedra.
Como vén facendo nos últimos anos, o CITEAMOR inclúe dous cursos de 8 horas dirixidos a toda a poboación: “Narrar co corpo, narrar coa palabra” e “Escachar coa comedia”. O prezo dos cursos é de 20 euros por persoa.








27.3.19

Á CAZA DO VIRUS QUE CONTAXIA GALEGO

Hoxe, o alumnado de Animación de Bacharelato convocamos ao alumnado dos equipos de dinamización do galego da ESO para unha importante misión.

Ante a preocupante situación que se vive nalgunhas zonas de Galicia, as forzas rebeldes encargaron a un grupo de científicos a creación dun virus que contaxie identidade, autoestima e amor polo propio co obxectivo de salvar a nosa lingua e a nosa cultura. Pero as forzas imperiais non queren linguas rebeldes. Perseguidos polas forzas do lado escuro, os nosos científicos tiveron que agochar os compoñentes do virus preparando unha serie de pistas e probas para que só poidan atopalas aqueles que demostren que son da causa do galego.

A misión dos equipos foi reunir os compoñentes dese virus milagreiro que contaxia o galego. Fixeron o xuramento de fidelidade á lingua e pasaron a formar parte da irmandade das forzas rebeldes, esas que mantiveron viva a nosa identidade durante séculos a pesar das imposicións das forzas imperiais. Reunidos en pequenos grupos identificados cunha cor, dsipuxéronse a superar as probas e a conseguir as pistas para localizar os compoñentes do milagreiro virus.


PROBA 1: 
A primeira proba que tiveron que superar foi a de COÑECEMENTO da cultura que defendemos. Para iso tiveron que xogar a PASAPALABRA e contestar correctamente cinco preguntas. Cada vez que pasaban palabra, entraba o seguinte grupo e volvían ter oportunidade na seguinte rolda.

Ao conseguiren as cinco respostas correctas, entregábaselle a primeira pista: "Se os compoñentes do virus queres atopar/ ao pé dun carballo deberás buscar".


PROBA 2
A seguinte proba tivo lugar no parque infantil do Xardín do Sinal. Alí os grupos debían rescatar a bandeira da Irmandade. Demostraron o seu espírito de equipo xa que debían chegar á bandeira cun balón pero cada membro do equipo podía dar só dous pasos. Se o balón caía ao chan ou non chegaban á meta, debían comezar de novo. Na bandeira estaba a seguinte pista: Se os compoñentes do virus queres atopar/unha pequena igrexa debes visitar", a Capela do Hospital, reconstruída polos veciños nesa mesma Alameda na que estaban.





 PROBA 3:

Demostraron que a nosa cultura está viva, preguntándolle á xente que pasaba pola rúa frases feitas ou cancións galegas para conseguir a terceira pista: "Se os compoñentes do virus queres atopar/ entre as pedras do dique deberás buscar"




PROBA 4
No dique tiveron que demostrar a súa habilidade atopando as pezas dun quebracabezas nas cartolinas da súa cor e descubrir que o misterio a resolver é a propia lingua, conseguindo así unha pista que os levou ata Massó:"se os compoñentes do virus queres atopar/nunha vella fábrica debes buscar"


PROBA 5
Para que o virus mantivese os seus poderes, tiveron que conseguir auga máxica da lagoa encantada da Congorza. En fileira na entrada do santuario, entraron un a un para non pertubar a paz do lugar armados cun instrumento especial que só deixaba coller pequenas cantidades para manter así todas as súas propiedades. Ao chegar á fileira baleiraban nunha botella e saía o seguinte  ata conseguir enchela. Gañaron así a pista que os levou á praia de Areamilla: "se os compoñente do virus queres atopar/na area milla terás que pisar".


PROBA 6
A música do pobo mantivo viva a nosa cultura cando estaba prohibida na escola e nos libros. As cantigas populares transmitíronse de pais a fillos durante séculos e son un legado que nos identifica e que non podemos perder.  Por iso, para poder cruzar o túnel e atopar unha nova pista, tiveron que demostrar que eran quen de continuar as cantigas que lles cantamos.


Con todos os compoñentes atopados, cada grupo creou o seu propio virus milagreiro. A verdadeira misión acababa de comezar, o compromiso de falar a nosa lingua e contaxiala ao catro ventos.











21.3.19

UNHA ÁRBORE DE PITÁGORAS CHEA DE POESÍA

Hoxe, 21 de marzo, celebramos o Día da árbore e o Día da poesía unindo as matemáticas e a poesía, construíndo unha árbore de Pitágoras como soporte para os nosos versos.

Primeiro pensamos como aplicar a teoría de Pitágoras á construción dunha árbore e logo pescudamos pola rede para descubrir que xa o fixera por primeira vez o profesor Albert E. Bosman en Holanda, en 1942. 

E puxémonos mans á obra. Primeiro preparamos cadrados que fomos enchemos de versos de Bernardino Graña, Lupe Gómez, Darío Xohan Cabana, Rafa Villar, Enma Pedreira, Méndez Ferrín, Ana Romaní, Luz Pozo, Oriana Méndez, Estevo Creus, Paulo Vilar...sobre triángulos con estampados variados. Dos granates para as pólas pasamos aos verdes e amarelos e aos papeis floreados para a copa. 

E chegou o momento de construíla. Partimos dun gran cadrado que fixo de tronco. Sobre un dos seus lados, un triángulo rectángulo isósceles. Sobre cada un dos seus catetos colocamos outros dous cadrados cuxos lados miden xusto a metade do cadrado inicial . E así sucesivamente, outra liña de catro cadrados máis pequenos e logo oito e logo 16 e así sucesivamente... cada vez máis pequeniños.



14.3.19

CELEBRANDO O DÍA DE PI

A idea foi do físico Larry Shaw, do San Francisco Exploratorium. Escolleuse o 14 de marzo porque no formato de data estadounidense (mes/día/ano) este sería 3/14 e 3'14 é a aproximación de π con dous decimais por defecto. Co tempo foi gañando popularidade ata que no 2009 unha resolución favorable da Cámara de Representantes dos Estados Unidos que declarou oficialmente o 14 de marzo como Día Nacional de π. E no instituto tamén quixemos celebralo.


11.3.19

CONTAXIA IGUALDADE: GOLPES


Hoxe, o alumnado de 3º e 4º tivemos teatro no instituto, como parte do proxecto 365 días pola igualdade que se está desenvolvendo no centro.

GOLPES é unha obra do director Xosé Leis, na que unha única actriz, Estíbalez Veiga, cunha escenografía mínima,  dá vida a Pamela, unha moza que ven de sufrir violencia machista. Pamela contounos a súa vida, os seus soños, o seu romanticismo...; falounos dos golpes que recibiu, de como entrou no círculo da violencia e do que aprendeu dunha relación que non debeu vivir. Unha interesante reflexión sobre as desigualdades que vivimos cada día.
Gustounos moito e o traballo da actriz pareceunos espectacular.
 




8.3.19

DÍA DA MULLER

As alumnas de Animación sumámonos á folga do 8M para reclamar a igualdade real de homes e mulleres. Os alumnos percorremos o centro de Cangas, enchendo os escaparates dos locais e os taboleiros de información con rostros e biografías de 100 mulleres galegas pioneiras.


E logo profesorado e alumnado, coas nosas pancartas, sumámonos á concentración organizada diante do Concello de Cangas.







5.3.19

ROMPENDO ESTEREOTIPOS

Somos moi conscientes do ocultamento que sufriron tantas mulleres que destacaron e seguen a destacar en moitos campos do saber. Para compensar esta inxustiza histórica enchemos os corredores cos seus rostros e os seus logros. Tivemos ata fotomatóns de grandes científicas.



















4.3.19

CONTAXIA IGUALDADE

Achégase o Día da Muller. Traballamos nas aulas as desigualdades que a muller sofre aínda no mundo e organizamos unha campaña publicitaria no centro para denuncialas. Agradecemos ao alumnado máis novo que nos prestase a súa imaxe en defensa da igualdade.